Fadrique
Contexto histórico
A súa infancia e xuventude transcorreu durante o reinado de Henrique III (1379-1406), quen morreu cando o seu herdeiro, o príncipe Xoán, apenas contaba con dous anos de idade.
Durante a minoría de idade do monarca, Xoán II, actuaron como rexentes, a petición de seu pais, a súa mai Catalina de Lancaster e o seu tío, o infante don Fernando, coñecido como Fernando de Antequera pola campaña militar que realizou contra esta poboación, aínda que non foi a única que levou a cabo en Andalucía. Ademais, don Fernando converteuse en rei de Aragón tras a morte do anterior monarca aragonés sen descendentes. Desde Aragón, o seus fillos, Xoán e Henrique, coñecidos como os Infantes de Aragón, participaron de forma moi activa na política castelá sendo apoiados por algúns nobres nunha dinámica de triunfos e derrotas que provocaron unha profunda inestabilidade no reino.
Tras acadar a minoría de idade en 1419, Xoán II prolongou o seu reinado até 1454, ano do seu falecemento.
Semblanza biográfica
Primoxénito do conde don Pedro [Enríquez] e de dona Isabel de Castro, á morte do seu proxenitor fíxose cargo da Casa de Lemos. Os textos da época retrátano tanto como poeta e artífice dunha corte literaria -izo asaz gentiles canciones e dezires, e tenía en su casa grandes trobadores-, como na súa condición de home violento e infiel. A súa vida e fortuna estiveron profundamente ligadas á súa fidelidade, ou non, ao monarca Xoán II nas continuas inxerencias que realizaron en Castela os “Infantes de Aragón”. De feito, a súa activa participación na política da Coroa provocaron longas ausencias do territorio galego.
Os seus primeiros anos ao fronte da Casa de Lemos foron realmente difíciles. Por un lado, tivo que enfrontarse co novo arcebispo de Santiago, don Lope de Mendoza, quen aspiraba a acabar co caos no que estaban sumidos os patrimonios arcebispais tras varios anos de abandono e inxerencia nobiliaria. Por outro, estaban as ambicións dalgúns cabaleiros que pretendían perpetuar as concesións outorgadas polo conde don Pedro. Este escenario motivou que, a comezos de 1401, don Fadrique viaxara á Corte para conseguir o respaldo de Henrique III. Obtivo este apoio e tras o seu matrimonio con dona Aldonza de Mendoza, don Fadrique conseguiu acadar os postos máis altos da corte rexia, relegando o escenario galego a un segundo lugar.
A morte de Henrique III en 1406, cando o seu fillo apenas era un neno, deu paso á rexencia da raíña viúva, dona Catalina de Lancaster, e do infante don Fernando. Este último, para consolidar a súa posición, iniciou unha serie de campañas en Andalucía que culminaron coa toma de Antequera, onde don Fadrique obtivo, persoalmente, a rendición definitiva da cidade. Esta vitoria catapultou ao infante don Fernando de Antequera cara á Coroa de Aragón, aínda que nunca deixou a rexencia castelá. Don Fadrique volveu a Galicia durante uns anos, convertido nun gran personaxe da Coroa, o que implicou novos comportamentos: solicitou a Roma, sen éxito, unha bula para cambiar de emprazamento o mosteiro de San Vicente do Pino e establecer no seu lugar un palacio condal; favoreceu a familiares e achegados; e mantivo unha forte política de expansión territorial e disputas co arcebispado compostelán, que se mantiña firme na negativa a darlle a cobizada Pertegaría maior da Terra de Santiago.
Tras a proclamación da maioría de idade de Xoán II, aos catorce anos, don Fadrique púxose do lado do rei e do home no que este depositou o goberno, don Álvaro de Luna, no marco dos conflitos que estes mantiñan cos "Infantes de Aragón", fillos de Fernando de Antequera. Isto permitiulle a don Fadrique obter importantes beneficios: fóronlle perdoas todas as débedas, outorgadas varias vilas, entre elas a de Arjona co título condal, ademais de incorporarse ao Consello Real. É dicir, don Fadrique converteuse nun dos personaxes máis ricos da Corte.
Este triunfo tivo a súa repercusión inmediata en Galicia, xa que obtivo a cobizada Pertegaría maior de Santiago, e numerosas mercedes e prebendas da Igrexa galega. Ademais, converteu o seu palacio monfortino en cenáculo de trobadores, paxes, clérigos e damas, prodigándose en cacerías nas que lucía vistosas comitivas de escudeiros e recuas de cabalos, mulas, cans, galgos e podencos.
Mentres tanto, a situación política de Castela comezou a mudar: o monarca aragonés estaba decidido a afastar do poder a don Álvaro de Luna e, neste movemento, don Fadrique situouse a favor da opción pro-aragonesa. Aínda que retirado en Galicia, tras o éxito de don Álvaro, o rei ordenou comparecer aos seus homes ante unha nova ameaza dos aragoneses. Daquela, a súa tardanza en facelo avivou as sospeitas de que mudara de bando a favor dos de Aragón e, cando finalmente se presentou ante o rei, foi feito prisioneiro. Ademais, Xoán II acabou decretando a confiscación do seu patrimonio.
Uns meses despois foi trasladado ao castelo de Peñafiel, onde morreu o 22 de marzo de 1430. A causa da morte non está clara. Algúns autores só insinúan que non morreu de morte natural, mentres outros afirman que foi aforcado. A pesar da diversidade de opinións sobre o seu enterramento, parece que este tivo lugar nun primeiro momento na abadía de Santa María de Benevívere (Carrión de los Condes) e, posteriormente, no convento de Santa Clara a Real de Toledo.
Do seu matrimonio con dona Aldonza de Mendoza non tivo descendencia lexítima. Porén, parece que tivo, cando menos, tres fillos naturais con Aldonza Afonso, veciña de Ourense, chamados Alonso, Isabel e Constanza. Ante esta situación familiar, a súa herdanza foi reivindicada pola súa irmá, dona Beatriz de Castro, que contou para iso coa colaboración do seu marido, don Pedro Álvarez Osorio, sucesores na cabeza da Casa de Lemos.
Para saber máis...
Beceiro Pita, Isabel, “Doña Aldonza de Mendoza y sus libros”, en Eduardo Pardo de Guevara (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (Siglos XIII–XV): estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, CSIC, 2017 (Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, 44), páxs. 291-322.
Echeverría Arsuaga, Ana, Catalina de Lancaster. Reina regente de Castilla (1372-1418), Hondarribia, Nerea, 2002.
García Oro, José, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, 1981 (Biblioteca de Galicia, 20).
López Ferreiro, Antonio, Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, vol. VII, Santiago de Compostela, Seminario Conciliar Central, 1903.
Mitre Fernández, Emilio, Evolución de la nobleza en Castilla bajo Enrique III (1396-1406), Valladolid, Universidad de Valladolid, 1968.
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols. (Galicia Histórica).
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, “Fadrique Enríquez”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico [en liña], dispoñible en https://dbe.rah.es/biografias/43626/fadrique-enriquez [Consulta: 03/11/2021].
Porras Arboledas, Pedro A., Juan II, 1406-1454, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1995.
Suárez Bilbao, Fernando, Enrique III, 1390-1406, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1994.
Tato García, Cleofé, “Poesía y corte: el Duque de Arjona y su entorno”, Bulletin of Hispanic Studies, vol. 91, 8 (2014), páxs. 893–911.
Villarroel González, Óscar e Carceller Cerviño, María del Pilar, Catalina de Lancaster. Una reina y el poder, Madrid, Sílex, 2021.
Enderezo electrónico
Enderezo postal
Rúa San Roque, 2
15704, Santiago de Compostela (A Coruña)
Séguenos