top of page

Teresa de Zúñiga (II)

Dona Teresa de Zúñiga (II) foi filla unixénita de don Xoán de Zúñiga, vizconde de Monterrei –quen, por súa vez vez, era fillo de Diego López de Zúñiga (IV), o Mozo, señor de Monterrei, e de dona Elvira Rodríguez de Biedma–, e da vizcondesa dona María de Bazán. Posteriormente o seu pai casou en segundas nupcias con dona María Enríquez, sen acadar outra descendencia que o sobrevivira.

Dona Teresa parece ter casado “por palabras de presente” con don Bernardino Pérez Sarmiento, primeiro conde de Ribadavia, que fora criado pola tía homónima de dona Teresa como se fose fillo propio. Así o sinalou dona María Pimentel de Castro con motivo do preito de divorcio que iniciou contra don Bernardino e, de feito, ese matrimonio entre dona Teresa e don Bernardino fora desexado por dona Teresa de Zúñiga (I) para o seu fillastro, sendo anunciado no seu propio testamento de 1470. En todo caso, o único probado e ben documentado é que dona Teresa foi casada con don Sancho Sánchez de Ulloa, señor de Vilamaior, quen despois se converteu no primeiro conde de Monterrei. A filla de ambos, dona Francisca de Zúñiga, herdou o condado de Monterrei e casou, primeiro, co seu primo don Diego de Acevedo e, posteriormente, con don Fernando de Andrade. Aínda que tivo varios medios irmáns do segundo matrimonio do seu pai con dona María Enríquez, todos faleceron sendo nenos. A eles habería que sumar un bastardo paterno chamado Galaote, un posible diminutivo ou deformación de Galaor, sobre cuxa vida e circunstancias non se pode engadir nada.

Á morte do seu pai, ocorrida a comezos de 1474, dona Teresa asumiu o protagonismo que lle correspondía no longo e amargo debate familiar pola posesión da vila e o señorío de Monterrei. Este xurdiu tras o outorgamento da facultade dada por Xoán II en 1423 a favor de don Diego López de Zúñiga (V), o Mozo, pola que este podía desfacer o morgado fundado polo seu pai para repartir os seus bens entre os seus diversos fillos e fillas, tidos de diferentes matrimonios. Entón, don Diego López de Zúñiga fundou dous morgados, con separación das terras de Castela e Galicia: un a favor de don Xoán de Zúñiga, o primoxénito varón, e outro para o maior dos fillos varóns do seu segundo matrimonio, don Pedro de Zúñiga. Á morte de don Diego, o seu fillo don Xoán tomou por forza Monterrei, ocupou as herdades de Entrala e Zamora e quixo desposuír o seu medio-irmán doutros bens. Ao non chegar a un acordo, a pesar de varias intervencións rexias de Xoán II e Henrique IV, dona Teresa tivo que facer fronte en 1480 á demanda que lle puxo o seu tío don Pedro de Zúñiga ante o Consello Real “por aquella villa de que dijo estar despojado”. Entón, doña Teresa deu poder ao seu marido, o conde don Sancho Sánchez de Ulloa, para que demandase “los lugares de Galve e Moredillo y Baides y todos qualesquier otros heredamientos y lugares que tiene y posee Pedro de Zúñiga, mi tío (...) que son míos y me pertenecen haver como hija lexítima heredera de don Juan de Zúñiga, mi señor Padre”.

Tras varias sentenzas públicas, en setembro de 1489 a raíña Isabel asinou unha nova executoria do preito, adxudicando a don Pedro de Zúñiga a vila de Monterrei e a súa terra, a vila e a fortaleza de Baides e as casas de Zamora, mentres que á parte de dona Teresa de Zúñiga, xa falecida uns anos atrás, pasarían as vilas de Galve, Quintanilla, Moradillo, Acinas, Aldea del Horno e as casas e herdades de Entrala. Dous anos máis tarde, o conde viúvo don Sancho Sánchez de Ulloa, por el e no nome da súa filla dona Francisca, viuse forzado a facer entrega da fortaleza de Monterrei, aínda que exixiu o pagamento de todas as melloras realizadas por eles durante os anos anteriores. 

 

Bibliografía

Gonzalo Francisco FERNÁNDEZ SUÁREZ, La nobleza gallega entre los siglos XIV-XVI. Los Sarmiento Condes de Ribadavia, Santiago de Compostela, El Eco Franciscano, 2002.

Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, «Repertorio Biográfico. Genealogía y Prosopografía de Mujeres con Poder en la Galicia Medieval (Siglos XIII-XV)», en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con Poder en la Galicia Medieval (Siglos XIII-XV). Estudios, Biografías y Documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento - Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2017, páxs. 593-597.

bottom of page