top of page

Vasco Gómez das Seixas (I)

Vasco Gómez das Seixas (I) foi fillo de Fernán Gómez das Seixas (I), personaxe que cara a 1350-1351 adquiriu unha sexta parte do couto de Xiá e algúns outros bens na mesma parroquia, e dunha Elvira Ares. Os seus irmáns foron Fernán Gómez das Seixas (II), vasalo do rei e quen lle comprou a Vasco a súa parte no couto de Xiá en 1381; Diego Gómez das Seixas (I), quen tivo por filla unha Maior Díaz, a cal aparece citada na sentenza de nulidade matrimonial da súa curmá Xoana Vázquez das Seixas de 1398; e, talvez, Alfonso Fernández das Seixas, personaxe referido nunha doazón de 1393. Do seu matrimonio con Elvira Álvarez Osorio, quen posteriormente casou con Roi Gómez de Neira, naceu Xoana Vázquez das Seixas, primeira muller de Fernán Eanes de Limia.

A través das fontes coetáneas sabemos que Vasco Gómez das Seixas (I) foi vasalo do rei, meirinho maior de Galicia e señor de Chantada, así como que exerceu como encomendeiro de diferentes mosteiros como Oseira, Chouzán, Chantada, Ferreira, Samos e Sobrado, ademais de ser dono dunha parte significativa do couto e parroquia de Xiá. A súa vida pública estivo marcada polos diversos abusos que cometeu, tanto como meiriño como na súa condición de titular das devanditas encomendas monásticas. A raíz disto, por exemplo, en 1371 Henrique II ordenoulle que, como meiriño, non exercese ningunha exacción ou exercicio xurisdicional dentro da cidade de Lugo e nos coutos episcopais lucenses, aínda que, de feito, en 1377 xurdiu un preito co Bispo de Lugo sobre a recadación de certas rendas e tributos nos coutos episcopais da Terra Chá e Chantada. En 1380, froito das queixas de varios cenobios nas cortes de Soria, Xoán I amonestouno -xunto a outros cabaleiros- polos abusos e usurpacións que exercía sobre as referidas encomendas dos mosteiros de Oseira, Chouzán, Chantada, Ferreira, Samos e Sobrado.

En 1385, o comendador da Batundeira aforoulles a el e á súa muller, Elvira Álvarez Osorio, todos os bens da Orde de Alcántara situados na parroquia de Santa María de Nogueira. E tamén sabemos que, en 1395, a súa filla desembargou aos monxes de San Salvador de Chantada uns bens que o seu pai lles legara no seu testamento en compensación polos abusos que Vasco Gómez cometera contra eles durante a súa vida.

bottom of page