top of page

María de Limia

Dona María de Limia foi filla de Xoán Fernández de Limia (V), señor de Celme e fillo, pola súa parte, de Ruí Fernández de Limia (III) y de dona María Afonso Churruchao, e de dona Marina Páez, filla, no seu caso, de Xoán Pérez de Novoa (II) e de dona Maior Fernández de Biedma. O seu irmán foi Ruí Fernández de Limia (IV), quen faleceu cara a 1366, ao tempo que os seus pais. Dona María foi casada con Afonso Suárez de Deza e parece que enviuvou antes de 1394 ou, en todo caso, antes de 1416. Os seus fillos foron dona Beatriz Alfonso, documentada en 1406, xunto aos seus pais, recibindo do abade de Celanova o couto de Rabal; e Afonso Gómez Churruchao, quen en 1441 recibiu de Ruí Sánchez de Moscoso o casal de Torrevedra en remuneración polos seus servizos “et porque sodes de meu sangue et outrosy porque me pras et he miña voontade”. Tamén poderían ter sido fillos seus un Ruí Sánchez e unha dona Teresa Sánchez de Deza.

Ante o morte temperá do seu irmán, dona María de Limia converteuse na única herdeira dos bens dos seus proxenitores, circunstancia que se pon de manifesto en primeiro termo coa sucesión na torre e castelo de Celme, que señoreou até 1427, cando doou esta propiedade a Diego Pérez Sarmiento, adiantado maior de Galicia, “veendo quantas gracias e beneficios reçebemos eu e o dito Afonso Suares, meu marido, de García Fernandes Sarmiento, que Deus aja, voso padre, e eu a dita doña María ey reçebido de vos o dito Diego Sarmiento, e espero reçeber de aquí endeante”. Así mesmo, dona María tamén se fixo cos diversos foros que os seus pais e irmán levaran do mosteiro de Celanova, entre eles os correspondentes ao couto de Rabal e dous casais en Bobadela, que recibiron en 1406 ela, o seu marido e a súa filla dona Beatriz. 

Tras a morte do seu cónxuxe, dona María ocupouse da xestión dalgúns dos bens que levara este. Así, en 1416 fíxolles un subforo a Xoán Folleiro e á súa muller Teresa Lourenza coas viñas que tiña aforadas o seu difunto marido do arcebispo de Santiago na freguesía de San Salvador de Pazo de Arenteiro. Uns anos máis tarde, tamén deu poder ao párroco de San Xoán de Laza para que aforase por ela o casal da Penela, en Santa María da Pinza.

En 1442, no lugar de Congostro, dona María de Limia outorgou o seu testamento, pouco antes de falecer. Nas súas últimas vontades, ademais de dispoñer a entrega de varias mandas piadosas, dispuxo ser soterrada “donde jase meu tyo Alvar Rodrigues de Limia”, nomeando ademais como herdeiros universais dos seus bens a don Diego Pérez Sarmiento, adiantado maior de Galicia, e á súa muller, dona Teresa de Zúñiga, “por los muitos beens e dádivas que del dicho Adelantado e de seu padre avemos recevido, que son en más quantías que valen los ditos nosos beens e vasallo”. 


 

Fontes e bibliografía

Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Clero, Santa Clara de Allariz, Libro 76, fol. 9r.

 

Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, «Repertorio Biográfico. Genealogía y Prosopografía de Mujeres con Poder en la Galicia Medieval (siglos XIII-XV)”, en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con Poder en la Galicia Medieval (Siglos XIII-XV). Estudios, Biografías y Documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento - Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2017, páxs. 480-484.

bottom of page