top of page

Xoán Pimentel

A consolidación da autoridade dos Trastámara en Galicia implicou a aparición de non poucos cambios na pirámide nobiliaria galega, que afectaron especialmente aos que se aliñaron en primeiro lugar con Pedro I e, despois, con Fernando I e con João I de Portugal. Neste capítulo, os maiores perdedores foron os Limia e os Nóvoa, que, no caso dos primeiros, viron radicarse en Portugal a súa liña principal e, respecto dos segundos, estes acabaron por perder boa parte do seu peso social e político nas terras galegos. 

No sentido contrario cómpre destacar as liñaxes (galegas e foráneas) que apoiaron a nova dinastía: os Soutomaior, en Tui (terra de Toroño); os Sarmiento, en Ribadavia (terra de Novoa); os Biedma/Zúñiga-Ulloa, en Monterrei (terra de  Baronceli); e os Pimentel, que, a pesar da súa implantación en Castela, conseguiron numerosos bens pola Limia. Coa excepción dos Soutomaior, as demais familias rapidamente acadaron a condición de nobreza titulada, converténdose en Condes de Santa Marta de Ortigueira e logo de Ribadavia (Sarmiento), de Monterrei (Biedma/Zúñiga-Ulloa) e de Benavente (Pimentel),

Máis alá da súa orixe en Portugal, a filiación dos Pimentel no partido lexitimista durante a crise sucesoria portuguesa de 1383-1385 acabou por significar o seu exilio en Castela, onde, co beneplácito da Coroa, pasaron a dominar as estruturas señoriais de Benavente. Xoán Afonso Pimentel (II), I conde de Benavente (1398-1420), casou con Juana Téllez de Meneses, irmá da raíña dona Leonor, e tivo como fillos a Beatriz Pimentel (I), asasinada polo seu marido Martín Afonso de Melo (cabaleiro portugués exiliado en Castela e logo señor de Arega e Barbacena); Afonso Téllez, Comendador de Mayorga e freire xerónimo en Guadalupe; Teresa de Meneses, muller de Pedro González de Bazán, e Rodrigo Afonso Pimentel (III), II Conde de Benavente (1420-1440) e marido de Leonor Enríquez (filla do poderosos almirante Alfonso Enríquez).

Desta última parella naceron Beatriz Pimentel (II), muller do infante don Enrique de Aragón, Juana Pimentel, muller do condestable de Castela don Álvaro de Luna; Juan Alfonso Pimentel (III), I Conde de Mayorga e marido de Elvira de Zúñiga; e Alonso Pimentel (I), III Conde de Benavente e II de Mayorga (1440-1461), quen casou con María de Quiñones.

Grazas aos contactos establecidos por Afonso Pimentel (I), Xoán Afonso Pimentel (III) –cuxa muller, Elvira de Zúñiga, casaría en segundas nupcias con Pedro Álvarez Osorio, I conde de Trastámara– e Leonor Pimentel –muller de Alonso de Castro, fillo primoxénito do I Conde hereditario de Lemos–, os Pimentel conseguiron expandir a súa influencia ao territorio galego.

Do matrimonio entre o III Conde de Benavente e María de Quiñones naceron Rodrigo Afonso Pimentel (IV), IV conde e I duque de Benavente e III conde de Mayorga (1461-1499), marido de María Pacheco (filla do I Marqués de Villena); Leonor Pimentel, muller de Afonso de Castro e, despois, de García Manrique, I marqués de Aguiar; Pedro Pimentel, marido de Francisca de Zúñiga e, despois, de Inés Enríquez de Guzmán (filla do I Conde de Alba de Aliste); Luis Pimentel (I), bispo de Tui (1442-1467), e Xoán Pimentel, marido de dona Xoana de Castro.

Talvez froito da rebeldía dos Nóvoa, Alonso Pimentel (I) chegou a ser señor da torre limiá de Sandiás (ca. 1431) e, en 1446, recibiu o castelo e a vila de Allariz como premio pola súa participación na batalla de Olmedo. A partir deste momento, o Conde de Benavente realizou un conxunto de operacións patrimoniais na Limia co propósito de consolidar os seus dominios señoriais na rexión –talvez co apoio e consellos dos seus parentes procedentes das casas dos Condes de Trastámara e de Lemos–, chegando a legar ao seu fillo Xoán Pimentel os señoríos de Allariz, Sandiás, Aguiar, Milmanda, O Bolo, Sande e as encomendas dos mosteiros de Ramirás e Celanova. A raíz do seu casamento con Xoana de Castro, Xoán Pimentel tamén accedeu aos señoríos de Valdeorras e Manzaneda. Deste matrimonio naceron Alonso Pimentel (III), personaxe que non chegaría a exercer o liderado desta liña familiar, xa que morreu antes que o seu pai (en 1499) sen acceder ao pleno usufruto da maioría destes bens, e María Pimentel (II), muller de Bernardino Sarmiento, I conde de Ribadavia.

Porén, as funcións militares da maioría destas prazas foron xerando innumerables problemas no seu réxime de transmisión hereditaria, xa que a súa titularidade dependía, en gran medida, do favor rexio. Sabemos que, até 1448, as fortalezas de Allariz, Milmanda, Sandiás e O Bolo foran confiscadas –co beneplácito da Coroa– por don Pedro Álvarez Osorio. Esta situación orixinou un preito en 1451, xa encabezado por Alonso Pimentel (III), que rematou nunha orde de devolución dos bens confiscados, que non se levaría a cabo até, polo menos, 1453. Algúns anos despois, en 1461, Rodrigo Afonso Pimentel (IV), IV conde de Benavente, irmán de Xoán Pimentel e, polo tanto, tío de Alonso Pimentel (III), conseguiu pactar cos señores de Lemos a devolución de Milmanda, Allariz, Sandiás e O Bolo, como parte dun dote que Xoán Pimentel planeara deixar ao seu fillo. Mais a inestabilidade creada pola concatenación da guerra civil entre Henrique IV e o infante don Afonso, coa revolta irmandiña, incrementou as tensións entre os diferentes bandos nobiliarios galegos, de modo que Galaor Osorio arrebatou Sandiás e Allariz a Xoán Pimentel, inaugurando outro preito que rematou en 1472 cun novo acordo entre as casas de Lemos e Benavente.

Nos inicios do reinado dos Reis Católicos, as demandas e queixas contra as arbitrariedades e abusos señoriais da nobreza galega titulada continuaron acumulándose nas Cortes e no Consello Real, levando ao nomeamento de García Sarmiento como Alcalde xeral de Allariz, Sande e Aguiar. Ante esta situación, don Xoán Pimentel procurou transformar Allariz, Aguiar, Sandiás, Milmanda e O Bolo nun morgado perpetuo e hereditario de Alonso Pimentel (III), quen non chegou a acceder a el pola súa morte en 1499. Enfrontado con este desenlace tráxico, Xoán Pimentel optou, en 1504, por permutar os seus bens galegos por algúns do Bierzo, pertencentes ao seu sobriño Alonso Pimentel (II), V conde e II duque de Benavente. Excluída deste escenario quedou María Pimentel (II), a súa filla, quen, por outra parte, tivo que afrontar unha complexa separación do I Conde de Ribadavia. 

En 1539, a loita polas fortalezas limiás desenvolveuse dentro da liñaxe condal de Benavente, pois Alonso Pimentel (II) deu inicio a un preito contra María Sarmiento de Castro, filla de María Pimentel (II), pola posesión de Milmanda, Allariz, O Bolo, Sandiás e Carballeda, sinal de que todas estas prazas aínda funcionaban e seguían sendo unha fonte de rendementos relevante dentro dos seus estados señoriais. 

 

Bibliografía

Isabel BECEIRO PITA, El Condado de Benavente en el Siglo XV, Benavente, Centro de Estudios Benaventanos, 1998.

Mercedes DURANY CASTRILLO, Francisco Javier PÉREZ RODRÍGUEZ, María Beatriz VAQUERO DÍAZ, «A Terra da Limia na Idade Media», en Fermín Pérez Losada (ed.), Hidacio da Limia e o seu Tempo: a Gallaecia Sueva / A Limia na Época Medieval, Xinzo de Limia, Concello de Xinzo de Limia, 2014, páxs. 237-257. 

Gonzalo Francisco FERNÁNDEZ SUÁREZ, La nobleza gallega entre los siglos XIV-XVI. Los Sarmiento Condes de Ribadavia, Santiago de Compostela, El Eco Franciscano, 2002.

Fátima Regina FERNANDES, «Os Exilados castelhanos no reinado de Fernando I de Portugal», En la España Medieval, 23 (2000), páxs. 101-115.

José GARCÍA ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Ed. Bibliófilos Gallegos, 1981.

Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, Los Señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de La Maza, 2000, 2 vols.

Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, De Linajes, parentelas y grupos de Poder. Aportaciones a la historia social de la nobleza bajomedieval gallega, Madrid, Fundación Cultural de la Nobleza Española, 2012.

César OLIVERA SERRANO, «Los Señores y el Estado de Monterrey (siglos XIII-XVI)», Cuadernos de Historia de España, vol. 80 (2006), páxs. 147-170.

Francisco Javier PÉREZ RODRÍGUEZ, «La Provincia de Ourense en la Época del Románico», en José María Pérez González (dir.) e José Carlos Valle Pérez (coord.), Enciclopedia del Románico en Galicia, Ourense, Aguilar de Campoo, Fundación Santa María la Real-Centro de Estudios del Románico, 2015, tomo I, páxs. 19-31.

Jorge Abraham VILA ÁLVAREZ, «As Torres da Alta Limia durante a Idade Media (S. XII-XV)», en Fermín Pérez Losada (ed.), Hidacio da Limia e o seu Tempo: a Gallaecia Sueva / A Limia na Época Medieval, Xinzo de Limia, Concello de Xinzo de Limia, 2014, páxs. 260-289.

bottom of page