top of page

Xoana de Castro (II)

     Filla dun Alvar Pérez de Castro e de dona Isabel de Castro, señora de Valdeorras e de Manzaneda, quen, pola súa parte, era curmá do duque don Fadrique de Arjona en canto filla de Alonso de Castro, I señor de Castroverde, e de dona María Ramírez de Guzmán. En 1447 foi casada con Xoán Pimentel, fillo de Alonso de Pimentel (I), III conde de Benavente, e da súa muller María de Quiñones. Con motivo deste casamento, o Conde de Benavente outorgou o seu fillo nas capitulacións matrimoniais Milmanda, Allariz, Sandiás, O Bolo, Puebla de Sanabria e as súas terras, xunto a outras propiedades, sendo outorgado o recibo do dote e o enxoval matrimonial en 1461 cando xa falecera o seu sogro, mais non dona Isabel de Castro. Dona Xoana de Castro e Xoán Pimentel foron pais de Alonso Pimentel (II), que faleceu antes que os seus pais, e de dona María Pimentel de Castro, quen foi condesa de Ribadavia tras o seu matrimonio con don Bernardino Pérez Sarmiento.

     Herdou os señoríos maternos de Valdeorras e Manzaneda, exercendo o poder xunto ao seu marido, quen recibiu en 1487 as queixas dos valdeorreses porque “les ha fecho trabajar a su costa en una fortaleza que dis que façe en el Castro de Valdeorras”. Posteriormente estes señoríos transmitíronse á súa filla dona María e, finalmente, ás súas netas, dona Francisca e dona María Sarmiento de Castro, condesas de Ribadavia, aínda que en 1508 chegara a un acordo co Conde de Benavente sobre a gobernación destas terras e o cobro do imposto das alcabalas.

     En 1496 os Reis Católicos outorgaron licencia a dona Isabel e ao seu marido para fundar un morgado, o cal fixo don Xoán Pimentel o 4 de abril de 1498, establecendo a sucesión masculina a favor do seu fillo Alonso, e excluíndo a súa filla dona María, polo que os bens do morgado recaerían, no caso de ausencia do seu fillo ou doutra sucesión masculina, na Casa de Benavente. De feito, así se confirma en 1501 cando don Xoán declara a morte do seu fillo don Alonso e do seu sobriño, o Marqués de Villafranca. En todo caso, insiste en que non sucedería nel a súa filla dona María, quen, porén, si debería recibir en compensación oito mil floríns.

     En 1508 dona Xoana de Castro denunciou que a súa neta dona María Sarmiento e o marido desta, don Juan Hurtado de Mendoza, trataran de arrebatarlle os seus bens mediante un engano. Así, declara que fora “ynduzida e atrayda selosa e engañosamente (...) para que les feziese e otorgase çiertas escripturas de mi fasienda o de parte della”.

     Dona Xoana outorgou o seu testamento en 1509 e, finalmente, un codicilo en 1512, último ano no que aparece documentada con vida.

Fontes e bibliografía

AHNOB, Osuna, C. 515, D. 44.

García-Fernández, Miguel, “Familia, poder e relixiosidade dunha aristócrata baixomedieval. As últimas vontades de dona Xoana de Castro (1467)”, Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 21 (2018), páxs. 135-137.

García-Fernández, Miguel, “As mulleres que señorearon Castro de Valdeorras e Manzaneda a finais da Idade Media”, O SIL (Especial Nadal, Decembro 2018), páx. 48

 

bottom of page