top of page

Pedro Fernández de Bolaño

Fillo de Fernán Díaz de Ribadeneira (fillo pola súa parte de Álvaro González de Ribadeneira, tamén chamado de Sarria, e de dona Teresa Fernández de Ribadeneira) e de dona Mayor de Vaamonde, a súa segunda muller. Os seus irmáns foron Martín Vázquez de Vaamonde, cóengo de Mondoñedo, que herdou a chamada sucesión de Burela, Fernán Díaz de Ribadeneira, que foi señor dos coutos de Rosende, Laiosa e Cindrán, dona Teresa de Ribadeneira, que casou con Vasco das Seixas, señor de Narla, e dona María de Bolaño, primeira muller de Fernán Pérez Parragués [1]. Ademais dos mencionados, tivo dous medios irmáns, como fillos de dona Constanza Méndez, primeira muller do seu pai: dona Teresa de Ribadeneira, que casou con Macías Pérez de Ibias, e dona Constanza López de Navia, que no dejó descendencia. 

 

Este Pedro de Bolaño casou con dona Beatriz de Castro (filla do mariscal Pedro Pardo de Cela e de dona Isabel de Castro, viúva de Galaor Mosquera). Deles quedaron sete fillos: un novo Pedro Bolaño de Ribadeneira, que herdou os coutos de Lea, Neira de Rei e Baroncelle, entre outros, e que morreu sen sucesión; outro novo Fernán Díaz de Ribadeneira, que foi señor de Torés e casou con dona María Pimentel Cabeza de Vaca (filla de don Juan Pimentel); Bernaldo de Bolaño, que herdou os bens de Mondoñedo da súa tía dona Constanza López de Navia; dona Isabel de Bolaño, que recibiu o couto de Sindrán e casou primeiro con Gonzalo de Quirós e, máis tarde, con Juan de Prada; dona Mayor de Bolaño, que herdou o porto e couto de Burela e casou con Bernaldino de Castellanos, correxidor de Viveiro; dona María de Bolaño, que recibiu os coutos de Laiosa e Riosende; e dona Teresa de Bolaño, que herdou os bens da Terra de Páramo.

 

A traxectoria de Pedro Bolaño, que foi señor de Torés, está ben documentada a partir dos anos sesenta. No ano 1463 consta que se comprometeu a servir a don Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos, con quince ou vinte homes de armas mediante o pagamento 30.000 marabedís anuais, constando tamén que secundou os seus movementos cando a campaña de 1469 contra a sublevación irmandiña. Tamén pode anotarse a súa participación na campaña que en 1478 despregou o arcebispo Alonso II de Fonseca contra o célebre Pedro Madruga de Soutomaior [2]. Consta, así mesmo, que xa en 1480 ocupou Portomarín e Loio (Paradela, Lugo), xunto con Gonzalo de Ulloa [3], e que nese mesmo ano os reis procederon contra el e contra Álvaro González e Fernán Díaz de Ribadeneira por ter edificado sen licenza a fortaleza de Sobrada de Aguiar, xunto a Outeiro de Rei [4]. Ademais, segundo os cóengos de Mondoñedo, en 1482, tiña usurpada a sucesión de Burela, que lle correspondería, en realidade, a Ares Vázquez Vaamonde [5].

 

Hai noticia documentada, por outra parte, respecto a diversos negocios xurídicos, como o foro outorgado en 1476 polo mosteiro de Penamaior dos casares, casas e herdades situadas en Vilouzán, Vilambrán e Armillán (Láncara, Lugo) [6], ou polos conflitos e usurpacións de bens, entón tan frecuentes: en 1478, por exemplo, os monarcas amparárono a el e mais a Álvaro González de Ribadeneira na posesión de diversas herdades e, case ao mesmo tempo, fixeron outro tanto con don Diego Osorio por certos bens, vasalos e herdades, que Pedro de Bolaño lle tiña usurpados á súa vez; en 1485, este asunto reiterouse pola demanda de dona Inés de Guzmán, viúva do devandito Diego Osorio [7]. Un ano máis tarde, os mesmos monarcas encargaron que se determinase sobre a acusación feita por Pedro Cisneros, veciño de Astorga, contra Pedro de Bolaño, que defendía os que asantaran a casa daquel, roubándolle bens por valor de 20.000 marabedís [8].

 

Estes preitos e conflitos caracterizaron tamén os últimos anos da vida de Pedro de Bolaño. Aínda que en 1487 os monarcas xa o instaran a que cumprise o perdón que lle concederan polos delictos cometidos cando a rebelión do conde de Lemos [9], só uns meses máis tarde debía afrontar a acusación de ter quebrantado a orde de non entrar en Galicia, ditada en 1483, ou de ter permanecido na Corte, segundo lle fora ordenado [10], sen esquecer outros preitos, como o que por 1491 sostería a súa muller, dona Beatriz, polos bens que lle foran tomados a el por Diego López de Haro ao tempo que fora apresado [11] ou o que o enfrontaba con Alonso Niño de Castro [12].

 

Pedro de Bolaño outorgou o seu testamento o 21 de agosto de 1491, mellorando o seu fillo Fernán Díaz e designando titora dos seus fillos a dona Beatriz. Foi sepultado na capela maior da conventual de Santo Domingo de Lugo [13].

--

[1] Véxase Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, 2022. Tamén Archivo Ducal de Medinaceli, Torés, leg. 5, núm. 35; AGEP, Ribadeneira II, núm. 117.

[2] Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña. Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, t. 1, páxs. 340, 375 e 399-400.

[3] José García Oro, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos 1981, pác. 369 [Nota: Loio levárao García Rodríguez, páx. 385].

[4] AGS, Registro General del Sello, s. d. novembro de 1480, Medina del Campo, fol. 35.

[5] Enrique Cal Pardo, Catálogo de los documentos medievales escritos en pergamino del archivo de la Catedral de Mondoñedo (871-1492), Lugo, Deputación Provincial de Lugo, 1990, páx. 675.

[6] AHN, Clero, carp. 1235, núm. 20.

[7] AGS, Registro General del Sello, 3 de marzo de 1478, Sevilla, fols. 29, 69 e 80. Tamén 18 de maio de 1485, Valladolid, fol. 45.

[8] AGS, Registro General del Sello, 22 de outubro de 1486, Palacios de Valduerna, fol. 56.

[9] AGS, Registro General del Sello, 29 de xaneiro de 1487, Salamanca, fol. 19.

[10] AGS, Registro General del Sello, 24 de decembro de 1491, fol. 44.

[11] AGS, Registro General del Sello, 22 de xaneiro de 1491, Sevilla, fol. 256.

[12] AGS, Registro General del Sello, 25 de agosto de 1487, Salamanca, fol. 223.

[13] Archivo Ducal de Medinaceli, Torés, leg. 5, núm. 35.

bottom of page