top of page

Aras Pardo de Souto

Fillo natural de Aras Pardo de Cela, cabaleiro da Orde da Banda, que tivo cunha Teresa Eanes, ao igual que a María Rodríguez, muller de Pedro González de Vilouzás e mai de Aras Pérez de Vilouzás [1]. Os dous foron, por tanto, medio irmáns de dona Sancha Rodríguez, muller de Fernán Pérez de Andrade o Boo e heredeira principal dos bens paternos como única descendiente lexítima [2]. Este Aras Pardo herdou do seu pai certos lugares sitos no alfoz de Vilalba, de conformidade co testamento que aquel outorgou en 1362 [3].

 

Non hai constancia documental respecto da identidade da muller deste Aras Pardo, aínda que todo parece indicar que foi unha Sancha Afonso, coa que se documenta vendenco en 1391 a dona Teresa Sánchez de Moscoso e a dona Leonor Afonso, monxas de Santa Clara de Santiago, unha viña sita no lugar de “Rroyueyra”, na freguesía de San Martiño de Bravío, por 850 marabedís, a cal adquiriran dun labrador, veciño que Betanzos, que debía 800 mrs. a dona Constanza, muller de Fernán Pérez de Andrade [4]. Pola contra, consta moi ben que tivo catro fillos: un Rodrigo Ares Pardo, sobre cuxa vida non se puido averiguar nada, e un Pedro Pardo, que foi o segundo avó do mariscal Pedro Pardo de Cela. Ademais dos mencionados, tivo un Vasco López Pardo, que foi criado por Fernán Pérez de Andrade e estivo casado con Maior Vázquez, constando que outorgou o seu testamento en 1452, e un Juan López Pardo, documentado como jurado de Betanzos, o cal testou en 1458, deixando coa súa muller, Constanza Rodríguez, unha filla chamada Sancha Afonso, que casou sucesivamente con García Pérez de Vilouzás e, máis tarde, con Pedro Fernández de Andrade, ambos rexedores de Betanzos [5].

 

Ao longo da súa vida mantívose na esfera señorial do seu cuñado, Fernán Pérez de Andrade, o Boo, figurando como testemuña en diversos instrumentos; por exemplo, na doazón que o de Andrade fixo ao mosteiro de Monfero no ano 1373 [6]. Consta, polo demais, que en 1398 lle arrendou, xunto coa súa muller, á prioresa do mosteiro de dominicas de Belvís, dona Teresa Álvarez, unha cuarta parte do couto de Santa María de Souto (neste instrumento figura como escudeiro seu un Gonzalo Eanes) [7]. 

 

Descoñécese a data do falecemento deste Aras Pardo, que todavía vivía en 1404, cando consta como escudeiro e morador na vila de Betanzos, consentindo unha venda feita pola súa muller, Sancha Afonso, a favor de María de Viveiro, monxa dun convento compostelán [8]. Foi sepultado en San Francisco de Betanzos [9].

---

[1] AGEP, Pardo de Cela I, núm. 38, e Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, “Repertorio biográfico. Genealogía y prosopografía de mujeres con poder”, en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV). Estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento-Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2017 (Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, 44), páxs. 557-562.

[2] Pardo de Guevara y Valdés, E., “Repertorio biográfico…”, páx. 559.

[3] Martínez Salazar, Andrés, Documentos gallegos de los siglos XIII al XVI, 1911, páxs. 116-120. AGEP, Mesía, núm. 3

[4] Vaamonde Lores, “¿Quién es el Aras Pardo que está sepultado en la iglesia de San Francisco de Betanzos?”, Boletín de la Real Academia Gallega, 1923, páxs. 339-340.

[5] Véxase Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Santiago de Compostela, 2022.

[6] AHN, Clero, carp. 507, núms. 9 e 10.

[7] Rodríguez Núñez, Clara, “Santa María de Belvís, un convento mendicante femenino en la Baja Edad Media (1305-1400)”, Estudios Mindonineses, 5 (1989), páxs. 462-463. AHUS, Clero, leg. 250, núm. 4.

[8] AHUS, Clero, leg. 250.

[9] Véxase E. Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe...  

bottom of page