top of page
pedro Fdz, Fernán Ruiz, Juana de Castro.PNG

Xoana de Castro

Contexto histórico

A súa vida decorreu durante os últimos anos do reinado de Afonso XI e os reinados dos seus fillos Pedro I e Henrique II de Castela.

Do matrimonio do monarca Afonso XI con dona María de Portugal, consecuencia dun pacto entre Castela e Portugal asinado en 1327, naceu, o 30 de agosto de 1443, o futuro Pero I. Porén, o rei conviviu durante moitos anos coa súa amante, dona Leonor de Guzmán, coa que tivo dez fillos, entre eles o futuro Henrique II, nacido o 13 de xaneiro de 1333.

Durante o reinado de Pedro I xurdiron dous bandos nobiliarios, os leais ao monarca reinante e os partidarios de Henrique, conde de Trastámara. Isto desembocou finalmente nun enfrontamento armado a partir de 1366. Tras tres anos de combates, o asasinato de Pedro I a mans do seu medio irmán Henrique, en Montiel, deron lugar á entronización deste último en 1369 como Henrique II de Castela.

Semblanza biográfica

Dona Xoana de Castro foi filla de don Pedro Fernández de Castro e de dona Isabel Ponde de León. Estivo prometida inicialmente ao futuro Henrique II, fillo bastardo de Afonso XI, aínda que o matrimonio nunca chegou a materializarse. Segundo algúns autores, dona Xoana casou en dúas ocasións. A primeira con don Diego de Haro e, a segunda, co monarca Pedro I, sendo este último casamento o que lle permitiría usar o título de “reyna de Castilla” durante o resto da súa vida.

Dona Xoana naceu en data descoñecida pero con anterioridade ao ano 1334, xa que nese ano consta o citado compromiso matrimonial con Henrique, quen por esa altura tiña dous anos. Polo tanto, é posible pensar que dona Xoana tería unha idade similar. Despois de cumprir os sete anos comezaría, como moitas outras mulleres da nobreza, a súa etapa de formación, centrada, moi probablemente, na adquisición dunha rigorosa formación relixiosa e moral e de coñecementos centrados na organización e xestión da casa nobre, ademais de aprender a tocar algún instrumento ou montar a cabalo. Os seus primeiros catorce anos de vida deberon ser semellantes aos doutras nenas da súa idade e liñaxe, e puideron transcorrer nas posesións da familia na terra de Lemos e o Castelo de Monforte.

Unha vez cancelado o seu compromiso con Henrique, acordouse a súa voda con don Diego de Haro. Mais este matrimonio non duraría moito tempo, pois el probablemente faleceu en 1343, durante o sitio de Algeciras, ou pouco despois. En todo caso, en 1354 xa estaba viuva, sendo solicitada posteriormente en matrimonio polo monarca Pedro I.

Segundo as crónicas, ela era “mugier bien fermosa” e Pedro I “grande de cuerpo, e blanco e rubio”. Inicialmente non aceptaría a proposta, alegando que o rei xa estaba casado con dona Blanca de Borbón. Porén, os bispos de Ávila e Salamanca convenceríana da nulidade do matrimonio real, logrando o seu consentimento. A cerimonia relixiosa tivo lugar nos primeiros días de abril de 1354 na vila de Cuéllar (Segovia), onde foi recoñecida como raíña e señora. Ao día seguinte da voda, o rei abandonouna e non volveu a encontrarse con ela, o que deu pé a supoñer que, ese mesmo día, foi coñecedor da conspiración do irmán bastardo de dona Xoana e outros nobres para ofrecer a Coroa de Castela ao infante de Portugal.

Tras este fugaz matrimonio, dona Xoana retirouse á vila de Dueñas, onde viviu até a súa morte, ocorrida o 21 de agosto de 1374. Está soterrada na Catedral de Santiago de Compostela, nun magnífico mausoleo situado actualmente no chamado Panteón Real, onde é representada cun elemento fundamental da súa condición: a coroa. Ademais, viste un manto longo pregado e pegado ao corpo, e unha touca cinxida ao rostro sobre a que se sitúa a coroa. Aos pés, aparece unha pequena ringleira de cans, paralela ao final do manto. Nos laterais do sepulcro represéntanse os escudos dos Castro e os de Castela e León, todos eles baixo frontóns triangulares adornados con follas e pequenas torres que evocarían a Xerusalén Celeste.

 

A disposición actual do sepulcro impide unha lectura completa do epígrafe do monumento, aínda que. segundo unha referencia do século XVII, habería un epitafio apócrifo e cheo de erros, xa que o seu primeiro marido non foi señor de Biscaia e, segundo moitos autores, nin tivo ningún fillo:

Aquí yace doña Juana de Castro, Reyna de León y Castilla, hija de don Pedro Fernández de Castro, llamado el de la Guerra señor de Lemos y Sarria, y de doña Isabel Ponce de León, su segunda mujer. Casó con esta Señora doña Juana de Castro, estando viuda de Don Diego de Haro, Señor de Vizcaya, don Pedro, único del nombre, rey de Castilla y León, que començo a reynar en el año 1350, y tuvo de ella al infante don Juan de Castilla, que murió después en el castillo de Montiel a manos del Rey Don Henrique, su tío. Falleció en 21 de Agosto. Era 1412.

Para saber máis...

Cendón Fernández, Marta, “La imagen de las mujeres con poder en el arte bajomedieval gallego”, en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV): estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, CSIC, 2017, páxs. 241-281 (Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, 44).

Díaz Martín, Luis Vicente, Pedro I el Cruel, Gijón, Ediciones Trea, 2007.

González Vázquez, Marta, Xoana de Castro, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2005 (A nosa memoria, 44).

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols. (Galicia Histórica).

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, “Repertorio biográfico. Genealogía y prosopografía de mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV)”, en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV): estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, CSIC, 2017, páxs. 446-448 (Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, 44).

Valdaliso Casanova, Covadonga, Pedro I de Castilla, Madrid, Sílex Ediciones, 2016.

Valdeón Baruque, Julio, Enrique II (1369-1379), La Olmeda, Diputación de Palencia, 1996.

Valdeón Baruque, Julio, “Juana de Castro”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico [en liña], dispoñible en https://dbe.rah.es/biografias/14654/juana-de-castro [Consulta: 03/11/2021].

Enderezo electrónico

Enderezo postal

Rúa San Roque, 2

15704, Santiago de Compostela (A Coruña)

Séguenos

  • 1. Sello Sarmiento color institucional
  • Twitter
bottom of page