Rodrigo Osorio
Contexto histórico
Unha parte importante da vida de don Rodrigo Osorio desenvolveuse durante o reinado dos Reis Católicos: Isabel de Castela e Fernando de Aragón. Isabel I dispuxo no seu testamento que, se ben a herdeira ao trono debía ser a súa filla Xoana -pois con anterioridade faleceran o seu único fillo varón e a súa filla primoxénita-, o seu marido, Fernando, administraría e gobernaría Castela no nome da súa filla, cando menos até que o príncipe Carlos, primeiro fillo varón de dona Xoana e Filipe o Fermoso, cumprira vinte anos.
Porén, a nobreza castelá non apoio a Fernando e este optou por retirarse a Aragón. O goberno de Castelá quedou en mans do marido de Xoana, Filipe (I), quen aos poucos meses morreu repentinamente. Isto provocou que finalmente Fernando fora nomeado rexente, de novo, e que reinara até 1516. Encerrada polo seu pai nun convento de Tordesillas, Xoana, mal chamada a Louca, permaneceu alí até a súa morte, quedando á marxe do goberno. Quen accedeu a este foi Carlos I, quen reinou até 1556.
Semblanza biográfica
No marco da súa discutida filiación, é identificado por Eduardo Pardo de Guevara como fillo bastardo de don Pedro Álvarez Osorio e de dona Maior de Valcárcel. Boa parte da súa traxectoria vital estivo marcada pola súa permanente loita contra a súa medio irmá dona Xoana, primoxénita do segundo matrimonio do conde de Lemos, don Pedro Álvarez Osorio, con dona María de Bazán. Dona Xoana Osorio, na súa condición de filla lexítima –a de maior idade tras o falecemento dos fillos que tivera don Pedro coa súa primeira muller, dona Beatriz de Castro*–, reclamou os seus dereitos á sucesión, tomando o título condal de Lemos. Para iso contou co apoio da Casa de Benavente, personificada na figura do seu marido don Luis Pimentel.
Os conflitos para recuperar as terras que corresponderan a dona Xoana sucedéronse rapidamente. Don Rodrigo apoderouse de, entre outras, a vila de Ponferrada, o que provocou a intervención do monarca Fernando, o Católico. Este ordenou aos contendentes que esperaren á resolución xudicial do conflito. A sentenza estableceu o reparto das terras en litixio tomando como liña divisoria O Cebreiro: as que estaban en Galicia serían para don Rodrigo e as que estaban no Bierzo e cara ás terras de León corresponderían a don Luis Pimentel e dona Xoana, o que significaba que don Rodrigo recibiría as vilas de Monforte, Castro Caldelas, Sarria e Cedeira, mentres debía renunciar a outras como Ponferrada ou Villafranca.
Don Rodrigo non aceptou a sentenza, negándose a entregar os bens que lle corresponderan a dona Xoana. Daquela, puxo cerco a Ponferrada. A resposta dos Reis Católicos foi fulminante e ordenaron a personaxes importantes da zona que acudiran a levantar o sitio de Ponferrada. Porén, a resistencia ponferradina foi maior da esperada e fíxose necesaria a presenza dos monarcas. Chamaron a don Rodrigo á súa presenza e aceptaron as súas desculpas a cambio de duras esixencias económicas e o desterrou de Galicia por cinco anos. En 1492, cumprido o prazo do desterro, don Rodrigo parece acadar a súa rehabilitación na Corte: admitíronse algunhas das súas reclamacións, os Reis confiáronlle diferentes comisións, propuxéronlle o matrimonio da súa filla cun sobriño do rei de Portugal e reintegráronlle parte do seu patrimonio.
Tras a morte da raíña Isabel, intentou recuperar, sen éxito, outra parte do seu patrimonio, ben mediante a loita armada, ben por vía xudicial, especialmente durante o reinado de Carlos I. A pesar dos seus fracasos, o conde don Rodrigo Osorio tivo unha importante presenza en Galicia: acompañou a Carlos I ás Cortes de 1520 que se celebraron na Coruña e Santiago, participou activamente nas loitas das comunidades de Castela e foi enviado a pacificar a cidade de Ourense.
Casado con dona Teresa Osorio, foi pai de dona Beatriz de Castro, a Fermosa, quen o sucedeu como III condesa de Lemos.
Descoñécese a data exacta da súa morte. Frei Malaquías de la Vega sitúaa inicialmente o 18 de novembro de 1520 pero, posteriormente, retrasouna ao día 21 do mesmo mes e ano. Outros autores sitúana en 1521, coincidido co momento no que a súa filla e herdeira, dona Beatriz, comeza a recibir o tratamento da condesa de Lemos.
Foi sepultado, ou posteriormente trasladado, ao panteón familiar do convento monfortino de Santo Antonio de Padua, que el mesmo fundara en 1503.
Para saber máis...
Fernández Álvarez, Manuel, Juana la loca, 1479-1555, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia.
García Oro, José, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, 1981 (Biblioteca de Galicia, 20).
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols. (Galicia Histórica).
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, “Rodrigo Osorio”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico [en liña], dispoñible en https://dbe.rah.es/biografias/43628/rodrigo-osorio [Consulta: 18/10/2021].
Parker, Geoffrey, Carlos V. Una nueva vida del emperador, Madrid, Planeta, 2019.
Pérez-Bustamante, Rogelio e Calderón Ortega, José Manuel, Felipe I, 1506, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1995.
Suárez Fernández, Luis, Los Reyes Católicos, Barcelona, Ariel, 2004.
Vázquez, Germán, Historia de Monforte y su Tierra de Lemos, Monforte de Lemos, Concello de Monforte, 1970-1972.
Enderezo electrónico
Enderezo postal
Rúa San Roque, 2
15704, Santiago de Compostela (A Coruña)
Séguenos