top of page
Pedro Enríquez.PNG

Pedro [Enríquez]

Contexto histórico

A vida de Pedro [Enríquez] enmárcase fundamentalmente entre o reinado de seu tío Henrique II -fillo ilexítimo de Afonso XI, que acadara o trono tras a victoria obtida despois dunha guerra civil entre 1366 e 1369 fronte ao seu medio irmán Pedro I, asasinado en Montiel nese último ano-, o do fillo do anterior, Xoán I (1379-1390) e o do sucesor deste, Henrique III (1390-1406).

Semblanza biográfica

Fillo natural de don Fadrique, irmán xemelgo de Henrique II. A súa chegada a terras galegas tivo lugar tras o asasinato de Pedro I en Montiel e o triunfo de Henrique II. Este, tras a súa vitoria, fixo prisioneiro e desposuíu dos seus bens a don Fernán Ruíz de Castro, titular da Casa de Lemos, e concedeu ao seu sobriño, don Pedro, o título condal de Trastámara e Lemos. O matrimonio deste último con dona Isabel de Castro permitiulle reforzar o seu control e lexitimidade sobre estes territorios galegos que anteriormente estiveran nas mans dos parentes e antepasados de dona Isabel.

​

Descritos nas crónicas como “un hombre de assaz buen cuerpo y gesto, un poco grueso, é franco é gracioso é acogedor de los buenos”, aínda que “no ovo fama de muy esforcado” e “fue hombre que amó mucho a mujeres”, a súa vida discorreu ao longo de tres reinados e caracterizouse pola súa oscilación entre a lealdade e a traizón á Coroa de Castela, coa intención de manter o seu patrimonio e a súa influencia política. 

​

O reinado do seu tío Henrique II supuxo o nacemento do seu poder político e económico: recibiu o título condal, a Pertegaría maior de Santiago, ademais das vilas de Sarria e Cedeira. Porén, as necesidades económicas para manter a súa corte persoal e o seu patrimonio convertérono en encomendeiro de moitos mosteiros. Aínda que isto implicaría actuar como protector dunha institución a cambio de determinados beneficios e privilexios económicos, moitas veces derivou en notables abusos e apropiacións nobiliarias indebidas. De feito, é ben coñecido que o conde don Pedro comezou unha intensa persecución contra a igrexa compostelá –da que era Pertegueiro Maior-, non dubidando en derribar a Porta da Mámoa, a máis transitada de Compostela e que na actualidade recibe o mesmo nome, ou insultar ao propio Arcebispo no pórtico do Obradoiro.

​

Ao contrario que o seu pai, Xoán I considerou ao seu curmán don Pedro como un parente máis, ao que, ademais, polo seu peso na vida galega, consideraba perigoso para a paz do reino. Daquela, apenas comezado o seu reinado, ordenoulle abandonar a encomenda de Mondoñedo e de numerosos coutos do mosteiro de Sobrado. Ademais, tamén perdeu a Pertegaría compostelá polos abusos que cometera. Esta situación agravouse ao confiscarlle todos os seus bens pola súa participación nunha conxura, non ben coñecida, a favor do rei de Portugal.

​

Probablemente foi por esa época cando casou con dona Isabel de Castro e cando se introduciu nos círculos portugueses contrarios ás aspiracións de Xoán I sobre a Coroa veciña, polo que, cando tratou de volver ás filas castelás, o monarca considerouno un desertor e tivo que refuxiarse en Francia, perdendo os seus territorios galegos e os bens correspondentes ao dote da muller. A pesar de todo, conseguiu regresar a Castela e que o rei lle reintegrara os seus títulos e patrimonios galegos.

​

Os tres anos de minoría de Henrique III, despois de que Xoán I morrera ao caer dun cabalo, supuxeron para don Pedro a recuperación de certos privilexios. Porén, acabou por perdelos tras a proclamación definitiva de Enrique como rei, o que levou novamente a don Pedro a integrarse nunha conxura que fracasou. Tras pedir perdón ao monarca, non só recuperou novamente as propiedades galegas, senón que tamén recibiu Ponferrada e Villafranca de Valcárcel. Nos últimos anos da súa vida reafirmou con toda autoridade o seu poder sobre Galicia, rodeándose dunha importante corte señorial entre a que repartiu mercedes e doazóns, ao mesmo tempo que mantivo en tensión as súas relacións coa Igrexa galega.

​

O 29 de abril de 1400 outorgou testamento, coñecéndose só algún apuntamentos do mesmo. Nel, nomeou como herdeiro universal o seu primoxénito, don Fadrique, fundou unha capela no mosteiro de San Francisco de Villafranca para que lle “tengan una sepultura solemne e Honrada” e outorgou xenerosas cantidades a familiares e servidores. Morreu tres días despois e algúns consideran que foi soterrado en San Francisco de Lugo.

​

Do seu matrimonio con dona Isabel de Castro naceron os seus fillos lexítimos don Fadrique e dona Beatriz de Castro. Entre os seus fillos ilexítimos cómpre mencionar a dona Constanza de Castro, quen, segundo algunhas informacións, compraría ao seu medio irmán o couto de Caldelas en 1424, ou Alvar Pérez de Castro, aos que habería que engadir, aínda que con certas dúbidas, outros 7 fillos máis. 

​

Para saber máis...

​

García Conde, Antonio, “Don Pedro, conde de Trastámara no estuvo en Aljubarrota”, Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 5, 40 (1953), páxs. 233-235.

​

García Oro, José, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, 1981 (Biblioteca de Galicia, 20).

​

López Ferreiro, Antonio, Historia de la S. M. Iglesia de Santiago de Compostela, vol. VI, Santiago de Compostela, Seminario Conciliar Central, 1903.

​

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols. (Galicia Histórica).

​

Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, “Pedro Enríquez”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico [en liña], dispoñible en https://dbe.rah.es/biografias/43627/pedro-enriquez [Consulta: 03/11/2021].

​

Suárez Bilbao, Fernando, Enrique III, 1390-1406, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1994.

​

Suárez Fernández, Luis, Juan I de Trastámara, 1379-1390, Palencia, La Olmeda, Diputación Provincial de Palencia, 1994.

​

Valdeón Baruque, Julio, Enrique II, 1369-1379, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1996.

​

Enderezo electrónico

Enderezo postal

Rúa San Roque, 2

15704, Santiago de Compostela (A Coruña)

Séguenos

  • 1. Sello Sarmiento color institucional
  • Twitter
bottom of page