Teresa de Zúñiga (I)
Dona Teresa de Zúñiga foi filla de don Diego López de Zúñiga (IV), o Mozo, señor de Monterrei e mordomo maior da infanta dona Catalina –quen, pola súa parte, era fillo de don Diego López de Zúñiga (III), señor de Béjar e xustiza maior de Castela, e de dona Juana García de Leiva–, e de dona Elvira Rodríguez de Biedma, señora da Casa de Biedma, como herdeira dos seus proxenitores, Xoán Rodríguez de Biedma e dona Teresa López de Orozco. Os seus irmáns foron don Xoán de Zúñiga, primeiro vizconde de Monterrei, que casou con dona María de Bazán, e dona Beatriz de Zúñiga, que casou con don Rodrigo de Villandrando, primeiro conde de Ribadeo. A estes haberíalles que sumar os fillos que o seu pai tivo como froito do seu segundo matrimonio con dona Constanza Barba, señora de Pedrosa: Pedro de Zúñiga, señor de Baides; Diego de Zúñiga; dona Leonor de Zúñiga, que casou con don Pedro de Sandoval; e dona Mencía de Zúñiga, que casou con Juan de Luna, señor das vilas de Juvera, Cornago e Egea.
Dona Teresa de Zúñiga foi casada con don Diego Pérez Sarmiento, señor de Ribadavia e primeiro conde de Santa Marta, además de adiantado maior de Galicia, quen outorgou a escritura de arras en 1428 e co que mantivo un longo matrimonio marcado pola alianza e a colaboración conxugal na xestión do patrimonio familiar e no exercicio do poder señorial dos Sarmiento.
Aínda que dona Teresa non deixou descendencia, cómpre sinalar que criou como se fose fillo propio o que o seu marido tivo cunha escrava chamada Úrsula: don Bernardino Pérez Sarmiento, o cal foi lexitimado e chegou a ser o herdeiro do seu pai e, finalmente, o primeiro conde de Ribadavia. De feito, don Diego Pérez Sarmiento encomendoulle no seu testamento á condesa dona Teresa a titoría de don Bernardino e a “la governación e administraçión de mis tierras e villas e casas fuertes e fortalezas”, así como a vila castelá de Mucientes, durante a súa vida, “por quanto la mi parte della es suya, de la dicha Condesa, porque la fesimos e compramos durante el matrimonio entre ella e mi. E de la otra mitad le fago merçed della para que della disponga della (sic) lo que quysiere e por bien toviere en remuneración de los servicios que ella me ha fecho de treinta años a esta parte”. Ademais, tamén lle deixou o que lle correspondía polo dote e as arras e, no seu codicilo, engadiu o correspondente a un xuro de herdade en terras castelás, que correspondía a unha mercé outorgada a ambos en 1458 por Henrique IV, o que se sumaba a 180.000 marabedís de xuro de herdade que o mesmo monarca concedera a dona Teresa en 1460.
Todo este patrimonio que recibiu do seu marido ou conxuntamente con don Diego Pérez Sarmiento sumábase aos seus bens propios e tamén a outros gañados, por exemplo, como herdanza de dona María de Limia e don Alonso Suárez de Deza, caso do castelo de Celme, coas súas terras e vasalos.
Unha pasaxe importante na traxectoria de dona Teresa foi o seu calculado posicionamento durante a rebelión irmandiña de 1467, á que se sumou, como tamén fixeron outros señores e cabaleiros galegos. Disto é testemuño singular a demanda que a “muy virtuosa señora” dona Teresa de Zúñiga, condesa de Santa Marta, presentou na vila de Monterrei o 21 de febreiro de 1467, feita ante dous representantes da Irmandade xeral, que se comprometeron a proceder contra os querelados: don Sancho Sánchez de Ulloa, que foi acusado por dona Teresa de tomarlle e derribarlle a fortaleza de Castro de Caldelas de Orcellón, e don Pedro Pardo de Cela e don Diego de Andrade, que tomaran e ocuparan pola forza o couto de Leiro e a vila, fortaleza e terra de San Marta, cabeza e título do condado de dona Teresa. De feito, Henrique IV ordenou ás irmandades que respectaran e devolveran a dona Teresa, ao conde don Bernardino e ao vizconde don Xoán de Zúñiga todas aquelas vilas, fortalezas e terras que lles tomaran e que desistisen no futuro de ocuparlles ningún outro ben.
En 1470, estando en Mucientes e disposta a emprender camiño cara a Galicia, dona Teresa outorgou o seu testamento no que mandou diversos legados a varias “iglesias e santuarios e casas de beatas”. Ademais, solicitou ser soterrada xunto ao seu marido, don Diego Pérez Sarmiento, na vila de Mucientes, e nomeou como herdeiro universal dos seus bens ao citado conde don Bernardino “lo primero por él ser fijo del Conde, mi señor, que Dios aya, de quien yo muchos vienes e buena compañía hube, e porque yo lo crié e lo tomé como a fijo des[de] pequeño fasta agora, e él sienpre me obedeçió e nunca se salió de mi mandado”.
Pouco despois regresou a Galicia, onde foi asasinada a lanzadas polos seus vasalos de Ribadavia en outubro dese ano.
Bibliografía
Gonzalo Francisco FERNÁNDEZ SUÁREZ, La nobleza gallega entre los siglos XIV-XVI. Los Sarmiento Condes de Ribadavia, Santiago de Compostela, El Eco Franciscano, 2002.
Miguel GARCÍA-FERNÁNDEZ, “Las Sarmiento: mujeres con poder al final de la Edad Media”, en M.ª Isabel del Val Valdivieso e Cristina Segura Graíño (coords.), La participación de las mujeres en lo político. Mediación, representación y toma de decisiones, Madrid, A. C. Almudayna, 2011, páxs. 135-154.
Miguel GARCÍA-FERNÁNDEZ, “Doña Teresa de Zúñiga, de «muy onorable» a «condesa muy endiablada». Una mujer con poder en la Galicia del siglo XV”, webinario impartido no marco do “I ciclo de webinarios divulgativos del IEGPS. Vidas medievales en Galicia”, o 18 de maio de 2021. Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia).
Eduardo PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, «Repertorio Biográfico. Genealogía y Prosopografía de Mujeres con Poder en la Galicia Medieval (siglos XIII-XV)», en Eduardo Pardo de Guevara y Valdés (ed.), Mujeres con Poder en la Galicia Medieval (Siglos XIII-XV). Estudios, Biografías y Documentos, Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento - Consejo Superior de Investigaciones Científicas, 2017, pp. 586-593.