Teresa de Ribadeneira (IV)
Teresa de Ribadeneira (IV), tamén identificada como Teresa de Bolaño, foi filla do segundo matrimonio de seu pai, Fernán Díaz de Ribadeneira (III), señor de Torés, con Maior de Vaamonde. Desta unión naceron tamén Pedro [Fernández] de Bolaño, quen herdou Torés e testou en 1491, Fernán Díaz de Ribadeneira (V), quen levou os coutos de Riosendo, Laiosa e Cindrán, Martín Vázquez de Vaamonde, cóengo de Mondoñedo e María de Bolaño, señora dos coutos de Riomol, Mirandela e Fonteita. Mentres tanto, do primeiro matrimonio do pai con Constanza Méndez nacera Teresa de Ribadeneira (III), quen casou con Macía Pérez de Ibias, e Constanza López de Navia, quen deixou uns bens en Mondoñedo ao seu sobriño Bernaldo de Bolaño, fillo do seu medio irmán Pedro [Fernández de Bolaño] de Bolaño.
Casada con Vasco Gómez das Seixas (III), señor de San Paio de Narla e meiriño de Lope Sánchez de Ulloa, Teresa de Ribadeneira (IV) foi nai de Vasco Gómez das Seixas (IV), quen herdou San Paio e foi excomungado polo bispo de Lugo a raíz dos seus preitos con el, así como doutros dos irmáns deste, entre os que cómpre citar a Martín Vázquez de Vaamonde, Pedro de Bolaño, Elena das Seixas, Berenguela López das Seixas, quen casou con Alonso López de Aguiar, ou Fernán Díaz de Ribadeneira.
Sabemos a través do testamento do seu pai que herdou os coutos de Dalmil e Felmil e que, en 1466, a súa mai lle doou as herdades que tiña en Prado de Fundo. En 1486 viuse inmersa nun preito con Sancho Sánchez de Ulloa, titular do señorío de Narla, como titora dos seus fillos. Esta disputa relacionouse coa posesión do couto de San Martiño dos Condes, que estivo en mans do seu marido.