Fernán Rodríguez de Biedma
A deposición de Afonso X por Sancho IV deixou cicatrices bastante profundas na monarquía castelán-leonesa, xa que as décadas seguintes estiveron marcadas polas loitas internas no seo da familia real. O propio Sancho IV viuse obrigado a facer fronte á rebeldía dos Infantes de la Cerda case até o final da súa vida (en 1295). Pola súa parte, María de Molina, nai e titora de Fernando IV, enfrontouse ás pretensións ao trono do infante don Xoán, irmán do seu marido, que foron apoiadas polo infante don Henrique, fillo de Fernando III, e, ademais, polos últimos partidarios dos Infantes de la Cerda. Neste delicado xogo de poderes, a Coroa portuguesa optou por afiliarse ao bando do Infante, xerando, desta forma, un risco de revolta nalgúns sectores da aristocracia galega, detentores de importantes relacións transfronteirizas.
Así, volvíase imperativo remodelar o cume da pirámide aristocrática galega, poñendo ao seu fronte un personaxe máis próximo a Fernando IV e á súa nai. O escollido para esta tarefa foi o infante don Filipe, fillo de Sancho IV, que foi enviado a Galicia con só sete anos (en 1299). Nado en Sevilla en 1292, foi entregado pronto aos coidados de don Fernán Rodríguez de Biedma, probable fillo de don Rodrigo Íñiguez de Biedma e de dona Aldonza Ponce de León, e, polo tanto, neto de don Íñigo Íñiguez, pola súa parte, probable fillo de don Íñigo Ortiz ou do seu irmán don García Ortiz, comendador de Biedma pola Orde de Santiago a mediados do século XII. A pesar das súas orixes navarras, os Biedma souberon usar a súa influencia ao redor das ordes militares para engrandecer os seus dominios en Castela, gañando algún protagonismo social neste reino.
Talvez acompañado polo seu aio, don Filipe enfrontouse, entre 1299 e 1300, coa brutal resistencia de don Fernando Rodríguez de Castro, Pertegueiro Maior de Santiago e principal valido do infante don Xoán en Galicia, que acabaría por ser encarcerado temporalmente no castelo de Vilalba. Porén, o abandono por don Xoán das súas pretensións políticas (en 1300) e a crecente diminución dos apoios internos (e externos) de don Fernando Rodríguez (até cara a 1304) permitiron un cambio favorable ao Infante.
Co respaldo total da Coroa, don Filipe e Fernán Rodríguez de Biedma cercaron os Castro en Monforte de Lemos (ca. 1304-1305), chegando a asasinar a don Fernando Rodríguez de Castro en batalla. A partir deste momento, o Infante pasou a asumir o domino incontestado sobre toda Galicia, como gran representante da autoridade real neste territorio. Ademais de Mordomo de El-Rei, tamén foi señor de Cabrera e Ribera, comendador dos bens do bispado de Lugo, Adiantado Maior no Reino de Galicia, Pertegueiro Maior de Santiago e tenente das principais terras galegas, sendo de destacar a de Limia (a partir de 1317). Tendo en conta a relación sumamente próxima do Infante e dos Biedma con Santa Clara de Allariz, podemos presumir que esta terra se transformou no seu verdadeiro centro de operacións na rexión. No momento da súa morte (en 1327), don Filipe chegou a expresar no seu testamento a vontade de ser soterrado en Santa Clara, feito que evidencia plenamente a importancia estratéxica que atribuíra a este espazo.
Durante as duras batallas que o Infante mantivo cos Castro, o seu aio sempre foi un brazo armado verdadeiramente indispensable, chegando a liderar as forzas que asaltaron Monforte de Lemos. A confianza case familiar que don Filipe sempre depositou en Fernán Rodríguez de Biedma permitiulle chegar ao cargo de Meiriño Maior de Galicia e transformarse nun dos grandes señores das comarcas limiás. Do seu casamento con María Páez de Soutomaior naceron: Álvaro Páez de Biedma, bispo de Mondoñedo (entre 1329 e 1343) e de Ourense (entre 1343 e 1351); Maior Fernández de Biedma, señora que casou con Fernán García de Sanabria ou Seabra (Mordomo Maior do Infante) e, posteriormente, con Xoán Pérez de Novoa (II) (tenente de Aguiar entre 1318 e 1339), co que, segundo o seu testamento de 1348, tivo descendencia: Ruí Páez de Biedma (Mordomo Maior do infante don Pedro e, despois, Adiantado e Meiriño Maior de Galicia), marido, en primeiras nupcias, de Aldonza Núñez (coa que tivo descendencia feminina, morta de forma temperá) e, en segundas, de Juana Gómez de Toledo (sendo fillo de ambos Xoán Rodríguez de Biedma, famoso partidario de Henrique II); e, finalmente, Fernán Rodríguez e María Páez tamén serían pais, moi probablemente, de Afonso Fernández de Biedma, falecido na fronteira musulmá e que foi pai de dona Elvira Afonso de Biedma, muller de Alfonso Fernández Coronel (Cornel), cabaleiro da Orde da Banda (1330) e Rico-Home de Pedro I.
Dentro deste contexto xenealóxico é importante destacar o sistema de alianzas forxado polas relacións de Maior Fernández de Biedma, xa que o seu fillastro, Pedro Eanes de Novoa (III), nacido do primeiro matrimonio de Xoán Pérez de Novoa (II) con Beatriz Gonçalves Raposo (Meseses), casou coa súa filla María Fernández de Sanabria, nacida do seu matrimonio anterior con Fernán García de Sanabria, concentrándose, así, moitos dos bens dos Nóvoa, Biedma e Sanabria (ou Seabra) nunha única parella. Porén, sería Xoán Rodríguez de Biedma, sobriño de Maior Fernández, o verdadeiro líder da súa familia durante os conturbados reinados de Pedro I e Henrique II.
Bibliografía
Mercedes DURANY CASTRILLO, Francisco Javier PÉREZ RODRÍGUEZ, María Beatriz VAQUERO DÍAZ, «A Terra da Limia na Idade Media», en Fermín Pérez Losada (ed.), Hidacio da Limia e o seu Tempo: a Gallaecia Sueva / A Limia na Época Medieval, Xinzo de Limia, Concello de Xinzo de Limia, 2014, páxs. 237-257.
Gonzalo Francisco FERNÁNDEZ SUÁREZ, La nobleza gallega entre los siglos XIV-XVI. Los Sarmiento Condes de Ribadavia, Santiago de Compostela, El Eco Franciscano, 2002.
José GARCÍA ORO, La nobleza gallega en la Baja Edad Media. Las casas nobles y sus relaciones estamentales, Santiago de Compostela, Ed. Bibliófilos Gallegos, 1981.
César OLIVERA SERRANO, «Los Señores y el Estado de Monterrey (siglos XIII-XVI)», Cuadernos de Historia de España, vol. 80 (2006), páxs. 147-170.
Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, Los Señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de La Maza, 2000, 2 vols.
Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, De Linajes, parentelas y grupos de Poder. Aportaciones a la historia social de la nobleza bajomedieval gallega, Madrid, Fundación Cultural de la Nobleza Española, 2012.
Francisco Javier PÉREZ RODRÍGUEZ, «La Provincia de Ourense en la Época del Románico», en José María Pérez González (dir.) e José Carlos Valle Pérez (coord.), Enciclopedia del Románico en Galicia, Ourense, Aguilar de Campoo, Fundación Santa María la Real-Centro de Estudios del Románico, 2015, tomo I, páxs. 19-31.
Jorge Abraham VILA ÁLVAREZ, «As Torres da Alta Limia durante a Idade Media (S. XII-XV)», en Fermín Pérez Losada (ed.), Hidacio da Limia e o seu Tempo: a Gallaecia Sueva / A Limia na Época Medieval, Xinzo de Limia, Concello de Xinzo de Limia, 2014, páxs. 260-289.