Maior Fernández de Biedma
Dona Maior Fernández de Biedma foi filla de Fernán Rodríguez de Biedma, aio do infante don Filipe e meiriño maior de Galicia, e de María Páez de Soutomaior. Os seus irmáns foron Ruí Páez de Biedma, que foi adiantado maior de Galicia e cuxa descendencia deu continuidade á Casa dos Biedma; Afonso Fernández de Biedma, “que morreu na fronteira”; e don Álvaro Páez de Biedma, bispo de Mondoñedo (1329-1343) e de Ourense (1345-1351), ao que dona María nomeou como un dos seus cumpridores testamentarios. Casou en primeiras nupcias con Fernán García de Seabra, quen foi mordomo maior do infante don Filipe e quen anteriormente estivera casado con doña María López de Lemos, e xa en segundas nupcias con Xoán Pérez de Nóvoa (II), quen foi tenente de Aguiar entre 1324 e 1336, aproximadamente, e que con anterioridade enviuvara de Beatriz González Raposo. As súas fillas foron unha María Fernández, nacida do seu primeiro matrimonio e a cal foi casada con Pedro Eanes de Nóvoa (III), fillastro da propia dona Maior, ao tratarse dun fillo do seu segundo marido, así como unha Mariña Páez, que casou con Xoán Fernández de Limia (V), sendo señores de Celme, e unha Inés Pérez, da que pouco se pode precisar, máis alá do sinalado pola súa mai no seu testamento.
Precisamente, dona Maior Fernández de Biedma outorgou as súas últimas vontades, estando xa viúva, no hospicio do convento de San Francisco de Ourense, o 22 de outubro de 1348, polo tanto, nos tempos da expansión da Peste Negra por Galicia. Ademais de dispoñer diversos legados para institucións eclesiásticas da contorna como Santa Clara de Allariz, a igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, San Clodio do Ribeiro, Santa María de Oseira, San Salvador de Celanova ou a propia conventual franciscana de Ourense, outorgou algúns dos seus bens a favor de particulares como o matrimonio conformado por García Pérez, quen foi escudeiro do seu marido Xoán Pérez de Nóvoa e ao que ela nomeou como cumpridor testamentario, e por Catalina Afonso, “por moyto serviço que me fezeron”, así como “a todollos homes que andaren conmigo ao teenpo que eu finar (...) e aas molleres”.
Aínda que nomeou como herdeiras universais dos seus bens a “Maria Fernandes, Eynes Peres et Marina Paez, minas fillas”, estableceu unha mellora para Mariña. A favor desta e de Inés, outorgou tamén a casa forte de Sandiás, xunto a outras propiedades, que lle pertencían “por minas arras et doaçoes que me o dito Johan Pérez” lle prometera.
Fontes e bibliografía
Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Clero, Santa Clara de Allariz, carp. 6, n.º 42 e 43.
Arquivo Xenealóxico de Eduardo Pardo.
María Beatriz VAQUERO DÍAZ, Colección Diplomática do Mosteiro de San Salvador de Celanova (ss. XIII-XV), Santiago de Compostela, Tórculo, 2004, vol. 1, doc. 140, páxs. 192-195.
Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS (ed.), Mujeres con poder en la Galicia Medieval (Siglos XIII-XV). Estudios, Biografías y Documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento - Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2017.