top of page

Pedro de Miranda

Fillo do mariscal Álvaro González de Ribadeneira, señor da Barreira (fillo á súa vez de Diego Sánchez de Ribadeneira e de dona Teresa Rodríguez de Aguiar, irmá do mariscal Pedro Pardo de Cela e viúva de Alonso López de Saavedra), e de dona María de Bolaño (filla, pola súa parte, de Pedro de Miranda, señor da Casa do Renegado, e de dona Inés de Bolaño). Os seus irmáns foron Diego Sánchez de Ribadeneira, señor da Barreira, que casou con dona Constanza de Aguiar e testou no ano 1541, sendo sepultado na conventual de Santo Domingo de Lugo, Fernán Díaz de Ribadeneira, que casou con dona Constanza das Mariñas, dona Inés de Ribadeneira, que casou con García Rodríguez de Villamarín, así como dona Teresa de Ribadeneira, que casou con Martín Díaz de Guitián, e dona Mayor de Ribadeneira [1], que casou á súa vez con Ares de Omaña; esas dúas últimas foron desheredadas polo seu pai con motivo dos seus respectivos matrimonios.

Este Pedro de Miranda casou con dona Constanza de Saavedra (filla de Fernán Ares de Saavedra e de dona Constanza de Castro (filla do mariscal Pedro Pardo de Cela e viúva de Galaor Osorio) e tivo con ela os seguintes fillos: Ruy González de Ribadeneira, señor de Vilaguisada, que casou con dona Violante de Losada, Álvaro González de Ribadeneira, señor de Guitiriz e Vaamonde, que casou á súa vez con dona Elvira de Sotomayor, e dona Beatriz de Castro, que foi muller de Pedro Pardo de Andrade [2].

No ano 1516 outorgou licenza á súa muller, dona Constanza de Saavedra, para traspasar ao seu medio irmán Pedro Álvarez Osorio os bens que lle correspondían pola súa lexítima e que eran sitos en Viveiro e no bispado de Mondoñedo, coa excepción do couto de Reboleiras, a cambio doutras propiedades como a metade do couto de Croio, Chao de Aguiar e as súas pertenzas no bispado de Lugo, excepto Castro de Rei e  Outeiro de Rei [3].

No ano 1525 foi mellorado pola súa nai, dona María de Bolaño. Porén, un ano máis tarde esta mellora foi revocada a favor doutro fillo, Fernán Díaz de Ribadeneira, quen recibiu a mellora dun terzo e un quinto que lle fora dada a Pedro de Miranda para a súa voda con dona Constanza de Saavedra, alegando tela feito obrigada polo seu marido [4]. De todos modos, este Pedro de Miranda herdou igualmente parte dos bens maternos, ao igual que os bens paternos que quedaran de Fernán Ares de Saavedra e que el mesmo adquirira [5].

--

[1] Véxase Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, 2022. Tamén ARG, Fondo Real Audiencia, leg. 8.601, núm. 5; ARG, Pergamiños, núm. 804; AGEP, Ribadeneira IV, núm. 119.

[2] ADM, Parga, leg. 1, núms. 15, 46 e 60, e leg. 5, núm. 94.

[3] ADM, Parga, leg. 6, núm. 15.

[4] ADM, Parga, leg. 1, núm. 48. ARG, Fondo Real Audiencia, leg. 8.601, núm. 5.

[5] ARG, Fondo Real Audiencia, leg. 8.601, núm. 5.

bottom of page