top of page

Xoana Vázquez das Seixas

Dona Xoana Vázquez das Seixas foi filla unixénita de Vasco Gómez das Seixas, señor da pobra de Chantada e o seu alfoz, documentado ademais como meiriño maior de Galicia entre os anos 1377 e 1381, y de dona Elvira Álvarez Osorio, a cal casou despois con Ruí Gómez de Neira. 


Dona Xoana estivo casada con Fernán Eanes de Limia (II), fillo do petrista Álvaro Rodríguez de Limia (II), e de dona Inés Fernández de Soutomaior, filla, por súa vez, de Fernán Eanes de Soutomaior. O seu marido foi señor de Fornelos e Soutomaior, señoríos que perdeu despois por ser partidario do rei João de Portugal e por participar na toma de Tui en 1393. Anos máis tarde, de feito, exiliouse no reino portugués, onde foi beneficiado con importantes patrimonios, entre eles as terras de Valdevez e o señorío da torre de Giela.


En 1395 o rei Henrique III fíxose eco das queixas do abade de San Salvador de Chantada respecto dos “muchos malles e danos et robos e tonías et agraveos et sen rasones” que, contra o devandito mosteiro, os seus vasalos e labradores, cometían Fernán Eanes e a súa muller dona Xoana Vázquez das Seixas aos que o monarca ordenou que non se entremetesen máis nas propiedades do mosteiro. Ao pouco tempo, dona Xoana dooulle aos monxes os dous casares que eran “enna aldea de Villa Pedre, fiigresía de Sayoane de Leggea et de Sant Payo de Moradelle”, que seu pai xa lles deixara desembargados no seu testamento.


Consta documentalmente que dona Xoana Vázquez das Seixas asumiu persoalmente a xestión dos bens e patrimonios recibidos á morte do seu pai, que aconteceu en 1394. Dous anos máis tarde, por exemplo, o cabido compostelán nomeou procuradores para tomar posesión dos coutos de Ardia, Moldes e Oubiña, que lle vendera dona Xoana. Así mesmo, vendeu a Gonzalo Ozores de Ulloa a terra de Repostería, como el mesmo fixo constar no seu testamento, outorgado en 1402.


Entre as disputas nas que se viu inmersa dona Xoana cómpre destacar o seu enfrontamento coa condesa viúva de Lemos, dona Isabel de Castro, pola vila, a fortaleza e a terra de Chantada. Dona Isabel consideraba que todo iso lle correspondía como parte do dote que lle outorgara o seu pai. Porén, dona Xoana Vázquez das Seixas retiña todo no seu poder. Finalmente, a xustiza deulle a razón a dona Isabel, polo que dona Xoana tivo que entregar a praza, o alfoz e os coutos dependentes de Chantada.


Cómpre sinalar que a chamada Crónica xeral galega, que xunto con outros textos literarios galegos como o Livro de Tristam está asociada ao mecenado dos Limia, contén nun dos seus folios (91r) unha nota cos nomes de dona Xoana e o seu marido: “Eu Fernando Yanes de Lymia” e, debaixo, “Eu Johana Vasques de Seyxas”, o que vincula a propiedade ou posesión desta obra directamente con este matrimonio.


Dona Xoana Vázquez das Seixas morreu sen fillos, probablemente ao redor de 1400. E, de feito, tras separarse do seu marido, este fixo unha nova vida en Portugal, onde casou en segundas nupcias con dona Teresa Gomes da Silva, coa que si tivo descendencia. 

Bibliografía


Esther CORRAL DÍAZ e Ricardo PICHEL (dirs.); Ricardo PICHEL, Marina Aurora GARZÓN FERNÁNDEZ e Tania VÁZQUEZ GARCÍA (auts.); e Miguel GARCÍA-FERNÁNDEZ (colab.), Guía para o estudo da prosa galega medieval, Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades – Xunta de Galicia, 2020. <https://www.cirp.es/publicacions/pub-0511.html


José MÉNDEZ PÉREZ, «O «Alcázar, Casa Fuerte y Fortaleza» de Chantada: Unha Memoria Esvaecida da que xa Ninguén se Lembra», Alicerces. Revista de estudos sobre o Miño Medio, 4 (2018), páxs. 193-205.


Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, «Repertorio Biográfico. Genealogía y prosopografía de mujeres con poder en la Galicia Medieval (siglos XIII-XV)», en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con poder en la Galicia Medieval (Siglos XIII-XV). Estudios, Biografías y Documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento - Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2017, páxs. 448-451.


Ricardo PICHEL, «O Casal Lima-Seixas no percurso da produción literaria galega a cabalo dos séculos XIV e XV», Alicerces. Revista de estudos sobre o Miño Medio, 3 (2017), páxs. 113-139.


Ricardo PICHEL (dir)., EGPA. Escritorio Galego-Portugués Antigo. Santiago de Compostela: Universidad de Alcalá – Instituto da Lingua Galega, 2022 en diante <https://corpora.uah.es/egpa/>. 

bottom of page