Antonio de Tovar
Fillo de Fernán Sánchez de Tovar, quen foi soterrado na antiga colexiata de Ribadeo (este último era fillo por súa vez doutro personaxe homónimo, segundo anota Vasco de Aponte) e de dona Inés Vázquez de Vaamonde, señora de Canedo (filla por súa vez de Juan Fernández de Cabarcos, señor de Canedo, e de dona Mayor Parda, irmá do mariscal Pardo de Cela).
Casou con dona Blanca Pimentel de Ribadeneira (filla de Fernán Díaz de Ribadeneira, señor de Torés, e de dona María Pimentel Cabeza de Vaca), a cal foi dotada en 1522 cos coutos de Aio, Daa, Torrán e parte do de Vallora, ademais doutras rendas, e tivo con ela un fillo varón, Fernán Díaz, que morreu antes ca él, e seis fillas; entre estas últimas, dona Brianda de Tovar e Pimentel, que herdou Canedo e casou con Fernán Pérez das Seixas, señor de San Paio de Narla [1].
Antonio de Tovar foi señor de Canedo, que ampliou e renovou, así como xentilhome do emperador Carlos I [2]. Consta, ademais, que en 1516 recibiu a provisión rexia do cargo de alcalde da fortaleza de Ribadeo [3] e que tres anos máis tarde designou a García Sánchez de la Vega como titular da escribanía de diezma de la mar, oficio do que se di que estaba a secrestaçion por Antonio de Tovar [4]. En 1536 Antonio de Tovar fundou un morgado a favor do seu único fillo varón, Fernán Díaz, a pesar da oposición da súa muller, quen se viu forzada a aceptalo ante las muchas amenaças y miedos y temores, porque o seu cónxuxe era persona de su propiedad mui terrible y soberbio y feroz, que a sometía a mui crueles y malos tratamientos. Tras a morte do seu fillo, un ano máis tarde, estableceu a sucesión no morgado na persoa de dona Brianda de Tovar, o que tampouco satisfacía a Blanca, por temer que o resto das súas fillas quedasen perdidas a pedir por Dios sin dote [5].
Consta que faleceu antes do 6 de xullo de 1544 [6]. Nun libro de aniversarios da antiga Colexiata de Ribadeo dáse noticia dunha dotación feita en 1529 e outra que refire do seu pai e o seu avó homónimos, Fernán Sánchez de Tovar, dotando catro misas cantadas con responsos cantados, cruz e auga bendita sobre a súa sepultura na Capela maior [7].
---
[1] Véxase Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Santiago de Compostela, 2022, e Carlos Andrés González Paz, “De la «Torre de San Thomé de Lorenzana» al «Palacio de Tovar»: Testimonio vivo de la «cultura de los pazos» en Tierras mindonienses”, en Carlos Andrés González Paz (ed.), El Pazo de Tovar: espacios, perspectivas, tiempos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento - Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2012, páxs. 106-107.
[2] AGEP, Parga, núm. 53. Eduardo Lence-Santar y Guitián, El Mariscal Pedro Pardo de Cela. La Santa Hermandad, Mondoñedo, Tipografía de Centro de Acción Social Católica, 1930, páx. 87.
[3] C. A. González Paz, “De la «Torre de San Thomé de Lorenzana» al Palacio de Tovar”, páx. 112.
[4] Ibidem, páx. 114.
[5] Ibidem, páx. 107, e Eduardo Lence-Santar y Guitián, El Mariscal Pedro Pardo de Cela..., páx. 87.
[6] C. A. González Paz, “De la «Torre de San Thomé de Lorenzana» al Palacio de Tovar”, páx. 107.
[7] Eduardo Lence-Santar y Guitián, El Mariscal Pedro Pardo de Cela..., páx. 87.