Bernaldino de Castellanos
Nada pode apuntarse respecto da identidade social deste personaxe, que foi correxidor de Viveiro, salvo o seu matrimonio con dona Mayor de Bolaño, ou de Vaamonde, neta do Mariscal (era filla de dona Beatriz de Castro e de Pedro Fernández de Bolaño, señor de Torés) e herdeira do porto e couto de Burela [1]. Tivo por fillos a Pedro Pardo de Aguiar e a Marina de Aguiar [2].
O 11 de decembro de 1503, Bernaldino de Castellanos presentou unha queixa no nome da súa muller, a devandita dona Mayor de Bolaño, ante o mordomo e provisor do bispo de Mondoñedo por terlles retidas certas cartas de pan das terrarías de Sargadelos, San Román de Vilaestrofe, Cervo e A Regueira de Ferrol, xa que o Bispo as consideraba propias da súa mesa arcebispal por un testamento oreginal synado de Pero López, notario, que pareze que hizo et otorgó el mariscal Pero Pardo de Çela en la çibdad de Villamayor a primero día del mes de otubre de myll et quatroçientos et ochenta et tres años. Isto desembocou nun longo preito que chegou á Real Chancelaría de Valladolid, onde se sentenciou definitivamente no ano 1542, pero pasando antes pola Real Audiencia de Galicia. Durante o proceso, Bernaldino e a súa muller defenderon con insistencia as súas reclamacións, xerando un importante volume de documentación [3].
--
[1] Véxase Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, El testamento del mariscal Pardo de Cela. Noticia del hallazgo y edición del documento, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, 2020, pág. 22 [anticipado nos Cuadernos de Estudios Gallegos, 60, 126 (2013), páxs. 171-223]. Aquí aparece como Mayor de Vaamonde e só en nota se di “renombrada a veces también como de Bolaño”.
[2] Ibidem.
[3] Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, El testamento del mariscal…, páxs. 22-32.