top of page

Isabel de Castro (II)

Desde hai moito tempo foi considerada filla dos primeiros condes de Lemos, pero este suposto está hoxe descartado de todo, sen que sexa posible precisar nada respecto da súa verdadeira filiación e personalidade social; pode sospeitarse, iso si, unha máis que probable proximidade familiar coa liñaxe condal de Lemos [1]. Consta moi ben, pola contra, que dona Isabel foi irmá de dona Constanza de Castro, a célebre beata viveirense, muller de Ruy Díaz de Andrade, señor de San Pantaleón, en Betanzos, e que os seus pais foron sepultados na conventual franciscana de Viveiro. 

 

Casou primeiro con Galaor Mosquera, comendeiro de Mondoñedo (fillo de Pedro López Mosqueira, tenente do castillo de Alba e alférez maior do duque don Fadrique de Arjona, e de dona Constanza Rodríguez [Soutelo?], a súa primeira muller), co que non tivo sucesión [2]. Posteriormente, pero antes de mediar o século polo que parece, casou co mariscal Pedro Pardo de Cela (fillo de Juan Núñez Pardo de Cela e de dona Constanza Rodríguez de Aguiar), co cal tivo dúas fillas: dona Beatriz de Castro, que foi casada con Pedro Fernández de Bolaño, señor de Torés (fillo de Fernán Díaz de Ribadeneira o Vello e de dona Mayor de Vaamonde, que era viúva de Vasco de Parga), e dona Constanza de Castro, casada en primeiras nupcias con Galaor Osorio e, en segundas, con Fernán Ares de Saavedra (fillo de Ares Vázquez de Parga, señor da Casa de Vaamonde, e de dona Constanza López de Saavedra) [3].

 

No ano 1458, dona Isabel de Castro e Pedro Pardo de Cela mercaron ao xastre Pedro Bachán e á súa muller a metade dunha casa e unha herdade na veiga de Landrove, sendo xa deles a outra metade [4]. Ese mesmo ano, dona Isabel solicitou que deslindasen unhas propiedades que comprara a Xácome Eanes, xa difunto: un oitavo das loxas ou pozo de María Covas, unha casa, a metade dos casares de Beduído, a viña da Veiga e unha leira [5].

 

En 1481 foi nomeada, xunto a Ruy González de Ribadeneira, sobriño do Mariscal, albacea deste, a los quales pongo et apodero en todos mis bienes muebles et rayzes para sin mandamento de juez nin de alcalde ayan libre et conplido poder para entrar et tomar que tantos dellos quantos ellos quisieren et por ven tobieren, et los puedan vender et rematar para que de lo que balieren et por ellos dieren cunplan et paguen todo lo contenido en este testamento se encomienda el cumplimiento de las cláusulas y la liquidación final de los bienes [6]. Ademais recibiu outros bens como a pousa de Cendemil, con todas as herdades e casares, así como os casares de Pereiro, as viñas do Valadouro e a terraría de Recarei, durante a súa vida, que deberían pasar despois ás súas fillas [7].


A lenda e a tradición fixeron célebre a pasaxe de a ponte do Pasatempo, facendo crible que dona Isabel de Castro, portadora do perdón real para o seu marido, sería entretida polos cóengos até que as campás da catedral de Mondoñedo tocaron a morto [8]. Pero nada disto responde á realidade dos feitos coñecidos. De calquera forma, o que consta por declaracións de testemuñas é que, tras a execución do seu marido, dona Isabel pasou a recollerse no convento dos Picos, inmediato a Mondoñedo, en compañía da súa filla dona Beatriz. A partir daqueles acontecementos e sempre co apoio da devandita filla, dona Isabel preiteou por recuperar os bens confiscados ao seu marido; así, polo de pronto, xa en 1484 os Reis Católicos ordenaron a Sancho García del Espinar que entendese no preito interposto por dona Isabel en relación co citado secuestro de bens, decretado por don Fernando de Acuña [9].

--

[1] Véxase Isidro García Tato, Doña Beatriz de Castro. Señora de Villafranca, Ponferrada y Monforte de Lemos, Ponferrada, Fundación Pedro Álvarez Osorio, Ayuntamiento de Ponferrada, 2008, páx. 47.

[2] Véxase Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, “Repertorio biográfico. Genealogía y prosopografía de mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV)”, en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV). Estudios, biografías y documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento - Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2017, páxs. 379-380.

[3] Véxase Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, O mariscal Pedro Pardo de Cela, a súa liñaxe e a súa parentela, tríptico conmemorativo da exposición “O Castro de Ouro e o mariscal Pedro Pardo de Cela”, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, 2022.

[4] ADM, Camarasa [Casa de Guitiriz], leg. 4, núm. 242. Editado en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, “Los Pardo de Cela del siglo XV”, Anuario Brigantino, 9 (1986), páxs. 27-28.

[5] AHN, Diversos, Colección Diplomática, leg. 1, núm. 34.

[6] Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, El testamento del mariscal Pardo de Cela. Noticia del hallazgo y edición del documento, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, 2020, págxs. 41-42 [anticipado nos Cuadernos de Estudios Gallegos, 60, 126 (2013), págs. 171-223].

[7] Ibidem, pág. 56.

[8] Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, “El mariscal Pardo de Cela: Leyenda, mito y realidad”, en Manuel Alfonso Valín Valdés, Carlos Andrés González Paz e Juan Ramón Fernández Pacios (coord.), O Mariscal Pardo de Cela e o seu tempo, Lugo, Deputación Provincial de Lugo, 2006, páx. 6.

[9] Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Los señores de Galicia. Tenentes y condes de Lemos en la Edad Media, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, tomo 2, páx. 238.

bottom of page