top of page

Beatriz de Castro (III)

Filla do mariscal Pedro Pardo de Cela e de dona Isabel de Castro, viúva de Galaor Mosquera (fillo de Pedro López Mosqueira, alférez maior do duque don Fadrique de Arjona). Irmá de dona Constanza de Castro, que casou con Galaor Osorio e máis tarde con Fernán Ares de Saavedra, e medio irmá de Juan Núñez Pardo, fillo non lexítimo do seu pai, que quedou herdeiro do couto de Freixulfe. Casou con Pedro Fernández de Bolaño, señor de Torés, quen outorgou o seu testamento en 1491 e foi enterrado en Santo Domingo de Lugo [1]. Os seus fillos foron Pedro Bolaño de Ribadeneira, que herdou os coutos de Lea, Neira de Rei e Baroncelle, entre outros, e que morreu sen sucesión; Fernán Díaz de Ribadeneiro, que foi señor de Torés e casou con dona María Pimentel Cabeza de Vaca, filla de don Juan Pimentel; Bernaldo de Bolaño, que herdou os bens de Mondoñedo: dona Isabel de Bolaño, que recibiu o couto de Sindrán e casou primeiro con Gonzalo de Quirós e máis tarde con Juan de Prada; dona Mayor de Bolaño, que herdou o porto e couto de Burela e casou con Bernaldino de Castellanos, correxidor de Viveiro; dona María de Bolaño, que recibiu os coutos de Laiosa e Riosende; e dona Teresa de Bolaño, que herdou finalmente os bens da Terra de Páramo [2].


Esta dona Beatriz foi dada a criar a Vasco López de Moscoso, o do Rio, señor da casa así denominada, quen moitos anos despois foi alcalde maior de Mondoñedo, e a súa muller, dona Constanza López de Aguiar, prima da propia dona Beatriz (era filla de dona Mayor Parda, irmá do Mariscal, e de Juan Fernández de Cabarcos). Tras a morte do seu pai mantívose ao lado da súa mai, secundando todas as súas accións para a recuperación dos bens que lle foran confiscados a aquel: en outubro de 1486, por exemplo, consta que os Reis Católicos comisionaron o cumprimento da carta executoria despachada a favor do Deán e Cabido de Mondoñedo sobre os lugares e posesións que restituíra Pedro de Bolaño, máis os lugares dos que ela mesma se apoderara e, xa en xaneiro de 1491, os monarcas ordenaron amparar a dona Beatriz na posesión dos bens que lle foran tomados ao seu marido, Pedro de Bolaño, polo gobernador Diego López de Haro, ao tempo que o meteron en prisión [3].

---

[1] Véxase, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Santiago de Compostela, 2022.

[2] Ibidem.

[3] ARCHIVO GENERAL DE SIMANCAS, Registro General del Sello, 5 de outubro de 1486, Santiago, fol. 110, e 25 de agosto de 1487, Salamanca, fol. 223.

bottom of page