Constanza de Saavedra
Filla de Fernán Ares de Saavedra (fillo de Vasco de Parga e de dona Mayor de Vaamonde, muller despois de Fernán Díaz de Ribadeneira o Vello, señor de Torés) e de dona Constanza de Castro, viúva de Galaor Osorio (ela, á súa vez, foi filla do mariscal Pedro Pardo de Cela e de dona Isabel de Castro, viúva de Galaor Mosquera). Foi medio irmá de Pedro Álvarez Osorio, documentado como alcaide de Moeche, dona María Osorio e dona Isabel Osorio, que foron fillos do primeiro matrimonio da súa mai, e de Alonso López de Saavedra, que foi señor de Miraz e, por súa vez, fillo non lexítimo do seu pai [1].
Dona Constanza casou con Pedro de Miranda, señor Guitiriz, Vaamonde e Vilaguisada (fillo do mariscal Álvaro González de Ribadeneira, señor da Barreira, e de dona María de Bolaño), que foi mellorado no ano 1525. Tivo con el tres fillos: Ruy González de Ribadeneira, que casou con dona Elvira de Sotomayor e foi señor de Guitiriz e Vaamonde, Álvaro González de Ribadeneira, señor de Vilaguisada, que casou con Violante de Losada e foi señor de Vilaguisada, e finalmente dona Beatriz de Castro, que casou con Pedro Pardo de Andrade [2].
Consta que dona Constanza foi dotada no ano 1500 e que, ao mesmo tempo, dona María das Mariñas e o seu fillo, don Fernando de Andrade, ratificaron a doazón que don Diego de Andrade –marido e pai dos anteriores– fixera ao defunto Fernán Ares de Saavedra, na cal se incluían as freguesías de San Xoán de Lagostelle e de Santiago de Miraz. Neste mesmo ano, a propia dona Constanza deu o seu consentemento tamén para que Rodrigo Osorio de Moscoso cumprise as mandas testamentarias do seu pai, o devandito Fernán Ares de Saavedra, recibindo de seguido os seus bens en doazón [3]. Anos máis tarde, no ano 1514, recibiu do licenciado Toribio González de Santiago outra parte dos bens confiscados ao seu pai; entre eles, os coutos de Pazos, Vaamonde e Ombreiro, que aquel recibira da raíña dona Xoana [4]. E moi pouco despois, a comezos de 1515, o seu medio irmán Pedro Álvarez Osorio cedeulle o que lle correspondía da súa lexítima, máis a correspondente ás súas irmás, dona María e dona Isabel, a cambio dos bens que lle corresponderan a ela en Viveiro e no bispado de Mondoñedo, pero exceptuando o couto de Reboleiras [5].
Dona Constanza de Saavedra outorgou o seu testamento o 5 de outubro de 1529 e parece que faleceu moi pouco despois, pero xa en 1530 (neste mesmo ano, os seus tres fillos traspasaron o couto de Ombreiro) [6].
--
[1] Véxase, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, 2022. Tamén ADM, Parga, leg. 1, núm. 46, e leg. 6, núm. 15; e AGEP, Parga, núm. 18.
[2] ADM, Parga, leg. 5, núm. 94.
[3] ADM, Parga, leg. 1, núms. 6, 44, 45 e 46. Tamén AGEP, Parga, núm. 18.
[4] ADM, Parga, leg. 1, núm. 47.
[5] Correspóndense co couto de Reboleiras, a metade do couto de Corio, Chao de Aguiar e todas as súas pertenzas no bispado de Lugo, excepto Castro de Rei e Outeiro de Rei. ADM, Parga, leg. 6, núm. 15.
[6] ADM, Parga, leg. 5, núm. 94, e AGEP, Parga, núm. 18.