Fernán Ruíz de Castro
Contexto histórico
A súa vida coincide cos últimos anos do reinado de Afonso XI e os reinados dos seus fillos Pedro I e Henrique II de Castela.
Do matrimonio do monarca Afonso XI con dona María de Portugal, consecuencia dun pacto entre Castela e Portugal asinado en 1327, naceu, o 30 de agosto de 1443, o futuro Pero I. Porén, o rei conviviu durante moitos anos coa súa amante, dona Leonor de Guzmán, coa que tivo dez fillos, entre eles o futuro Henrique II, nacido o 13 de xaneiro de 1333.
Durante o reinado de Pedro I xurdiron dous bandos nobiliarios, os leais ao monarca reinante e os partidarios de Henrique, conde de Trastámara. Isto desembocou finalmente nun enfrontamento armado a partir de 1366. Tras tres anos de combates, o asasinato de Pedro I a mans do seu medio irmán Henrique, en Montiel, deron lugar á entronización deste último en 1369 como Henrique II de Castela.
Semblanza biográfica
Fillo de don Pedro Fernández de Castro, el de la guerra, e da súa segunda muller, dona Isabel Ponce de León. Foi un dos máis poderosos e firmes defensores do rei Pedro I ao que se mantivo fiel máis alá do fratricidio de Montiel e a cuxa memoria permaneceu leal até o seu propio falecemento en Baiona (Francia) a mediados da década dos 70 do século XIV, onde foi enterrado baixo o epitafio que o inmortalizou: “Aquí iaze toda la lealtad de España”.
No marco do enfrontamento armado entre Pedro I e o seu medio irmán, Henrique, o monarca desprazouse até Galicia, onde o esperaba don Fernán Ruíz de Castro, un dos principais representantes do petrismo entre a nobreza. Durante a súa estadía en terras galegas, Pedro I e os seus partidarios decidiron solicitar o apoio dos ingleses, desterrar ao bispo de Ourense e asasinar ao arcebispo compostelán, don Suero, de quen se sospeitaba que mantiña comunicación con Henrique. Tras este asasinato, todas as fortalezas pertencentes ao arcebispado de Santiago pasaron a don Fernán, que, desta maneira, conseguiu o poder sobre unha boa parte do territorio galego. Mentres tanto, Henrique fora coroado rei en Burgos e púxose en camiño cara a Galicia para someter baixo a súa autoridades a don Fernán Ruíz de Castro. Este último resistiu tras a muralla de Lugo e, a pesar dalgunhas derrotas, conseguiu recuperar as posicións iniciais, colocando numerosos nobres locais baixo o servizo de Pedro I.
Don Fernán Ruíz de Castro continuou combatendo ás ordes de Pedro I até que, na noite do 22 ao 23 de marzo de 1369, o monarca foi asasinado polo seu medio irmán Henrique. Porén, un pequeno grupo de seguidores, comandados polo propio don Fernán, intentou manter a lexitimidade petrista. De volta en Galicia, logrou controlar importantes cidades como Tui, Lugo, Santiago e, podería ser engadida, A Coruña. Mais a reacción do xa rei, Henrique II, non se fixo esperar. Os seus partidarios entraron en Galicia, “escalaron a Castro Caldelas e a Monforte de Lemos", que foron tomadas, e continuaron cara a Lugo, onde don Fernán Ruíz de Castro foi finalmente derrotado. Daquela, retirouse a Portugal e mantívose firme na súa rebeldía até que o monarca portugués o expulsou do seu reino, xunto a outros cincocentos cabaleiro, despois dun acordo de paz entre Castela e Portugal. Privado de todos os seus títulos e patrimonios, don Fernán encamiñouse cara ao exilio, morrendo en Baiona ao comezar o último cuarto do século XIV.
No que se refire á súa vida familiar, casou en primeiras nupcias en 1354, en Toro (Zamora), con dona Juana Alfonso de Castilla, irmá ilexítima de Pedro I, á que repudiou ao pouco tempo alegando que eran parentes, xa que ambos eran bisnetos do rei Sancho IV.
Posteriormente, casou con dona Leonor Enríquez, coa que tivo dous fillos: Pedro, que o acompañou no exilio, e Gutierre, de quen pouco sabemos, salvo que morreu moi novo e sen descendencia. Xunto a eles, probablemente habería que engadir un Alvar que foi señor de Alcaçoba, por mercede do rei de Portugal.
Para saber máis...
Díaz Martín, Luis Vicente, Pedro I el Cruel, Gijón, Ediciones Trea, 2007.
García Oro, José, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, 1981 (Biblioteca de Galicia, 20).
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols. (Galicia Histórica).
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, De linajes, parentelas y grupos de poder. Aportaciones a la historia social de la nobleza bajomedieval gallega, Madrid, Fundación Cultural de la Nobleza Española, 2012.
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, “Pedro Fernández de Castro”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico [en liña], dispoñible en https://dbe.rah.es/biografias/43621/pedro-fernandez-de-castro [Consulta: 03/11/2021].
Valdaliso Casanova, Covadonga, Pedro I de Castilla, Madrid, Sílex Ediciones, 2016.
Valdeón Baruque, Julio, Enrique II (1369-1379), Palencia, La Olmeda; Diputación de Palencia, 1996.
Valdeón Baruque, Julio, “Fernando Ruiz de Castro”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico [en liña], dispoñible en https://dbe.rah.es/biografias/15084/fernando-ruiz-de-castro [Consulta: 03/11/2021].
Enderezo electrónico
Enderezo postal
Rúa San Roque, 2
15704, Santiago de Compostela (A Coruña)
Séguenos