top of page

Fernán Ares de Saavedra

Fillo de Ares Vázquez de Parga, señor da Casa de Vaamonde (fillo por súa vez de Vasco Fernández de Parga e de dona Mayor de Vaamonde) e de dona Constanza López de Saavedra (filla de Alonso López de Saavedra, señor da casa do seu apelido, e de dona Teresa Rodríguez de Aguiar, irmá do mariscal Pedro Pardo de Cela e muller despois de Diego Sánchez de Ribadeneira) [1]. Os seus irmáns foron: un novo Vasco de Parga e, posiblemente, unha Leonor Rodríguez de Parga [2]. 

Fernán Ares de Saavedra casou con dona Constanza de Castro, viúva de Galaor Osorio (era filla do mariscal Pedro Pardo de Cela e de dona Isabel de Castro), que morreu durante o asedio do castelo de Vilaxoán, ao parecer por beber auga contaminada dun alxibe [3]. Deles quedou por única filla unha nova dona Constanza de Saavedra, que foi dotada en 1500 para casar con Pedro de Miranda, señor de Guitiriz, Vaamonde e Vilaguisada. Fernán Ares tivo ademais un fillo natural, Alonso López de Saavedra, que foi señor de Miraz e testou no ano 1552 [4].

Segundo Vasco de Aponte, este Fernán Ares de Saavedra foi un dos princiapis da Casa de Andrade e, con Ruy Fernández Noguerol, capitaneou os vinte escudeiros que Fernando de Castro enviou a Diego de Andrade cando este se meteu na Coruña para evitar que a tomara o conde de Benavente, aínda que tamén está documentado no círculo señorial de don Sancho Sánchez de Ulloa, conde de Monterrei [5]. Tras o axustizamento do mariscal Pedro Pardo de Cela, Fernán Ares e a súa muller dona Constanza resistíronse ás autoridades rexias, encerrándose na fortaleza de Vilaxoán, que foi sitiada por don Diego López de Haro. Tras un ano, como recorda o propio Aponte, os sitiados enfermaron ao encherse o pozo da fortaleza con agua llovediza que se apodreceu, e la señora murió dentro. Fernán Ares, pola súa banda, foi ferido cunha pedra de trabuco e el e outros tres homes foron apresados, séndolle confiscados os seus bens e posto en pública almoeda, a fin de compensar os gastos e danos ocasionados [6]. Xa no ano 1485 foi pregonada a devandita carta na cidade de Lugo, poxando polos bens de Fernán Ares que se quería subastar Pedro de Vilariño, en nome de Álvaro González de Ribadeneira, ao que lle foron adxudicados [7]. 

Aínda que Fernán Ares foi protagonista doutros sonados conflitos con diversos señores do seu círculo –tal como Vasco das Seixas, señor de San Paio de Narla, Álvaro González de Ribadeneira ou Pedro Fernández de Párrega–, a singular dimensión e eco do acontecido en Vilaxoán foi motivo do seu desterro de Galicia. Despois de servir na campaña de Granada, particularmente na toma de Mágala, parece que lle foi perdoada a súa pena [8].

Outorgou o seu testamento na cidade de Toledo o 24 de maio de 1498. No mesmo nomeou herdeiro universal a Rodrigo Osorio de Moscoso, o seu mordomo [9], ao que deu poder sobre todos os seus bens. Ademais, deixou diversas mandas pías e legados con herdades e cantidades de diñeiro a favor de varias igrexas e dos seus criados, solicitando ser sepultado na conventual franciscana daquela cidade [1]. No seu codicilo, outorgado varios días despois, o 31 de maio, Fernán Ares ordenou que a súa filla, criada de María González, monxa de San Paio, fose posta baixo a protección de Rodrigo Osorio de Moscoso, sinalando ademais diversas pezas de roupa a persoas diferentes e algunhas indicacións sobre o seu enterramento [11]. O 26 de xuño outorgou aínda un segundo codicilo, ordenando nel que o seu sobriño Gonzalo Pardo recibise, con certas condicións, 12.000 marabedís procedentes das rendas dos vasalos de San Xoán de Lacostelle e do couto de Miraz [12].

--

[1] Véxase, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, 2022. Tamén ADM, Parga, leg. 1, núm. 6. AGEP, Parga, núm. 18. Arquivo do Pazo de Souto, perg. núm. 1.

[2] AGEP, Parga, núm. 18.

[3] ADM, Parga, leg. 1, núm. 44.

[4] AGEP, Parga, núm. 18, e ADM, Parga, leg. 1, núm. 46.

[5] Eduardo Lence-Santar y Guitián, El Mariscal Pedro Pardo de Cela. La Santa Hermandad, Mondoñedo, Tipografía de Centro de Acción Social Católica, 1930, páx. 80.

[6] Ibidem., páxs. 81-83.

[7] Ibidem., páxs. 82-83.

[8] Ibidem, 81. César Vaamonde Lores: “Testamento de Sancho de Ulloa, primeiro conde de Monterrei. Ano 1480”, Boletín de la Real Academia Gallega, 1 (1915), pp. 307-316. Arquivo do Pazo de Souto, perg. Núm. 1, e ADM, Parga, leg. 1, núms.  6, 44, 47 e 60.

[9] Esta noticia repítese tomada de ADM, Parga, leg. 1, núm. 45. 

[10] ADM, Parga, leg. 1, núm. 46. ADM, Parga, Casa de Baamonde, leg. 1, núm 98.

[11] ADM, Parga, Casa de Baamonde, leg. 1, núm 98.

[12] ADM, Parga, Casa de Baamonde, leg. 1, núm 98.

bottom of page