top of page

Xoán Pérez de Novoa

Ao longo do século XIV, a liñaxe dos Nóvoa mostrou numerosos sinais de concentración do seu prestixio, poder e patrimonio familiar nunha única liña varonil. Esta situación é especialmente visible na xeración de Pedro Eanes de Novoa (III), xa que este naceu do primeiro matrimonio do seu pai, Xoán Pérez de Nóvoa (II), con Beatriz Gonçalves Raposo (Meneses), mentres que a súa muller, María Fernández de Sanabria, foi froito do primeiro matrimonio de Maior Fernández de Biedma, segunda muller do seu pai, con Fernán García de Sanabria ou Seabra. Así, o enlace de Pedro Eanes de Nóvoa (III) con María Fernández de Sanabria permitiu a concentración de bens dos Nóvoa, Sanabria e Biedma nunha única parella, garantíndolle, desta forma, un lugar privilexiado no cume da pirámide social nobiliaria galega. A propia transmisión hereditaria da tenencia de Aguiar de Pedraio entre os varóns desta liña suxire a existencia dunha estratexia concertada por detrás desta política: de Xoán Pérez de Nóvoa (II) (entre 1318 e 1338), ao seu fillo Pedro Eanes de Nóvoa (III) (entre 1341 e 1349) e ao seu neto Xoán Pérez de Nóvoa (III) (entre 1351 e 1357).

Porén, a chegada do infante don Filipe a Galicia e, especialmente, a súa tenencia da terra de Limia (a partir de 1317) permitiron un rápido ascenso social dos Biedma, dado que Fernán Rodríguez de Biedma, pai da xa referida Maior Fernández, foi aio do Infante. Foi así que, no marco dun clima de latente rivalidade e competición, tanto Xoán Pérez de Novoa (III) como Xoán Rodríguez de Biedma, fillo de Ruí Páez de Biedma, e, polo tanto, primo materno de María Fernández de Sanabria, a súa nai, foron arroxados aos campos de batalla da guerra civil e dos conflitos luso-casteláns posteriores.

Sabemos que posteriormente, en 1369, Xoán Pérez de Nóvoa (III) actuou no nome de don Fernán Ruíz de Castro, gran líder do movemento petrista galego nos anos subseguintes aos feitos de Montiel, e que, pouco tempo despois, acompañouno no cerco de Monterrei, chegando a liderar os continxentes galego-portugueses mobilizados para esta campaña de ocupación. Do outro lado das murallas estaba Xoán Rodríguez de Biedma, que, verdadeiramente, coordinaría xa, desde Monterrei, a defensa de todas as comarcas limiás contra o avance portugués. 

A rápida vitoria de Henrique II e a derrota de todos os seus inimigos (internos e externos) ditaría destinos moi distintos para estas dúas grandes figuras: Xoán Pérez foi despoxado de moitos dos seus cargos e bens, e Xoán Rodríguez comezou a ser agraciado con numerosas doazóns e privilexios polos primeiros monarcas Trastámara, forxando, así, o embrión señorial da futura casa condal de Monterrei.

Mais, a ausencia do nome de Xoán Pérez de Nóvoa (III) da lista de fidalgos petristas a expulsar de Portugal (en 1373) e, ademais, a súa inexistencia no universo documental deste reino permite supoñer que, a pesar da súa oposición á nova dinastía, nunca debeu de saír do territorio galego, onde outorgou o seu testamento en 1375 e recibiría a encomenda de Santo Estevo de Ribas de Sil en 1380. Non sabemos a data exacta da súa morte, mais é bastante probable que ocorrese pouco despois desta última data. 

Hoxe estamos seguros de que moitas das opcións políticas de Xoán Pérez foron forxadas polo ambiente sociofamiliar no que viviu, dado que o seu sogro, Sueiro Ianes de Parada, foi un dos grandes defensores da causa petrista, até o seu exilio portugués –nunha fase inicial, dentro do séquito de don Fernán Ruíz de Castro–. Todo indica que os primeiros contactos entre as dúas familias tiveron lugar cara a 1352, momento en que Sueiro Ianes outorgou o dote da súa filla Elvira Suárez de Parada.

A esta altura, Sueiro Ianes aínda estaría lonxe de acadar a proxección social que gañaría durante o período da guerra civil, presentándose sempre como un instrumento útil da vontade do rei Pedro I e de don Fernán Ruíz de Castro. Proba disto é a participación deste cabaleiro no asasinato do arcebispo compostelán don Suero Gómez de Toledo e, ademais, a súa chegada ao cargo de Adiantado Maior de Galicia. Durante as guerras luso-castelás, tomou parte activa no asedio portugués á rexión de Tui, cometendo varias arbitrariedades e violencias contra á súa igrexa. A pesar de recibir a orde de expulsión a Portugal (no Tratado de Santarém de 1373), Henrique II permitiulle un exilio definitivo. Sueiro Eanes morreu cara a 1382, sendo mencionado de novo en 1385 nunha doazón rexia dos seus bens portugueses a Mem Rodrigues de Vasconcelos, cabaleiro bastante influínte na corte de don João I de Portugal. En Galicia, Henrique II levou a cabo a confiscación dos seus bens (en 1371), doándoos á Sede de Tui, como forma de compensar os seus excesos durante a guerra. En 1379, esta confiscación e posterior privilexio foron confirmados por Xoán I. A súa filla, Elvira Suárez, naceu do seu matrimonio con Maior Pérez Sorreda (Soutomaior), señora procedente dunha liñaxe con tendencias trastamaristas.

Unidos pola familia e, moi probablemente, por moitas lides conxuntas no campo de batalla, Sueiro Ianes e Xoán Pérez viron frutificar a súa alianza en forma dunha prolífica descendencia. En efecto, Xoán Pérez e Elvira Suárez foron pais de María de Nóvoa, muller de Andrés Sánchez de Gres; Mariña [Páez] de Nóvoa; Inés de Nóvoa e Maior de Nóvoa –todas elas documentadas no testamento de seu pai de 1375–. Bastantes anos máis tarde (en 1397), documéntase un novo Xoán Pérez de Nóvoa (IV), fidalgo que, nun foro, di ser fillo de don Xoán Pérez de Nóvoa (III) e de dona Elvira. A partir destes datos podemos supoñer que Xoán Pérez de Nóvoa (IV) naceu entre 1375 e 1380 e que, ademais, foi el quen se converteu na cabeza da súa liñaxe.

En 1404, Xoán Pérez de Nóvoa (IV) recibiu instrucións do Alcalde Maior de Galicia para que desembargara ao Cabido de Ourense algúns bens e servizos que usurpara. No ano seguinte renunciou ao couto de Sobradelo a favor de Santo Estevo de Ribas de Sil –propiedade que, moi probablemente, formou parte da encomenda que o seu pai posuía deste cenobio–. Ao longo do século XV, a crecente concentración de poder e prestixio nunha única figura deu lugar a unha diseminación dos Nóvoa, sendo a gran maioría descendentes directos do matrimonio entre Xoán Pérez (IV) e dona Leonor de Castro. Nesta nova era, os Nóvoa asumiron unha situación de subordinación en relación aos novos señores da zona da Limia: os condes de Monterrei, de Ribadavia e de Benavente.

 

Bibliografía

Fátima Regina FERNANDES, O reinado de D. Fernando no âmbito das relações régio-nobiliárquicas, Porto, FLUP (Tese de doutormaneto inédita), 1996.

Fátima Regina FERNANDES, «Os Exilados castelhanos no reinado de Fernando I de Portugal», En la España Medieval, 23 (2000), páxs. 101-115.

João Paulo Martins FERREIRA, A nobreza galego-portuguesa da Diocese de Tui (915-1381), Santiago de Compostela, IEGPS-CSIC, 2019 [Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, XLVIII].

Manuel Rubén GARCÍA ÁLVAREZ, «Los Arias de Galicia y sus relaciones familiares con Fernando II de León y Alfonso I de Portugal», Bracara Augusta, XX, núm. 43-44 (1966), páxs. 25-41. 

José GARCÍA ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Ed. Bibliófilos Gallegos, 1981.

César OLIVERA SERRANO, «Los Señores y el Estado de Monterrey (siglos XIII-XVI)», Cuadernos de Historia de España, vol. 80 (2006), páxs. 147-170.

Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, Los Señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de La Maza, 2000, 2 vols.

Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, De Linajes, parentelas y grupos de Poder. Aportaciones a la historia social de la nobleza bajomedieval gallega, Madrid, Fundación Cultural de la Nobleza Española, 2012.

José Augusto de SOTTOMAYOR-PIZARRO, «Os Limas: Da Galiza a Giela (Séc. XII a XV)», en Actas do 2º Congresso Internacional: Casa nobre um património para o futuro, Arcos de Valdevez, Município de Arcos de Valdevez, 2011, páxs. 53-74.

José Augusto de SOTTOMAYOR-PIZARRO, «A família Lima entre a Galiza e Portugal (Séculos XII a XVI)», en José Augusto de Sottomayor-Pizarro y Mário Jorge Barrroca (eds.), Paço de Giela. História de um Monumento, Arcos de Valdevez, Município de Arcos de Valdevez, 2015, páxs. 15-65.

bottom of page