top of page

Ruy Díaz de Andrade

Fillo de Ruy Díaz de Andrade, señor de Pantaleón das Viñas (fillo de Lope Núñez de Montenegro e da súa muller, unha dona Teresa Rodríguez de Aguiar, cuxa personalidade social non se ten logrado precisar), quen faleceu entre os anos  1457 e 1462, e da celebrada beata viveirense dona Constanza de Castro (cuxa filiación tampouco se puido precisar, aínda que consta moi ben que foi irmá de dona Isabel de Castro, muller do mariscal Pedro Pardo de Cela), a cal outorgou o seu testamento no ano 1498. Foron os seus irmáns Héctor de Andrade, documentado en 1467 con motivo do foro de San Pantaleón e que acaso seguiu despois vida eclesiástica, Hércules de Andrade, do que consta que era menor de idade polo ano 1462, e unha dona Beatriz de Castro, que casou con Gonzalo Pimentel cco que tivo descendencia [1]. 

 

Ruy Díaz de Andrade casou cunha dona Leonor Álvarez, de liñaxe non identificada, coa que non tivo descendencia. Hai noticia de que polo ano 1500 esta última foi acusada de adulterio e que Fernán Sanjurjo e García Díaz de Mesía se comprometeron a entregala ao Licenciado Astudillo, alcalde maior de Galicia, e a poñela presa no castelo da Coruña [2]. Non moito máis tarde, Ruy Díaz tivo en Mariña Fariña, muller casada, un fillo non lexítimo, Juan López de Andrade, o cal foi lexitimado en 1527, despois de casar con dona Catalina de Montoto (filla do rexedor coruñés Diego de Montoto e de dona Margarita Oanes), que foi dotada en 1525 [3]. 

 

No ano 1480 Ruy Díaz está documentado no testamento de Sancho Sánchez de Ulloa, quen o beneficiou como criado e sobriño seu cunha manda de 5.000 marabedís, máis un cabalo, unha mula e os arneses [4]. A partir de 1502 aparece documentado amplamente grazas a unha ducia de instrumentos, nos que se pon de manifesto o seu empeño por mellorar e consolidar o patrimonio co que foi mellorado pola súa mai, constando ademais que en 1520 mercou por 400 ducados de ouro a Fernán Pérez Parragués todos os bens situados en Viveiro e a súa contorna que foran de dona María de Bolaño, a súa primeira muller. En 1525 outorgou o seu testamento, polo que –coa debida facultade real– deixou fundado o morgado da Casa de San Pantaleón, designando sucesor do mesmo ao ditado fillo, Juan López de Andrade. Un ano máis tarde, en 1526, subscribiu un convenio e iguala sobre os bens e herdanza dos seus pais con dona Isabel de Castro, viúva de Ruy López de Araújo, no nome dos seus irmáns, fillos da súa irmá dona Beatriz, e xa en 1529, finalmente, entregou a Gonzalo Rodríguez de Araújo, herdeiro lexítimo da citada dona Isabel, dúas pezas de plata por valor de 30 ducados de ouro, en pago parcial do que lle debía [5]. Faleceu despois de 1532.

--

[1] Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, “Repertorio biográfico. Genealogía y prosopografía de mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV)”, en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV). Estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento - Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2017, páx. 381.

[2] Véxase Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, 2022. Tamén AGS, Registro General del Sello, X-1500, fol. 344.

[3] Arquivo da Casa de San Pantaleón, leg. 8, núm. 93, e leg. 10, núm. 132.

[4] César Vaamonde Lores, «Testamento de Sancho de Ulloa, primer conde de Monterrey. Año 1480», Boletín de la Real Academia Gallega (Colección de Documentos Históricos), 1 (1915), páx. 307.

[5] Véxase AHN, Clero, 3336; ADM, Casa de Torés, leg. 5, núm. 35 e Arquivo da Casa de San Pantaleón, leg. 8, núms. 91 e 107.

bottom of page