top of page

Pedro Pardo de Cela

Foi fillo de Juan Núñez Pardo de Cela, cuxa liñaxe era oriúnda de Betanzos e da súa contorna (señoreaban por terras de Cela, Ambroa, Vilamourel, Medín, Callobre, San Pantaleón etc.), e de dona Constanza López de Aguiar, filla, por súa vez, de Rodrigo Afonso de Saavedra e de dona Teresa Rodríguez de Aguiar, cuxas respectivas liñaxes tiñan asento no bispado de Mondoñedo, onde desde antigo desfrutaban de singular prestixio e influencia. Os seus irmáns foron: Juan Núñez Pardo de Cela, que casou con Beatriz Rodríguez e foi alcaide de Viveiro por Gómez Pérez das Mariñas; unha nova Teresa Rodríguez de Aguiar, que estivo casada en primeiras nupcias con Alonso López de Saavedra e, en segundas, con Diego Sánchez de Ribadeneira; e Mayor Parda, casada con Juan Fernández de Cabarcos, señor de Canedo e Cabarcos. O mariscal Pardo de Cela estivo casado con dona Isabel de Castro, viúva de Galaor Mosquera e irmá da beata Constanza de Castro, tendo con ela dúas fillas: dona Constanza de Castro, que casou primeiro con Galaor Osorio e máis tarde con Fernán Ares de Saavedra, e dona Beatriz de Castro, que estivo casada con Pedro Fernández de Bolaño, señor da Casa de Torés. Ademais, nas súas últimas vontades consta a existencia dun fillo ilexítimo chamado Juan Núñez Pardo, ao que nomeou por voz no foro do couto de Frexulfe. 

Nos seus primeiros anos parece que Pardo de Cela estivo na órbita señorial dos Andrade, aos que os seus antecesores estaban unidos por vínculos de parentesco e alianza. Pero ao pouco de mediar o século xa está documentado por terras de Mondoñedo e vinculado á estirpe dos Vivero, primeiro pola tenencia dalgunhas fortalezas do seu recén estreado señorío –en 1452 consta que fixo preito homenaxe pola de Samarugo a dona Inés de Guzmán, viúva do contador Alonso Pérez de Vivero– e, algo máis tarde, polo exercicio da alcaldía de Viveiro, que antes desfrutaran outros familiares seus. Sobre esta base, o seu ascenso foi fulgurante: mantivo o control desta vila cando pasou a ser de reguengo, titulándose xustamente alcalde ena villa de Vivero por el Rey, noso señor, e converteuse ademais en justicia e comendeiro do obispado de Mondoñedo, cuxas rendas parece que desfrutou en arrendamento; só polo indicado, enténdese que Pardo de Cela adquirira un crecente peso no concerto nobiliario galego. En 1467, ao igual que outros grandes señores, Pardo de Cela sufriu o acoso da sublevación irmandiña, o que o obrigou a buscar refuxio fóra das súas terras; atopouno na vila de Ponferrada, onde tamén se resgardara don Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos. Desde alí, ambos os dous personaxes secundaron na primavera de 1469 a reacción señorial que iniciaran desde Portugal o arcebispo don Alonso II de Fonseca, Pedro Madruga de Soutomaior e Juan Pimentel, irmán do conde de Benavente. Nos anos seguintes, Pardo de Cela –adornándose agora co título de Mariscal– logrou acrecentar notablemente as súas rendas, co que o seu poder e influencia acabaron por facerse incontestables en boa parte do Norte galego, cotizándose á alza a súa presenza nos conflitos nobiliarios daquel tempo, dos que non sempre saíu ben parado. Á morte de Henrique IV, en decembro de 1474, foi un dos que se apresurou a recoñecer á raíña Isabel, aliñándose de seguido co bando que durante a guerra civil encabezaron en Galicia o conde de Lemos, o arzobispo Fonseca e o conde de Monterrei. Hai noticias da súa activa participación en diversas accións armadas e, así mesmo, dalgunhas das recompensas coas que o distinguiu a Coroa, tal como a confirmación dun xuro de 40.000 marabedís para o acostamento de vinte lanzas.

A partir de 1480, coa chegada do novo gobernador de Galicia, don Fernando de Acuña, a estrela de Pardo de Cela apagouse rapidamente. O enviado rexio, comisionado para instaurar a paz e a orde no reino galego, actuou con enerxía e determinación, logrando un ben sinalado éxito. A comezos de 1483 só se resistían á súa autoridade o conde de Lemos, que faleceu a comezos de febreiro, cando tiña posto cerco á cidade de Lugo, e o propio Pardo de Cela, que se matiña firma no bispado de Mondoñedo (os seus desencontros en Viveiro e o impago dos pedidos e contribucións extraordinarias do fisco real é moi probable que tiveran algo que ver). Ao cabo, rendida a fortaleza da Frouxeira e acosado pola campaña militar despregada contra el, foi apresado no Castro de Ouro e levado a Mondoñedo, onde foi procesado e condenado a morte. Consta que outorgou o seu testamento e codicilo os días 1 e 3 de outubro –estando recluido na casa do cóengo Fernán Balea– e que nas primeiras horas da tarde deste último día foi decapitado na praza maior mindoniense. O acontecemento alcanzou unha gran repercusión e xerou unha corrente mitificadora de aire popular que chegou até os nosos días e diluíu a realidade dos feitos; hoxe, a pesar do indicado, aínda goza de certa aceptación.  que en las primeras horas de la tarde de este último día fue decapitado en la plaza mayor mindoniense.

--

Bibliografía

 

J. Villaamil y Castro, “El mariscal Pardo de Cela”, en Galicia Histórica, 1 (1901), páxs. 83-98 e 147-163; E. Lence- Santar y Guitián, El mariscal Pardo de Cela y la Santa Hermandad, Mondoñedo, Tipografía del Centro de Acción Social Católica, 1930; F. Mayán Fernández, El mariscal Pedro Pardo de Cela a la luz de la nueva documentación histórica, Viveiro, Gráficas A. Santiago, 1962; J. M. Pardo Gayoso, El mariscal Pardo de Cela, último fruto heróico del otoño medieval gallego, La Carolina, Gráficas Impaca-Bibas, 1967; E. Pardo de Guevara y Valdés, El mariscal Pardo de Cela y la Galicia de fines del siglo XV, Lugo, Alvarellos, 1981; Los Señores de Galilcia. Tenientes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2000; “El mariscal Pardo de Cela. Una injusticia ejemplar”, en Torre de los Lujanes, 55 (2005), págs. 83-108; e El testamento del mariscal Pardo de Cela. Noticia del hallazgo y edición del documento, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, 2020 [anticipado nos Cuadernos de Estudios Gallegos, 60, 126 (2013), páxs. 171-223].

bottom of page