top of page
Beatriz de Castro I.PNG

Beatriz de Castro I

Contexto histórico

A súa primeira infancia transcorreu durante o reinado de Henrique III (1379-1406), quen morreu cando o seu herdeiro, o príncipe Xoán, apenas contaba con dous anos de idade.

​

Durante a minoría de idade do monarca actuaron como rexentes, a petición do seu pai, a súa mai Catalina de Lancáster e o seu tío, o infante don Fernando, coñecido como Fernando de Antequera pola campaña militar que realizou contra esta poboación, aínda que non foi a única que levou a cabo en Andalucía. Ademais, don Fernando converteuse en rei de Aragón tras a morte do monarca deste territorio sen descendentes. Desde Aragón, o seus fillos, Xoán e Henrique, coñecidos como os Infantes de Aragón, participaron de forma moi activa na política castelá sendo apoiados por algúns nobres casteláns nunha dinámica de triunfos e derrotas que provocaron unha profunda inestabilidade no reino.

​

Tras acadar a minoría de idade en 1419, Xoán II prolongou o seu reinado até 1454, ano do seu falecemento.

Semblanza biográfica

Filla do conde don Pedro [Enríquez] e de dona Isabel de Castro, e irmá, polo tanto, de don Fadrique, de quen, tras a súa morte, se converteu en herdeira. Xoán II, polo aliñamento de don Fadrique a favor dos Infantes de Aragón, ordenara o secuestro inmediato de todo o seu patrimonio en 1430; un patrimonio que dona Beatriz estivo firmemente decidida a recuperar desde o primeiro momento para restaurar o poder e influencia da Casa de Lemos.

​

Cando apenas contaba con oito anos de idade, ante as presións do seu irmán e doutros parentes, foi obrigada a ingresar nun mosteiro de clarisas, onde permaneceu algúns anos, até que un día “se desnudó los ávitos a la vista de la Abadesa y monjas, y se salió del monasterio”. Algúns anos despois, en 1427, o papa Martín V ratificou a súa saída do ámbito eclesiástico. 

​

Xa antes de falecer don Fadrique, este concedera á súa irmá algunhas propiedades como a vila de Monforte, a de Castro Caldelas ou a de Cedeira, xunto a varias fortalezas, “para que tengades con que casar”. Porén, foi tras o decreto real de secuestrar os bens do Duque de Arjona, cando dona Beatriz tivo que emprender una intensa actividade de reclamacións para tratar de restaurar na súa integridade o patrimonio que estaba en mans do seu irmán e dos antecesores. 

​

Mentres todo isto ocorría, nos inicio da década dos 30 do século XV, dona Beatriz contraeu matrimonio con don Pedro Álvarez Osorio. Porén, polo parentesco que os unía, o matrimonio quedou anulado até a concesión das dispensas pontificias oportunas. Unha vez conseguidas, casaron no mosteiro de Carracedo en setembro de 1434.

​

Don Pedro Álvarez Osorio, aínda que posuía numerosos territorios, era un nobre máis ben pobre que trataba de enriquecer a súa facenda. A raíz do seu casamento, o seu obxectivo será contribuír con forza á tarefa de recuperar o patrimonio de don Fadrique que quedara confiscado e dispersado. De feito, en dez anos practicamente conseguiron ambos cónxuxes restaurar o señorío de Lemos, máis alá de vilas que xa estaban baixo o seu control como Monforte e Castro Caldelas. Porén, dona Beatriz non conseguiu de Xoán II nin a rehabilitación do seu irmán, nin a sucesión nos títulos e privilexios dos que gozaba no momento da súa prisión, nin o Condado de Trastámara, que lle foi concedido a un homónimo do seu marido, outro Pedro Álvarez Osorio, personaxe que destacara na defensa de Xoán II e don Álvaro de Luna, fronte á coalición pro-aragonesa.

​

Segundo algúns autores, dona Beatriz, que morreu arredor de 1455, foi enterrada na conventual de San Francisco de Villafranca, onde tamén deberon ser sepultados os seus fillos, dona María e don Alonso, e o seu marido, don Pedro Álvarez Osorio.

​

Para saber máis...

​

García–Fernández, Miguel, “Mujeres luchando por sí mismas. Tres ejemplos de la toma de conciencia femenina en la Galicia bajomedieval”, Historia I+D: revista de estudos históricos, 1 (2012), páxs. 33-70.

 

García Oro, José, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, 1981 (Biblioteca de Galicia, 20). 

​

García Tato, Isidro, Doña Beatriz de Castro, señora de Villafranca, Ponferrada y Monforte de Lemos, Ponferrada, Fundación Pedro Álvarez Osorio, 2008.

​

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols (Galicia Histórica).

​

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Pedro Álvarez Osorio. Un noble berciano del siglo XV, Ponferrada, Fundación Pedro Álvarez Osorio, 2008.

​

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, “Repertorio biográfico. Genealogía y prosopografía de mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV)”, en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV): estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, CSIC, 2017, páxs. 352-357 (Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, 44).

​

Pérez-Bustamante, Rogelio e Calderón Ortega, José Manuel, Enrique IV, 1454-1474, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1998.

​

Porras Arboledas, Pedro A., Juan II, 1406-1454, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1995.

Enderezo electrónico

Enderezo postal

Rúa San Roque, 2

15704, Santiago de Compostela (A Coruña)

Séguenos

  • 1. Sello Sarmiento color institucional
  • Twitter
bottom of page