top of page
Rodrigo Osorio, Beatriz de Castro II.PNG

Beatriz de Castro II

Contexto histórico

A vida de dona Beatriz Osorio desenvolveuse durante o reinado dos Reis Católicos, Isabel e Fernando. Á morte de Isabel, o goberno de Castela pasou a mans do marido da súa filla Xoana, Filipe (I), o Fermoso, quen morreu aos poucos meses repentinamente, o que provocou que finalmente Fernando, o Católico, fora nomeado rexente e que reinara Castela até a súa morte en 1516.

A partir dese momento, e aínda que a raíña titular recoñecida era dona Xoana, mal chamada a Louca, quen exerceu o poder rexio foi o seu fillo, Carlos I, quen gobernou até 1558, cando herdou a coroa o seu fillo Filipe II, quen morreu en 1598.

Semblanza biográfica

Filla única e herdeira de don Rodrigo Osorio, segundo conde de Lemos, e da súa muller, dona Teresa Osorio. A beleza de dona Beatriz, á que precisamente alcumaron a Fermosa, deu lugar a un dito popular: “De las carnes, el carnero; / de los pescados, el mero; / de las aves, la perdiz; / de las mugeres, la Beatriz”, aínda que outros documentos din dela que era “de áspera condiçión, como el Conde su padre”.

Casou en dúas ocasións. A primeira con don Dinís, sobriño do rei de Portugal. A raíña Isabel a Católica, verdadeira artífice da unión, regalou a dona Beatriz con motivo da súa voda, celebrada o 14 de marzo de 1520, “dos fuentes grandes y dos tazones y dos frascos grandes y un salero grande, historiados todos y de una misma obra todos, excepto el salero, tienen en medio un escudo de armas de la dicha Casa, para que quede en ella y en sus subcesores para siempre jamás, y no se pueden vender ni enagenar en manera alguna, por haberlos dado la señora Reyna Católica Doña Ysabel, de gloriosa memoria”. Deste matrimonio naceron nove fillos, sendo o primoxénito, don Fernando Ruíz de Castro e Portugal, o que continuou a liña sucesoria da Casa de Lemos.  

A segunda voda, morto o seu primeiro marido en 1516, e titulándose xa condesa de Lemos, celebrouse con Álvaro Osorio, familiar en grao afastado, para a que obtivo a correspondente dispensa o 26 de febreiro de 1521. A pesar diso, o casamento non foi revalidado até o ano 1537, cando o xuíz apostólico os “tornó a casar”. Esta situación tan irregular, mantida durante tanto tempo, foi, probablemente, o motivo real das graves disensións que enfrontaron durante anos a dona Beatriz coa poderosa familia do defunto don Dinís, xa que o monarca portugués, curmán de don Dinís, reclamou e obtivo a custodia dos seus sobriños, que foron apartados da súa mai, pasando a ser educados en Portugal. As fillas fixérono no palacio da raíña dona Leonor, mentres que cando menos dous dos varóns quedaron baixo a tutela do Duque de Braganza. Do segundo matrimonio de dona Beatriz naceron cinco fillos, levando todos o apelido Castro: Antonio, Rodrigo, Luís, Ana e María.

O 3 de xullo de 1529 dona Beatriz obtivo permiso de Carlos V para fundar un morgado na figura de Antonio de Castro, primoxénito do seu segundo matrimonio, coa condición de “que dexéis alimentos a los otros fijos vuestros, aunque sea en menor cantidad de la que debiera ser”. Esta fundación ratificouna en 1529, 1556 e 1567. A raíz disto, Fernando Ruíz de Castro, primoxénito do seu primeiro matrimonio e herdeiro da Casa de Lemos, iniciou un preito de forma inmediata, causando, así mesmo, novas disputas familiares. Finalmente, a titularidade da Casa pasou a mans de don Fernando Ruiz de Castro e Portugal, o primoxénito dos catorce fillos que deixou a condesa dona Beatriz dos seus dous matrimonios. 

A Condesa faleceu en Valladolid o 11 de novembro de 1570 e mandou ser “depositada” en Valladolid, aínda que precisando a súa vontade de que os seus ósos fora levados e sepultados, á maior brevidade, no mosteiro de Santo Antonio de Monforte xunto ao seu pai.

Para saber máis...

Fernández Álvarez, Manuel, Juana la loca, 1479-1555, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia.

 

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Don Pedro Fernández de Castro, VII conde de Lemos (1576-1622), Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1997, vol. 1, páxs. 86-87.

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, “Repertorio biográfico. Genealogía y prosopografía de mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV)”, en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV): estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, CSIC, 2017, páxs. 360-368 (Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, 44).

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, “Beatriz de Castro”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico [en liña], dispoñible en https://dbe.rah.es/biografias/43633/beatriz-de-castro [Consulta: 19/10/2021].

Parker, Geoffrey, Felipe II. La biografía definitiva, Madrid, Planeta, 2010.

Parker, Geoffrey, Carlos V. Una nueva vida del emperador, Madrid, Planeta, 2019.

Pérez-Bustamante, Rogelio e Calderón Ortega, José Manuel, Felipe I, 1506, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1995.

Suárez Fernández, Luis, Los Reyes Católicos, Barcelona, Ariel, 2004.

Enderezo electrónico

Enderezo postal

Rúa San Roque, 2

15704, Santiago de Compostela (A Coruña)

Séguenos

  • 1. Sello Sarmiento color institucional
  • Twitter
bottom of page