Biografías
Principais personaxes históricos relacionados coas fortalezas a finais da Idade Media (séculos XIV-XVI)
Dos Castro e Enríquez...
As fortalezas de Monforte e Castro Caldelas evocan o poder señorial que exerceron sobre a contorna liñaxes da alta nobreza como os Castro. Precisamente, en 1332 e 1336, Pedro Fernández de Castro recibiu de Afonso XI o señorío destes territorios. A partir dese momento, os "roeles" dos Castro quedaron unidos aos homes e mulleres que señorearon as fortalezas de Castro Caldelas e Monforte de Lemos, a pesar de que a caída en desgraza de Fernán Ruíz de Castro, desembocou na concesión destes señoríos ao conde don Pedro [Enríquez], sobriño do monarca castelán-leonés Henrique II.
... aos Osorio
Finalmente, a mediados do século XV, don Pedro Álvarez Osorio, que casou coa filla do conde don Pedro, dona Beatriz, á que axudou a reconstruír o patrimonio familiar dos Lemos tras a caída en desgraza do seu irmán, don Fadrique, converteuse no I conde de Lemos ao recibir de Henrique IV a concesión do condado hereditario. Sen renunciar ás armas dos Enríquez de Castro de dona Beatriz, os Osorio, cos lobos nas súas armerías, consolidaron o seu control sobre as fortalezas de Castro Caldelas e Monforte desde a segunda metade do século XV.
E outras liñaxes na Galicia medieval
Ao longo da Plena e a Baixa Idade Media moitas outras familias, liñaxes e parentelas nobiliarias exerceron o seu poder e señorearon as diversas torres e castelos que xurdiron polo conxunto do territorio galego. Moitas delas, por exemplo, proxectaron os seus intereses compartidos sobre espazos comúns como sucede en espazos como a Terra de Limia, onde os Limia, os Novoa, os Biedma, os Zúñiga, os Ulloa ou os Pimentel exerceron o seu poder e influencia.
Enderezo electrónico
Enderezo postal
Rúa San Roque, 2
15704, Santiago de Compostela (A Coruña)
Séguenos