top of page

Teresa Rodríguez de Aguiar (I)

Filla de Fernán Rodríguez de Aguiar o Vello (fillo á súa vez de Pedro Tiña de Aguiar) e da súa muller, cuxa identidade non é coñecida. Os seus irmáns foron: un novo Fernán Rodríguez de Aguiar, que casou cunha dona Sancha Vázquez e coa que tivo a un novo personaxe homónimo, ao cal dona Teresa beneficiou no seu testamento coa terraría de Cervo polos días da súa vida, e dona Inés Fernández de Aguiar, que foi muller de Diego González de Saavedra (fillo de Gonzalo Méndez de Saavedra). 

 

Esta dona Teresa Rodríguez de Aguiar, que foi a  primeira das moitas que despois levaron esta asociación onomástica, casou con Rodrigo Alfonso de Saavedra  (fillo de Alonso López de Saavedra, comendeiro de Meira, e de dona Sancha Núñez de Andrade, sobriña de Fernán Pérez o Boo, de quen recibiu os coutos de Damil e Felmil en 1377). DEste matrimonio quedaron dúas fillas: dona Inés Fernández de Aguiar, quen parece que casou primeiro con Fernán Pérez de Párrega e máis tarde con Gonzalo Becerra, e dona Constanza López de Aguiar, que casou á súa vez con Juan Núñez Pardo de Cela, comendeiro de Mondoñedo, quen, posteriormente, casou cunha dona Leonor Álvarez de Vilaseca [1]. Ademais das mencionadas, o citado Rodrigo Alfonso tivo unha filla non lexítima, dona Constanza López de Saavedra, que casou con Alonso Díaz de Xermar o Empozado.

 

No ano 1404 recibiu, xunto ao seu cónxuxe, un foro coa terraría de San Xurxo do mosteiro bieito de Vilanova de Lourenzá [2]. Xa en 1428 nomeou a Juan Pardo das Mariñas como xuíz árbitro para que resolvese co representante de Alfonso Díaz de Xermar as diferenzas surxidas con motivo do testamento de Rodrigo Afonso de Saavedra [3].


Outorgou o seu testamento no ano 1432 e nel deixou ordenado o seu enterramento na conventual de San Francisco de Lugo a par de Rodrigo Afonso de Saavedra, meu marido, aínda que no caso de falecer en Mondoñedo sinalou a súa preferencia pola de San Francisco de Viveiro, onde encargou misas polas almas dos seus pais e irmáns. Entre as súas últimas vontades incluíu tamén diversos legados a familiares, servidores e coñecidos, entre eles á súa ama, Mor Afonso, á que deixou o padroado de Belmar, e designou como herdeiros a meus netos et fillos et fillas de Costança Lopez et de Ynes Fernandes, minnas fillas, que os herden hyrmaamente, sen establecer ningún tipo de melloría [4].

--

[1] Véxase, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, 2022. ARCHVa, Pleitos Civiles, Escribanía de F. Alonso Rodríguez, caja 2595-1.

[2] AHN, Códices, L. 181, fol. 89r.º. García-Fernández, Miguel e Otero Piñeyro Maseda, Pablo S., “Realidades señoriales en el ámbito doméstico: objetos cotidianos de mujeres con poder en el Noroeste peninsular (siglo XV)” (no prelo).

[3] ADM, Parga, leg. 1, núm. 25.

[4] ARCHVa, Pleitos Civiles, Escribanía de F. Alonso Rodríguez, caja 2595-1.

bottom of page