top of page

Vasco Gómez das Seixas (IV)

Vasco Gómez das Seixas (IV), o Excomungado, foi fillo do matrimonio entre Vasco Gómez das Seixas (III), señor de San Paio de Narla e meiriño de Lope Sánchez de Ulloa, e de Teresa de Ribadeneira. Desta unión tamén naceron Fernán Díaz de Ribadeneira, Berenguela López das Seixas, quen casou con Alonso López de Aguiar, Martín Vázquez de Vaamonde, Pedro de Bolaño e  Elena das Seixas. Ademais, por liña bastarda, tamén foron os seus medios irmáns Pedro das Seixas e Roi das Seixas. Do seu matrimonio con María de Andrade y Ulloa, filla bastarda do conde D. Fernando de Andrade, naceron Vasco Gómez das Seixas (VI), quen herdou en primeiro lugar San Paio de Narla; Fernán Pérez das Seixas, quen finalmente se converteu no señor de San Paio tras herdalo do seu irmán e quen llo transmitiría á súa sucesión; e, probablemente, Fernán Gómez das Seixas (V), quen casou con Maior Fernández de Soutomaior, Luis das Seixas (II), casado con Leonor Gómez de Ventosa, e Xoana Díaz de Seixas, quen casou cun Gonzalo Sánchez.

Antes de converterse en señor de Narla e a raíz do derrocamento da fortaleza durante a revolta irmandiña de 1467-1469, o seu pai, Vasco Gómez das Seixas (III), transformou o castelo nunha casa-forte, reconstruíndo o seu recinto amurallado e acrecentándolle trazos defensivos ao palacio. Entre 1483 e 1486, aproximadamente, estas obras foron embargadas e controladas atentamente polos oficiais rexios.

Porén, en 1503, o seu fillo Vasco Gómez das Seixas (IV) pasaría a residir neste lugar e, dous anos despois, volvería a darlle inicio á súa reconstrución. Fundamentándose nas prohibicións impostas polos Reis Católicos respecto da reconstrución de novas fortalezas, o bispo de Lugo interpuxo un preito contra estas obras, chegando a excomungar a Vasco Gómez (IV) en 1510. O seu irmán, Fernán Díaz de Ribadeneira, tamén é mencionado nesta demanda (1502-1508), así como Roi das Seixas (1511). En 1511, Vasco Gómez (IV) recibiu unha sentenza favorable, o que lle permitiu dar conclusión ás obras, o cal só sucedería cara a 1523.

Cómpre recordar que a transmisión do señorío de San Paio cara ás mans de Vasco Gómez das Seixas (VI) viuse ensombrecida polo coñecido asasinato que este home protagonizou contra a súa muller Catalina de Santirso en 1543. Tras morrer ese ano en terras portuguesas, o señorío de Vasco Gómez pasou ao seu irmán Fernán Pérez das Seixas e, posteriormente, aos descendentes deste e da súa muller Brianda de Tovar y Pimentel, señora de Canedo, Damil y Felmil.

bottom of page