top of page
Mendoza (de la Vega2)_edited.jpg

Aldonza de Mendoza

Contexto histórico

A súa infancia e xuventude transcorreu durante o reinado de Henrique III (1379-1406), quen morreu cando o seu herdeiro, o príncipe Xoán, apenas contaba con dous anos de idade.

Durante a minoría de idade do monarca, Xoán II, actuaron como rexentes, a petición de seu pais, a súa mai Catalina de Lancaster e o seu tío, o infante don Fernando, coñecido como Fernando de Antequera pola campaña militar que realizou contra esta poboación, aínda que non foi a única que levou a cabo en Andalucía. Ademais, don Fernando converteuse en rei de Aragón tras a morte do anterior monarca aragonés sen descendentes. Desde Aragón, o seus fillos, Xoán e Henrique, coñecidos como os Infantes de Aragón, participaron de forma moi activa na política castelá sendo apoiados por algúns nobres  nunha dinámica de triunfos e derrotas que provocaron unha profunda inestabilidade no reino.

Tras acadar a minoría de idade en 1419, Xoán II prolongou o seu reinado até 1454, ano do seu falecemento.

Semblanza biográfica

Dona Aldonza de Mendoza formaba parte da parentela rexia castelá, aínda que por liña bastarda, xa que era neta de Henrique II por liña materna. O seu nacemento debeuse producir cara ao ano 1385, xa que a súa nai, María de Castela, morreu en 1387, deixándoa como única herdeira dos bens maternos, unh vez que o seu irmán morreu sendo neno. Seu pai, Diego Hurtado de Mendoza, casou en segundas nupcias con dona Leonor de la Vega, nacendo deste segundo matrimonio, entre outros fillos, o célebre marqués de Santillana, don Íñigo López de Mendoza, co que dona Aldonza mantivo numerosos preitos pola herdanza paterna ao longo da súa vida.

O seu matrimonio con don Fadrique, conde de Trastámara e señor de Lemos e Sarria, posteriormente duque de Arjona, celebrado o 26 de febreiro de 1405, foi concertado por iniciativa rexia, o que reforzou a posición ascendente de don Fadrique na Corte. 

Durante os primeiros anos de matrimonio, parece que existiu unha certa colaboración entre a parella para afianzar o seu estatus. Ela formaba parte das doncelas que acompañaban á raíña Catalina de Lancaster e el figura como notario maior do reino e como un dos convidados nas festas da coroación de don Fernando de Antequera como rei de Aragón. Porén, no interrogatorio do preito que enfrontou a dona Beatriz de Castro co herdeiro da súa cuñada, dona Aldonza de Mendoza, pola vila de Ponferrada, reitéranse as referencias aos malos tratos que sufriu dona Aldonza por parte do seu marido, quen tamén parece ter saqueado parte do patrimonio da súa muller. En todo caso, dona Aldonza de Mendoza non denunciou estes feitos en vida, como si fixeron outras mulleres da nobreza galega como dona María Pimentel de Castro. Porén, son numerosos os testemuños, sobre todo de mulleres e homes da súa casa, que relatan diversos episodios de violencia e incluso un prolongado encerro de vinte e dous meses que sufriu dona Aldonza no castelo de Ponferrada.

Tras a morte do seu marido en 1430, dona Aldonza permaneceu viúva até o seu propio falecemento en 1435. Durante ese tempo desprazouse en diversas ocasións á corte de Xoán II para reclamar a posesión de Ponferrada, algo que finalmente conseguiu como compensación por non ter recibido o pago do dote matrimonial prometido por don Fadrique. Tamén litigou pola posesión de Valdeorras e fortaleceu os vínculos coa comunidade xerónima de San Bartolomé de Lupiana (Guadalajara), sendo nomeado o prior desta institución como un dos cumpridores do seu testamento e custodio dun “segredo” que dona Aldonza non quixo confesar máis que de viva voz pouco antes de morrer. 

Dona Aldonza faleceu o 18 de xuño de 1435, poucos despois de outorgar testamento. Neste dispuxo ser soterrada no citado mosteiro de Lupiana, para o que encargou que lle fixeran unha sepultura de alabastro, que debería estar situada no centro da “capilla mayor de la dicha iglesia, de manera que no pudiera haber otra sepultura entre el dicho altar e la mýa”. Este sepulcro, que se conserva actualmente no Museo Provincial de Bellas Artes de Guadalajara, representa unha imaxe feminina xacente, cos ollos pechados e coa cabeza apoiada sobre dúas almofadas. Leva un vestido longo e amplo, axustándose ao corpo cun cinto e con mangas de amplo volume. A "peaña" sobre a que repousa esta escultura funeraria está decorada nos seus lados maiores por vexetación e un escudo dos Mendoza. Na cabeceira represéntase o escudo dos Enríquez, aínda que dona Aldonza parece que non quixo perpetuar a súa memoria despois da morte ao lado do seu marido.

Para saber máis...

Beceiro Pita, Isabel, “Aldonza de Mendoza, duquesa de Arjona (¿? – Espinosa de Henares,18 de junio de 1435)”, en Esther Alegre Carvajal (dir.), Damas de la Casa de Mendoza. Historias, leyendas y olvidos, Madrid, Polifemo, 2014, páxs. 71–95.

Beceiro Pita, Isabel, “Doña Aldonza de Mendoza y sus libros”, en Eduardo Pardo de Guevara (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (Siglos XIII–XV): estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, CSIC, 2017, páxs. 291-322 (Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, 44).

Cendón Fernández, Marta, “El sepulcro de doña Aldonza”, en Eduardo Pardo de Guevara (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (Siglos XIII–XV): estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, CSIC, 2017, páxs. 323-339 (Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, 44).

Cendón Fernández, Marta, “La imagen de doña Aldonza de Mendoza: vida y memoria”, en Esther Corral Díaz (ed.), Voces de mujeres en la Edad Media. Entre realidad y ficción, Berlín; Boston, De Gruyter Publishers, 2018, páxs. 62-9.

García–Fernández, Miguel, “Mujeres luchando por sí mismas. Tres ejemplos de la toma de conciencia femenina en la Galicia bajomedieval”, Historia I+D: revista de estudos históricos, 1 (2012), páxs. 33-70.

García-Fernández, Miguel, “El postrimer deseo (cuasi olvidado) de doña Aldonza de Mendoza: documentos para su recuperación”, en Manuel Cabrera Espinosa e Juan Antonio López Cordero (eds.), X Congreso virtual sobre Historia de las Mujeres (15 al 31 de octubre de 2018). Comunicaciones, Jaén, Asociación de Amigos del Archivo Diocesano de Jaén, 2018, páxs. 313-361.

Otero Piñeyro Maseda, Pablo S. e García-Fernández, Miguel, “Documentos de doña Aldonza”, en Eduardo Pardo de Guevara (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (Siglos XIII–XV): estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, CSIC, 2017, páxs. 723-838 (Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, 44).

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols. (Galicia Histórica).

Porras Arboledas, Pedro A., Juan II, 1406-1454, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1995.

Suárez Bilbao, Fernando, Enrique III, 1390-1406, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1994.

Villarroel González, Óscar e Carceller Cerviño, María del Pilar, Catalina de Lancaster. Una reina y el poder, Madrid, Sílex, 2021.

Enderezo electrónico

Enderezo postal

Rúa San Roque, 2

15704, Santiago de Compostela (A Coruña)

Séguenos

  • 1. Sello Sarmiento color institucional
  • Twitter
bottom of page