top of page
Inés de Castro e Isabel de Castro.PNG

Inés de Castro

Contexto histórico

A súa vida coincide cos últimos anos do reinado de Afonso XI e os reinados dos seus fillos Pedro I e Henrique II de Castela.

Do matrimonio do monarca Afonso XI con dona María de Portugal, consecuencia dun pacto entre Castela e Portugal asinado en 1327, naceu, o 30 de agosto de 1443, o futuro Pero I. Porén, o rei conviviu durante moitos anos coa súa amante, dona Leonor de Guzmán, coa que tivo dez fillos, entre eles o futuro Henrique II, nacido o 13 de xaneiro de 1333.

Durante o reinado de Pedro I xurdiron dous bandos nobiliarios, os leais ao monarca reinante e os partidarios de Henrique, conde de Trastámara. Isto desembocou finalmente nun enfrontamento armado a partir de 1366. Tras tres anos de combates, o asasinato de Pedro I a mans do seu medio irmán Henrique, en Montiel, deron lugar á entronización deste último en 1369 como Henrique II de Castela.

Semblanza biográfica

Filla ilexítima de don Pedro Fernández de Castro e de dona Aldonza Lourenzo de Valadares. Foi alcumada “cuello de garza” pola súa singular beleza. 

Dona Inés formou parte do séquito que acompañou a dona Constanza Manuel na súa viaxe a Portugal para casar co infante don Pedro, herdeiro da Coroa portuguesa. Pouco despois da voda, Afonso IV, pai de don Pedro, por temor á relación extraconxugal que este mantiña con dona Inés, enviouna ao castelo de Alburquerque (Badaxoz). Non se sabe con exactitude canto tempo estivo fóra de Portugal, pero algúns datos apuntan a que don Pedro acudiu a buscala tras a morte da súa muller.

En 1369, dona Inés estaba de novo en Portugal, vivindo co infante don Pedro e cos seus dous primeiros fillos. De feito, é posible que contraeran matrimonio en segredo cara a 1352, aínda que non se fixo público até 1359, xa despois de que dona Inés estivera morta. Instaláronse nos Pazos de Santa Clara, en Coimbra, construídos pola raíña de Portugal santa Isabel de Aragón.

Ao mesmo tempo, o círculo máis próximo ao rei Afonso IV de Portugal acusaba ao príncipe da súa inmoralidade e temía que o primoxénito de don Pedro e dona Constanza, o infante don Fernando, fora asasinado para facilitar o acceso ao trono dun fillo de dona Inés, e que, incluso, comezase unha guerra civil entre os partidarios dun ou outro sucesor. Daquela, o rei e os seus conselleiros tomaron a decisión de asasinar a dona Inés. Aproveitando unha ausencia de don Pedro, o 7 de xaneiro de 1355 a filla de Pedro Fernández de Castro foi degolada diante dos seus fillos. Cando don Pedro tivo noticia destes feitos, levantouse contra o pai. Foi a súa mai, a raíña dona Beatriz, a que tivo que mediar entre os dous, conseguindo unha paz. Daquela, os asasinos de dona Inés foron desterrados, refuxiándose en Castela. Porén, cando en 1357 don Pedro accedeu ao trono de Portugal mandou apresalos e torturalos.

Anos despois do asasinato, o xa rei don Pedro I de Portugal decidiu construír un monumento funerario para dona Inés, xunto a outro para el, no mosteiro cisterciense de Santa María de Alcobaça. Ambos sepulcros, moi similares desde o punto de vista artístico, están situados actualmente un fronte ao outro, o que deu lugar a unha lenda moi divulgada que conta que o rei quería ter como primeira visión cando resucitara con motivo do Xuízo Final a súa amada don Inés. En 1362 ou 1363 mandou trasladar, con toda solemnidade, o corpo de dona Inés desde Coimbra ao seu destino final, sendo soterrada cun funeral rexio.

Os fillos de don Pedro e dona Inés foron acollidos pola raíña dona Beatriz, nai de don Pedro, vivindo con ela a súa infancia e adolescencia en Santarem. Posteriormente, e a pesar da negativa papal a lexitimalos, obtiveron altos cargos e dignidades no reino. Por exemplo, o fillo varón de maior idade, don João, “rico, prestixioso, querido da corte”, viviu na corte do seu medio irmán Fernando I até que perdeu o favor deste tras o crime da súa muller dona María Teles. Daquela foi exiliado e refuxiouse en Castela. No caso da única filla da parella, dona Beatriz, tamén viviu inicialmente na corte rexia portuguesa. Aínda que se pensou en casala con Pedro I de Castela, finalmente casou con don Sancho de Castela, señor de Alburquerque, residindo en terras castelás, onde morreu en 1381. A filla e herdeira destes foi dona Leonor, a chamada “Rica Hembra”, que chegou a ser raíña consorte de Aragón. Outros fillos de don Pedro e dona Inés foron don Dinís, que tamén acabou por exiliarse en Castela durante o reinado do seu medio irmán Fernando I, e don Afonso, este último falecido durante a infancia.

Para saber máis...

Costa, Adelaide Pereira Millán da, "As mulheres de D. Pedro I. Branca de Castela, Constança Manuel e Inês de Castro", en Vanda Lourenço e Adelaide Costa, A rainha, as infantas e a aia. Beatriz de Castela, Branca de Castela, Constança Manuel, Inês de Castro, Lisboa, Círculo de Leitores, 2012,  páxs. 215-475.

 

Díaz Martín, Luis Vicente, Pedro I el Cruel, Gijón, Ediciones Trea, 2007.

González Vázquez, Marta, Inés de Castro, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2005 (A nosa memoria, 44).

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols. (Galicia Histórica).

Queralt del Hierro, María Pilar, "Inés de Castro", en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico [en liña], dispoñible en https://dbe.rah.es/biografias/12807/ines-de-castro [Consulta: 03/11/2021].

Valdaliso Casanova, Covadonga, Pedro I de Castilla, Madrid, Sílex Ediciones, 2016.

Valdeón Baruque, Julio, Enrique II (1369-1379), Palencia, La Olmeda; Diputación de Palencia, 1996.

Enderezo electrónico

Enderezo postal

Rúa San Roque, 2

15704, Santiago de Compostela (A Coruña)

Séguenos

  • 1. Sello Sarmiento color institucional
  • Twitter
bottom of page