top of page

Fernán Eanes de Limia

As orixes dos Limia e Novoa remóntanse ao século XII, altura na que o magnate Arias Calvo de Galicia asumiu a tenencia da Limia, en substitución de Rodrigo Pérez Velloso (Trava). A partir deste momento, os seus fillos Fernando Arias Baticela e Xoán Arias de Amoeiro provocaron unha segmentación da liñaxe en dous grupos familiares, descendendo os Limia do primeiro e os Nóvoa do segundo. E mentres que os Nóvoa se diseminaron pola contorna de Ribadavia (corazón da antiga terra de Nóvoa), os Limia afincaron o seu poder máis ao sur, dentro das actuais bisbarras da Alta e a Baixa Limia.

A situación fronteiriza dos seus dominios e os múltiples casamentos que estableceron coa aristocracia portuguesa (entre os séculos XII e XIII) permitiron que moitos dos Limia construíran vidas públicas transfronteirizas verdadeiramente exitosas, como, por exemplo, a de Xoán Fernández de Limia (I), o Bo, pai de Fernán Eanes de Limia (I), avó de Fernán Fernández de Limia (II) e bisavó de Ruí Fernández de Limia (III).

Nacido do primeiro matrimonio de Fernán Fernández (II) coa portuguesa Sancha Vasques de Soverosa (filla de Vasco Gil de Soverosa, magnate exiliado en Toledo co rei Sancho II de Portugal e que participou nas conquistas andaluzas de Fernando III), Ruí Fernández de Limia (III) formou parte dunha xeración de Limias que se enfrontou con retos verdadeiramente relevantes na historia de Galicia. A chegada do infante don Filipe a Galicia en 1299, o seu enfrontamento cos Castro e a súa implantación (conxuntamente cos Biedma) na Limia (especialmente a partir de 1317), diminuiría seriamente o radio de acción de Ruí Fernández e dos seus irmáns, chegando Xoán Fernández de Limia (III) a abrazar un cursus honorum case exclusivamente portugués. Pola súa banda, Xoán Fernández de Limia (IV), arzobispo de Santiago (1330-1338), nacido do segundo matrimonio do seu pai con María Fernández de Gondiães (Gundías?), tivo a complexa tarefa de suceder a Berenguel de Landoira e, polo tanto, de restituír o equilibrio e a paz na súa Igrexa. 

Do matrimonio, probablemente tardío, entre Ruí Fernández (III) e María Afonso Churruchao naceron Beatriz Rodríguez de Limia (muller do portugués Pedro Anes Marinho/Valadares, do que tivo descendencia), Tareixa Rodríguez de Limia, Inés de Limia (monxa en Santa Clara de Allariz), Xoán Fernández de Limia (V) (marido de Mariña Páez de Novoa, filla do célebre petrista Xoán Pérez de Novoa (III) e Álvaro Rodríguez de Limia (I). 

Documentado principalmente entre os anos de 1370 e 1376, Álvaro Rodríguez de Limia (II) tornouse, despois de Montiel, nun dos principais partidarios galegos do rei don Fernando de Portugal, sendo, por iso, beneficiado coa doazón de numerosos bens no sur de Galicia (1370) e co seu nomeamento como alcalde de Melgaço (1371). Tamén foi señor de Celme –fortaleza que pasaría, moi probablemente, a Xoán Fernández de Limia (V), o seu irmán, despois de procurar o exilio en Portugal– e das terras de Sande e Milmanda (durante o dominio portugués). Anos máis tarde (ca. 1376) tomou posesión de varios coutos de Santa Clara de Allariz (Morgade, Distriz e Arnoia, entre outros), por vía dunha relación enfitéutica establecida contratualmente con este cenobio. Grazas ao seu matrimonio con Inés Fernández de Soutomaior tamén accedería a algún patrimonio pertencente aos señoríos dos Soutomaior e dos Castro de Fornelos. Desta relación naceron Inés de Limia, María de Limia e Fernán Eanes de Limia (II).

Talvez por influencia do seu pai, Fernán Eanes uniuse ao movemento petrista, pasando tamén ao partido portugués, onde chegou a combater polo rei João I de Portugal, mestre de Avis, durante a crise sucesoria de 1383-1385. A súa participación no asedio a Tui ditaría o secuestro inmediato dos seus bens galegos pola Coroa castelá, pero el sería resarcido polo rei de Portugal mediante a doazón da torre e o señorío de Giela e das terras de Valdevez, Froião, Coura, S. Martinho, Santo Estêvão e Geraz do Lima (en 1398 e 1399). Hoxe sabemos que a súa base patrimonial primordial viría, principalmente, de Fernán Eanes de Soutomaior, o seu tío materno, quen lle confiou, en 1371, un riquísimo conxunto de bens, onde figuraban as fortalezas e señoríos de Soutomaior e Fornelos. Despois de falecer en 1422, Fernán Eanes foi sepultado en Portugal, no mosteiro fronteirizo de Fiães. Importa sinalar tamén a máis que probable complexidade da súa vida persoal e familiar, xa que casou en primeiras nupcias con Xoana Vázquez das Seixas, filla de Vasco das Seixas, e despois, tras a disolución deste primeiro matrimonio e durante o exilio en Portugal, con Teresa Gomes da Silva. Deste segundo matrimonio naceron Álvaro Rodríguez de Limia (III), Ruí Gómez de Limia, don Lionel de Limia, I vizconde de Cerveira, e unha filla de nome descoñecido, denominada como a Abadesa.

En Galicia, a morte precoz de Ruí Fernández de Limia (IV) –fillo de Xoán Fernández de Limia (V), señor de Celme, e de Mariña de Novoa–, en 1366, provocaría que esta descendencia de Fernán Eanes de Limia (II), radicada en Portugal, pasara a ser a única herdeira de todo o prestixio e poder dos Limia, baixo o forte liderado de don Lionel de Limia ao longo do século XV.

 

Bibliografía

Fátima Regina FERNANDES, O reinado de D. Fernando no âmbito das relações régio-nobiliárquicas, Porto, FLUP (Tese de doutormaneto inédita), 1996.

Fátima Regina FERNANDES, «Os Exilados castelhanos no reinado de Fernando I de Portugal», En la España Medieval, 23 (2000), páxs. 101-115.

João Paulo Martins FERREIRA, A nobreza galego-portuguesa da Diocese de Tui (915-1381), Santiago de Compostela, IEGPS-CSIC, 2019 [Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, XLVIII].

Manuel Rubén GARCÍA ÁLVAREZ, «Los Arias de Galicia y sus relaciones familiares con Fernando II de León y Alfonso I de Portugal», Bracara Augusta, XX, núm. 43-44 (1966), páxs. 25-41. 

José GARCÍA ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Ed. Bibliófilos Gallegos, 1981.

Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, Los Señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de La Maza, 2000, 2 vols.

Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, «Parentesco y nepotismo. Los Arzobispos de Santiago y sus vínculos familiares (Siglos XIV-XV)», en Ramon Yzquierdo Perrín (coord.), Actas del Simposio Internacional “El Coro del Maestro Mateo”, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2001, páxs. 63-120.

Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, De Linajes, parentelas y grupos de Poder. Aportaciones a la historia social de la nobleza bajomedieval gallega, Madrid, Fundación Cultural de la Nobleza Española, 2012.

José Augusto de SOTTOMAYOR-PIZARRO, «Os Limas: Da Galiza a Giela (Séc. XII a XV)», en Actas do 2º Congresso Internacional: Casa nobre um património para o futuro, Arcos de Valdevez, Município de Arcos de Valdevez, 2011, páxs. 53-74.

José Augusto de SOTTOMAYOR-PIZARRO, «A família Lima entre a Galiza e Portugal (Séculos XII a XVI)», en José Augusto de Sottomayor-Pizarro y Mário Jorge Barrroca (eds.), Paço de Giela. História de um Monumento, Arcos de Valdevez, Município de Arcos de Valdevez, 2015, páxs. 15-65.

bottom of page