top of page

Fernán Díaz de Ribadeneira (III)

Fernán Díaz de Ribadeneira (III) foi fillo de Álvaro González de Sarria, quen testou en 1433 e foi soterrado no mosteiro da Magdalena de Sarria, e de Teresa de Ribadeneira (I). Os seus irmáns foron Roi González de Ribadeneira, quen testou en 1467, sendo soterrado coma seu pai en Sarria, Diego Sánchez de Ribadeneira e Berenguela López de Ribadeneira, quen casou con Alonso López de Lemos, señor de Ferreira e Sober. Casado en dúas ocasións, a súa primeira muller foi Constanza Méndez e a segunda, Maior de Vaamonde. Do primeiro matrimonio naceron Teresa de Ribadeneira (III), quen casou con Macía Pérez de Ibias, e Constanza López de Navia, quen deixou uns bens en Mondoñedo ao seu sobriño Bernaldo de Bolaño. Do seu segundo matrimonio con Maior de Vaamonde naceron Pedro [Fernández] de Bolaño, señor de Torés, quen testou en 1491 e foi soterrado en Santo Domingo de Lugo, Fernán Díaz de Ribadeneira (V), señor de los cotos de Riosende, Laiosa e Cindrán, Martín Vázquez de Vaamonde, cóengo de Mondoñedo, María de Bolaño, señora de los cotos de Riomol, Mirandela e Fonteita, e Teresa de Ribadeneira (IV), quen casou con Vasco Gómez das Seixas (III).

Señor do couto de Torés, Fernán Díaz de Ribadeneira (III) reuniu numerosos bens e construíu unha poderosa casa con até 50 lanzas e 1500 vasalos. Despois, en 1440, comproulle a María Fernández de Bolaño os coutos de Damil e Felmil. No ano seguinte atopamos indicios sobre as súas estreitas relacións con algunhas das figuras máis poderosas da Galicia do seu tempo, xa que Xoán II ordenoulle que axudase a Diego Pérez Sarmiento e a Pedro Álvarez Osorio a recuperar as vilas de Pontedeume, Ferrol e Vilalba. En 1447, o monarca premiou este servizo ao ordenarlle a Pedro Álvarez Osorio que o amarase e defendese dos seus inimigos. En 1452 comprometeuse a non axudar o Conde de Santa Marta no caso de que este se negase a cumprir a carta de seguridade que dera a Álvaro de Soutomaior. E, en 1478, apoiou o arcebispo Alonso de Fonseca (II), na súa ofensiva contra Pedro Álvarez de Soutomaior.

No seu testamento, outorgado en Bande en 1461, deixou numerosas mandas piadosas a mosteiros locais e ordenou que as súas débedas fosen pagadas. Ademais, deixou por herdeiros dun importante conxunto de bens a Fernán Díaz de Ribadeneira (IV), a quen lle deixou a casa forte de Bande e outros coutos veciños, ademais dunha mellora co terzo dos seus bens; a María de Ribadeneira legoulle a casa e couto de Frimol; a Teresa de Bolaño (I), os coutos de Damil e Felmil; a Teresa de Ribadeneira (III), a súa parte no couto de Cerdido; a Pedro [Fernández] de Bolaño, o castelo de Secomel e a terra de Balboa; e a Martín Vázquez de Vaamonde (I) legoulle a súa parte nas terras de Saavedra e Ribademiño.

Fernán Díaz de Ribadeneira (III) foi soterrado no mosteiro de Santo Domingo de Lugo, na capela de San Pedro.

bottom of page