Xoán Rodríguez de Biedma
Despois da morte de Fernán Rodríguez de Biedma, aio do infante don Filipe (fillo de Sancho IV e María de Molina), a xefatura da liñaxe dos Biedma pasou ao seu fillo Ruí Páez de Biedma, irmán de Maior Fernández de Biedma, de Afonso Fernández de Biedma e do bispo de Mondoñedo (1329-1343) e de Ourense (1343-1351) don Álvaro Páez de Biedma –todos nacidos do seu matrimonio con María Páez de Soutomaior–.
Herdeiro de todo o prestixio e patrimonio acumulado por Fernán Rodríguez durante as súas duras lides ao lado do infante don Filipe contra o dominio de don Fernando Rodríguez de Castro, Ruí Páez conseguiu situarse nos primeiros niveis da nobreza galega, chegando rapidamente aos cargos de Adiantado e Meiriño Maior de Galicia, así como ao de Mordomo Maior do infante don Pedro. A virtude guerreira evidenciada polo seu pai tamén foi demostrada por el durante a invasión portuguesa de Galicia en 1337. No castelo de Entenza resistiu xuntamente coas hostes arcebispais un duro ataque do conde don Pedro de Barcelos, irmán bastardo de Afonso IV de Portugal.
Ruí Páez debeu morrer relativamente novo, testando en 1342 en Santa Clara de Allariz. Do seu primeiro matrimonio con Aldonza Núñez naceron Inés Rodríguez de Biedma e Teresa Rodríguez de Biedma, falecidas antes que o seu pai, e, do segundo matrimonio, con Juana Gómez de Toledo, naceu Xoán Rodríguez de Biedma, cabeza da liñaxe durante os complexos tempos de Pedro I, Henrique II e Xoán I.
Igual que o seu pai e avó, Xoán Rodríguez deu inicio ao seu cursus honorum en posicións moi próximas á monarquía, chegando ao cargo de Copeiro do infante don Pedro. Porén, integrouse moi pronto no partido trastamarista, representando a Henrique (futuro Henrique II) en varios episodios. Neste contexto, debemos destacar as súas accións despois de Montiel (1369), xa que foi o principal artífice da defensa das comarcas limiás contra o avance das tropas galego-portuguesas de don Fernán Ruíz de Castro, personaxe que, despois da morte de Pedro I, pasara a aliñarse co rei de Portugal.
De forma simultánea ao avance das tropas rexias portuguesas en dirección á Coruña, Fernán Ruíz de Castro levou a cabo unha poderosa incursión contra o castelo de Monterrei, secundada por numerosos membros da vella aristocracia local. Entre eles destaca Xoán Pérez de Nóvoa (III), fillo de María Fernández de Sanabria, curmá (por vía materna) de Xoán Rodríguez de Biedma –xa que esta muller era filla de Maior Fernández Biedma, irmá de Ruí Páez de Biedma, pai de Xoán Rodríguez–.
Ante o máis que probable desmembramento das redes de poder creadas ao longo do século XIV a prol da promoción das vellas estirpes petristas, Xoán Rodríguez decidiu partir de Ourense e afincarse en Monterrei, co propósito de manter esta praza e de coordinar a defensa das comarcas limiás. Prevendo un cerco bastante complicado, Fernán Ruíz de Castro seguiu cara ao norte, deixando o asedio a Monterrei ao cargo de Xoán Pérez de Nóvoa (III).
Dalgunha forma, o enfrontamento de Xoán Rodríguez e Xoán Pérez en Monterrei reflicte fielmente a existencia de dous proxectos políticos e sociais coexistentes dentro dunha única parentela aristocrática, xa que aquí se encarnaba a oposición entre unha vella nobreza petrista (os Nóvoa) e unha nova elite trastamarista (os Biedma) resultante dunha rivalidade latente que cristalizara desde a chegada do infante don Filipe a Galicia.
En efecto, Xoán Rodríguez de Biedma foi quen de defender eficazmente non só Monterrei, como tamén os castelos de Allariz e Celme, sendo recompensado (entre 1369 e 1379) cos señoríos que estarían no xermolo da futura casa condal de Monterrei: Limia, Lobeira, Entrimo, Araúxo, Abelenda, Abeancos, Vilanova dos Infantes, Castela, Espinoso, Xinzo de Limia, Ganade, Miñor, Brabante, Viladerrei, Val de Laza, Tudela, Peñafiel e a tenza de varias fortalezas (como a torre de Portela / A Pena, os castelos de Ribeira, Santibáñez de la Barra ou o propio Monterrei, que, anos antes, xa fora tenencia do seu pai).
A través do seu testamento de 1400, no que reforza os lazos da súa liñaxe con Santa Clara de Allariz, sabemos que casou con Teresa López de Orozco (falecida cara a 1405) e que foi pai de Maior Rodríguez de Biedma –homónima da súa tía-avoa– e de Elvira Rodríguez de Biedma, quen, ao casar con Diego López de Zúñiga (IV), propiciaría a unión do señorío de Monterrei concedido aos Zúñiga coa casa de Biedma. Este inmenso patrimonio pasou maioritariamente a Xoán de Zúñiga e Biedma, vizconde de Monterrei, pai de Teresa de Zúñiga, muller de Sancho Sánchez de Ulloa, I conde de Monterrei.
Bibliografía
Mercedes DURANY CASTRILLO, Francisco Javier PÉREZ RODRÍGUEZ, María Beatriz VAQUERO DÍAZ, «A Terra da Limia na Idade Media», en Fermín Pérez Losada (ed.), Hidacio da Limia e o seu Tempo: a Gallaecia Sueva / A Limia na Época Medieval, Xinzo de Limia, Concello de Xinzo de Limia, 2014, páxs. 237-257.
Gonzalo Francisco FERNÁNDEZ SUÁREZ, La nobleza gallega entre los siglos XIV-XVI. Los Sarmiento Condes de Ribadavia, Santiago de Compostela, El Eco Franciscano, 2002.
José GARCÍA ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Ed. Bibliófilos Gallegos, 1981.
César OLIVERA SERRANO, «Los Señores y el Estado de Monterrey (siglos XIII-XVI)», Cuadernos de Historia de España, vol. 80 (2006), páxs. 147-170.
Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, Los Señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de La Maza, 2000, 2 vols.
Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, De Linajes, parentelas y grupos de Poder. Aportaciones a la historia social de la nobleza bajomedieval gallega, Madrid, Fundación Cultural de la Nobleza Española, 2012.
Francisco Javier PÉREZ RODRÍGUEZ, «La Provincia de Ourense en la Época del Románico», en José María Pérez González (dir.) e José Carlos Valle Pérez (coord.), Enciclopedia del Románico en Galicia, Ourense, Aguilar de Campoo, Fundación Santa María la Real-Centro de Estudios del Románico, 2015, tomo I, páxs. 19-31.
Jorge Abraham VILA ÁLVAREZ, «As Torres da Alta Limia durante a Idade Media (S. XII-XV)», en Fermín Pérez Losada (ed.), Hidacio da Limia e o seu Tempo: a Gallaecia Sueva / A Limia na Época Medieval, Xinzo de Limia, Concello de Xinzo de Limia, 2014, páxs. 260-289.