Pedro Fernández de Castro
Contexto histórico
O nacemento de don Pedro Fernández de Castro a finais do século XIII produciuse no marco dun contexto político complexo no que cómpre lembrar as pretensións á Coroa de Castela dos chamados Infantes de la Cerda. Nos últimos anos do reinado de Afonso X, quen faleceu en 1284, orixináronse dous bandos principais enfrontados pola sucesión ao trono. Por unha banda, estaban os que consideraban que, despois de que morrera o fillo primoxénito, Fernando de la Cerda, a Coroa debía pasar a Sancho, o segundo fillo varón do rei Sabio e, por outro, os que consideraban que debían herdar os fillos varóns do primoxénito falecido. Finalmente, Sancho conseguiu impoñerse e herdou a Coroa, gobernando como Sancho IV. Porén, as disputas e rivalidades políticas entre bandos non remataron, continuando durante a minoría e posterior reinado do seu fillo Fernando IV e do seu neto Afonso XI. Nese contexto destacou a figura da raíña rexente dona María de Molina, muller de Sancho IV.
A madurez e activa participación política de don Pedro Fernández de Castro desenvolveuse fundamentalmente durante o reinado de Afonso XI (1311-1350), fillo de Fernando IV.
Semblanza biográfica
Tras a morte do seu pai, don Fernán Ruiz de Castro, e sendo aínda neno, don Pedro Fernández de Castro foi enviado pola súa mai, dona Violante Sánchez de Castela, a Portugal por medo a unha posible persecución de Fernando IV, xa que o seu pai apoiara o partidario á Coroa proposto polos Infantes de la Cerda. Alí foi criado xunto ao infante don Pedro, herdeiro da Coroa portuguesa, sendo descrito como “hum dos mayores senhores en sangre e em poder daquelle tempo”. Ao longo da súa vida logrou recuperar para a súa liñaxe o pleno dominio sobre Monforte e a Terra de Lemos, ascendendo rapidamente a súa estimación e reputación na corte rexia, de forma que, á hora da súa morte, a Crónica de Alfonso XI consigna que “avía los meiores oficios de la casa del Rey”.
Cando retornou de Portugal recibiu da súa mai unha grande contribución patrimonial que el mesmo foi acrecentando; asumiu a Perteguería maior da Terra de Santiago –o oficio militar máis importante do arcebispado compostelán– e ocupou, como referimos, un lugar privilexiado na corte do monarca castelán Afonso XI, ao que acompañou en diversas campañas andaluzas contra os musulmáns e de quen non só foi o primeiro en recibir a Orden de la Banda, senón tamén o cargo de mordomo maior –o principal da facenda real– e a reintegración dos territorios que pertenceran aos seus antepasados, entre eles, "el nuestro lugar del Burgo de Caldelas, con toda tierra de Caldelas”. O Bono Burgo de Caldelas nacera en 1172, cando Fernando II lle outorgou o instrumento xurídico polo que se regularía a vida da vila, o seu “Foro”. Se ben é habitual dicir que este Bono Burgo era Castro Caldelas, o certo é que este lugar estaba situado noutro que actualmente aínda conserva ese nome, onde está a igrexa de San Pedro do Burgo. De feito, en 1338, ou un pouco antes, foi o propio Pedro Fernández de Castro o que impulsou o traslado do núcleo de poboación máis importante da Terra de Caldelas ao lugar actual, aínda que inicialmente recibiu o nome de Segura. Porén, esta denominación non prosperou, consolidándose definitivamente o nome de Castro Caldelas.
Don Pedro redactou un primeiro testamento en Allariz, o 27 de marzo de 1337, onde indicaba o seu desexo de ser sepultado con hábito monacal no claustro do mosteiro cisterciense de Santa María de Sobrado (A Coruña). Iso si, non renunciaba á súa calidade de cabaleiro, pois encargou que o sepultasen cunha espada e unhas esporas como símbolo da súa condición.
Recuperado da enfermidade que motivou ese primeiro testamento, dirixiuse ao sitio de Xibraltar onde, finalmente, faleceu a comezos de xuño de 1343. Nun segundo testamento, outorgado tres anos antes, o 18 de marzo de 1340, promoveu a creación dunha capela-panteón na Catedral de Santiago, onde, posiblemente, foron trasladados os seus restos mortais.
Segundo todos os indicios, estivo casado inicialmente con dona Beatriz de Portugal, filla menor do infante don Afonso de Portugal, e, posteriormente, con dona Isabel Ponce de León. Esta última foi a mai dos seus dous fillos lexítimos: don Fernán Ruiz de Castro, primoxénito e sucesor da Casa, e dona Xoana de Castro, quen usou o título de raíña de Castela tras o seu fugaz matrimonio co monarca Pedro I.
Tivo, cando menos, outros tres fillos naturais: Alvar Pérez de Castro, en quen continuou o sangue dos Castro; dona Inés de Castro, que foi considerada raíña de Portugal despois de morta e foi alcumada "cuello de garza” pola súa fermosura; e dona Milia Pérez de Castro, quen recibiu algunhas propiedades da súa irmá Xoana e que foi soterrada en Santa Clara de Benavente.
Para saber máis...
González Fernández, Marta, Xoana de Castro, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2005.
González Mínguez, César, Fernando IV, 1295-1312, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1995.
Nieto Soria, José Manuel, Sancho IV, 1284-1295, Palencia, La Olmeda, Diputación Provincial de Palencia, 1994.
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000, 2 vols. (Galicia Histórica).
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, De linajes, parentelas y grupos de poder. Aportaciones a la historia social de la nobleza bajomedieval gallega, Madrid, Fundación Cultural de la Nobleza Española, 2012.
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, “Pedro Fernández de Castro”, en Real Academia de la Historia, Diccionario Biográfico electrónico [en liña], dispoñible en https://dbe.rah.es/biografias/43621/pedro-fernandez-de-castro [Consulta: 03/11/2021].
Pérez Rodríguez, Francisco Javier, “Mosteiros e vilas da provincia de Ourense na Idade Media”, en María G. Souto Figueroa (coord.), Ourense: unha provincia singular, enigmática e sorprendente, Ourense, Deputación Provincial de Ourense, 2013, páxs. 185-206.
Sánchez-Arcilla Bernal, José, Alfonso XI, 1312-1350, Palencia, La Olmeda; Diputación Provincial de Palencia, 1995.
Enderezo electrónico
Enderezo postal
Rúa San Roque, 2
15704, Santiago de Compostela (A Coruña)
Séguenos