top of page

Constanza de Castro

Non pode precisarse a súa filiación (de momento, pois ningunha das hipóteses a considerar se concilia debidamente coas escasas circunstancias familiares documentadas; por exemplo, a vinculación dos seus pais coa vila de Viveiro e a súa terra, da que deixa constancia a propia dona Cosntanza no seu testamento, ao dispoñer o seu enterramento na conventual franciscana, onde xacían os seus proxenitores). Irmá: dona Isabel de Castro, casada en primeiro lugar con Galaor Mosquera (fillo de Pedro López Mosqueira, alférez maior do duque don Fadrique) e, máis tarde, co mariscal Pedro Pardo de Cela [1]. 

 

Casou con Ruy Díaz de Andrade, señor de Pantaleón, en Betanzos (fillo de Lopo Núñez Montenegro e dunha dona Teresa Rodríguez de Aguiar socialmente non identificada). Tivo os seguintes fillos: Héctor de Andrade, que se documenta no ano 1467 no foro de San Pantaleón e que é posible que abrazase a vida eclesiástica; Ruy Díaz de Andrade, que casou cunha dona Leonor Álvarez e foi mellorado pola súa mai; dona Beatriz, que casou á súa vez con Gonzalo Pimentel, e un Hércules de Andrade, documentado como menor de idade en 1462.

 

Dona Constanza señoreou entre outros bens os coutos de Silán e Codesido, nas terras de Muras, así como a casa e o couto de San Pantaleón das Viñas, nas de Betanzos. No ano 1457, por exemplo, é documentada xunto ao seu marido recibindo un foro do reitor de San Pantaleón e, en 1467, xa como viúva, documéntase recibindo xunto ao seu fillo Héctor o couto de San Pantaleón en foro do mosteiro de San Martiño de Fóra de Santiago [2]. Uns anos máis tarde parece que se estableceu na vila de Viveiro, residindo nunha torre e horta propiedade do mariscal Pedro Pardo de Cela, que lla cedeu en foro. Despois, tras a morte deste último, permaneceu alí, quedado, ao final, baixo o amparo e coidado da súa sobriña, dona Beatriz de Castro. Neste lugar outorgou o seu testamento e codicilo, o 30 de novembro e o 2 de decembro de 1498 respectivamente.

 

Nas súas últimas vontades nomeou herdeiros universais dos seus bens os seus fillos, mellorando o segundo deles. Tamén outorgou diversas mandas pías e cincuenta marabedís  para a obra da ponte de Viveiro. Foi soterrada na capela da Cruz, na conventual franciscana de Viveiro. No ano 1611, ao trasladar a unha capela do altar maior os diversos sepulcros existentes na devandita capela da Cruz, atopouse o seu corpo incorrupto e, debaixo da súa cabeza, varios documentos que acreditaban a súa identidade. Este feito extraordinario foi o punto de partida para a posta en marcha do seu proceso de beatificación. No Santoral Español o Calendario de los Santos y personas insignes en virtud en los dominios de España y Portugal anteponse unha “V” de “venerable” diante do seu nome e no Martirologio o Santoral de los Padres Franciscanos é incluída entre os beatos: Genere, virtute ac sanctitate illustrisima.

--

[1]  Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, “Repertorio biográfico. Genealogía y prosopografía de mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV)”, en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV). Estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento - Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2017, páxs. 379-384. Tamén, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Instituto de Estudos Gallegos Padre Sarmiento, Santiago, 2022.

[2] Eduardo Pardo de Guevara, “El mariscal Pardo de Cela. Apuntes para una recapitulación necesaria”, en Conclusións das Primeiras xornadas históricas e arqueolóxicas da “Mariña lucense”. Foz: A Frouxeira e o mariscal Pardo de Cela, Foz, Concello de Foz, 1993, páxs. 127-128, nota 26; también en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, “El mariscal Pardo de Cela: Leyenda, mito y realidad”, en Manuel Alfonso Valín Valdés, Carlos Andrés González Paz e Juan Ramón Fernández Pacios (coords.), O Mariscal Pardo de Cela e o seu tempo, Lugo, Deputación Provincial de Lugo, 2006, páxs. 18-19, nota 24.

bottom of page