Isabel de Castro
Contexto histórico
A vida de dona Isabel de Castro enmárcase fundamentalmente entre o reinado de Henrique II -fillo ilexítimo de Afonso XI, que acadara o trono tras a victoria obtida despois dunha guerra civil entre 1366 e 1369 fronte ao seu medio irmán Pedro I, asasinado en Montiel nese último ano-, o do fillo do anterior, Xoán I (1379-1390) e, sobre todo, durante o goberno do sucesor deste, Henrique III (1390-1406).
Semblanza biográfica
Filla de Alvar Pérez de Castro, medio irmán de don Fernán Ruíz de Castro, toda la lealtad de España, e de María Ponce de León. Esta filiación foi discutida ao longo tempo. Autores dos séculos XVI e XVII consideraron que dona Isabel era filla de don Fernán Ruíz de Castro, idea que foi rebatida polo afamado xenealoxista Salazar y Castro, quen a considerou filla de Alvar Pérez de Castro. Esta idea foi compartida por diversos autores portugueses, que afirman que os fillos de don Fernán Ruiz de Castro foron Pedro, Gutierre e un Alvar Pérez, o mozo, sen facer referencia a ningunha filla chamada Isabel.
Ademais, a análise das representacións en escudos e selos confirma a Alvar Pérez de Castro como pai de dona Isabel de Castro. Os seis roeis –peza redonda dos escudos de armas dos Castro- usados polos descendentes de dona Isabel de Castro foron os transmitidos por Alvar Pérez e a súa irmá dona Inés de Castro, cuello de garza. Porén, os Castro casteláns, don Fernán Ruíz de Castro e a súa irmá dona Xoana de Castro, a autodenominada rayna de Castella, dispuxeron os seus emblemas con trece roeis. É dicir, se dona Isabel de Castro fose filla de don Fernán, seguramente tería empregado os trece roeis de seu pai e non os seus dos medio irmáns deste.
Dona Isabel casou con don Pedro [Enríquez], sobriño do rei Henrique II, o que reforzou a súa lexitimidade ao fronte da Casa de Lemos, a pesar de que esta pasara ao conde don Pedro por concesión real no marco das mercedes trastamaristas. Foi mai de don Fadrique, o primoxénito e herdeiro da Casa de Lemos, e de dona Beatriz de Castro, que, tras a morte do seu irmán, continuou a liña da Casa de Lemos.
Como moitas outras mulleres da nobreza, dona Isabel destacou por participar en diferentes actuacións xurídicas relacionadas coa xestión e defensa do seu patrimonio, como, por exemplo, a súa reivindicación sobre a vila de Chantada, a súa fortaleza e a súa terra, que consideraba súas como parte do dote que lle outorgara seu pai. Por iso, emprendeu un longo preito con dona Xoana Vázquez das Seixas e, aínda que a xustiza lle deu finalmente a razón a dona Isabel, esta non dubidara en ordenar con anterioridade que os seus homes atacaran a fortaleza, polo que foi condenada a pagar a dona Xoana 200.000 marabedís. Así mesmo, dona Isabel tamén fixo uso das súas propiedades para premiar a aqueles que a apoiaron ao longo da súa vida, tal e como sucedeu en 1404, cando doou ao seu criado Diego Abella, “por moytos serviçios e beens que me fesestes e fazedes de cada día”, unha propiedade no alfoz de Chantada, que ela mesma mercara. Esta doazón foi outorgada e asinada na que recoñecía ser unha vila do seu patrimonio, Cedeira, que recaeu posteriormente en don Fadrique e, a continuación, en dona Beatriz de Castro.
Para saber máis...
García-Fernández, Miguel, “Vivir y morir en femenino en la Galicia de los siglos XIV y XV”, en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV): estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, CSIC, 2017, páxs. 71-239 (Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, 44).
Méndez Pérez, Xosé, “O «Alcázar, Casa Fuerte y Fortaleza» de Chantada: unha memoria esvaecida da que xa ninguén se lembra”, Alicerces. Revista de estudos sobre o Miño Medio, 4 (2018), páxs. 193-205.
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols. (Galicia Histórica).
Suárez Bilbao, Fernando, Enrique III, 1390-1406, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1994.
Suárez Fernández, Luis, Juan I de Trastámara, 1379-1390, Palencia, La Olmeda, Diputación Provincial de Palencia, 1994.
Valdeón Baruque, Julio, Enrique II, 1369-1379, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1996.
Enderezo electrónico
Enderezo postal
Rúa San Roque, 2
15704, Santiago de Compostela (A Coruña)
Séguenos