top of page
Pedro Álvarez Osorio.PNG

Pedro Álvarez Osorio

Contexto histórico

A súa vida transcorreu durante o reinado de Xoán II, durante o do seu fillo Henrique IV, durante a guerra civil que mantiveron os partidarios da filla de Henrique IV, Xoana –á que algúns alcumaron a Beltranexa, aludindo a unha posible paternidade do nobre Beltrán de la Cueva, home de confianza do monarca-, e os da infanta Isabel, medio irmá de Henrique IV, e, finalmente, durante o inicio do reinado dos Reis Católicos.

Tras a morte de Henrique IV en 1474, tanto dona Xoana como dona Isabel foron proclamadas raíñas polos seus respectivos partidarios, o que derivou no correspondente enfrontamento bélico. Finalmente, este rematou en 1479 coa sinatura do Tratado de Alcáçovas, no que se recoñeceu a Isabel e Fernando como reis de Castela, comezando un reinado cheo de importantes reformas e dun forte impulso centralizador do poder monárquico

Semblanza biográfica

Apenas conservamos informacións sobre o seu perfil humano, aínda que unha testemuña dos seus primeiros anos afirmaba telo visto durmir no mosteiro de Carracedo, vestido moi vulgarmente, bebendo do mesmo vaso que un monxe e comendo o mesmo ca eles. A súa sensibilidade literaria, unida á exquisita educación recibida, quedou reflectida nun poema recollido no Cancionero general de muchos y diversos autores. Porén, a súa ambición, a falta de escrúpulos e o seu oportunismo foron desde o primeiro momento trazos persoais que determinaron a súa traxectoria.

En boa medida, o punto de partida do seu ascenso estivo vinculado ao seu matrimonio con dona Beatriz de Castro, decidida a non renunciar á herdanza do seu irmán don Fadrique, labor ao que se uniu don Pedro co obxectivo de conseguir unha beneficiosa reunificación do patrimonio da Casa de Lemos. Para iso, buscou e conseguiu a confianza de Xoán II e opúxose ao bando nobiliario pro-aragonés contrario a don Álvaro de Luna. En representación do monarca, executou numerosos encargos en terras galegas, que o levaron incluso ao enfrontamento armado e a conseguir a inimizade de importantes personaxes do reino de Galicia.

Tras a morte de Xoán II e o inicio do reinado de Henrique IV, don Pedro conseguiu contar coas simpatías deste último, o que se traduciu na clara vontade do monarca de potenciar, aínda máis, a posición galega de don Pedro. Finalmente, en 1456, un ano despois da morte de dona Beatriz, recibiu a concesión do condado de Lemos de forma hereditaria, o que supuxo o apoio definitivo para converterse no árbitro de Galicia. O seu patrimonio incluía vilas de grande importancia no territorio galego e no Bierzo como Monforte de Lemos, Castro Caldelas, Sarria, Chantada, Villafranca ou Ponferrada, ademais de numerosas fortalezas que lle xeraban unha importante cantidade de recursos. Isto, xunto co poderío militar que estes recursos lle permitían manter, acabaron por convertelo nun dos personaxes máis influentes de Galicia. 

Aínda que este poder señorial se viu desafiado pola revolta irmandiña (1466-1469) e, de feito, algunhas das súas fortalezas sufriron importantes danos, como as de Monforte, Castro Caldelas ou Sarria, tras a derrota dos irmandiños, don Pedro Álvarez Osorio retornou aos seus señoríos galegos e obrigou aos seus vasalos a restaurar estas fortalezas, consolidando a súa posición de poder. Non seguiu nese momento o consello que lle deu o mariscal Pedro Pardo de Cela, quen “dixera al dicho Conde que ynchiese los carballos de los dichos basallos”. Ante esta idea, don Pedro dixéralle que “no quería, que no se abia de mantener de los carballos, que si ellos hizieran el mal que lo pagarian”. De feito, esixiulles non só o seu traballo -”los labradores pobres iban a serbir e carretar la piedra e otras serbintias a las dichas fortalezas”- ou que levaran materiais e animais para contribuír ás obras de reconstrución, senón tamén un imposto anual que deu paso a que algúns dos seus criados cometeran diversos abusos. Tamén o propio Conde é acusado por un testigo de “quel mismo Conde yba en una mula con una bara en la mano dandoles en la cabeça deziéndoles: carretad, villanos, que bien recios andabades en derribar mis casas”.

Do seu primeiro matrimonio con dona Beatriz de Castro naceron dous fillos: dona María e don Alonso. Este último, destinado a ser o herdeiro da Casa de Lemos, faleceu nas terras de Samos en 1467, vítima da peste. Do seu segundo matrimonio con dona María de Bazán naceron catro fillas. A eles habería que engadir outros fillos ileítimos, entre os que cómpre destacar, posiblemente, o que herdou o Condado.

Segundo Eduardo Pardo de Guevara, don Pedro, tras a morte do seu fillo Alonso e ao perder as esperanzas de ter un herdeiro varón lexítimo, optaría por nomear herdeiro ao seu fillo bastardo, don Rodrigo, presentándoo como fillo natural do seu propio fillo don Alonso. É dicir, faría pasar por neto a quen, en realidade, puido ser o seu fillo. 

Don Pedro Álvarez Osorio morreu en 1483 e parece ter sido soterrado na conventual de San Francisco de Villafranca, xunto a dona Beatriz de Castro e os fillos que tivo con esta, dona María e don Alonso; se ben, non se conserva nada do seu sepulcro, acaso só uns poucos restos descontextualizados.

Para saber máis...

Franco Silva, Alfonso, “Pedro Álvarez Osorio”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico [en liña], dispoñible en https://dbe.rah.es/biografias/39323/pedro-alvarez-osorio [Consulta: 03/11/2021].

García Oro, José, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, 1981 (Biblioteca de Galicia, 20). 

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Pedro Álvarez Osorio. Un noble berciano del siglo XV, Ponferrada, Fundación Pedro Álvarez Osorio, 2008.

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols. (Galicia Histórica).

Pérez-Bustamante, Rogelio e Calderón Ortega, José Manuel, Enrique IV, 1454-1474, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1998.

Porras Arboledas, Pedro A., Juan II, 1406-1454, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1995.

Rodríguez González, Ángel, Las fortalezas de la mitra compostelana y los irmandiños. Pleito Tabera-Fonseca, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1984, 2 vols. (Galicia Histórica).

Suárez Fernández, Luis, Los Reyes Católicos, Barcelona, Ariel, 2004.

Enderezo electrónico

Enderezo postal

Rúa San Roque, 2

15704, Santiago de Compostela (A Coruña)

Séguenos

  • 1. Sello Sarmiento color institucional
  • Twitter
bottom of page