Os nosos castelos da Ribeira Sacra: Castro Caldelas e Monforte de Lemos
No ano 2021, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, contando coa colaboración dos concellos de Castro Caldelas e Monforte de Lemos, mais de Turismo de Galicia, organizou a exposición dupla "Os nosos castelos da Ribeira Sacra: Castro Caldelas e Monforte de Lemos". Esta iniciativa levou a cada un destes concellos unha exposición monográfica sobre o castelo que forma parte do seu patrimonio e sobre os homes e mulleres que os "señorearon" a finais da Idade Media.
A inauguración da exposición "Os nosos castelos da Ribeira Sacra: Castro Caldelas" celebrouse no propio castelo da localidade, o 5 de novembro do 2021, ás 17:00, contando coa presenza da alcaldesa de Castro Caldelas, D.ª Sara Inés Vega Núñez, e o director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Dr. Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, quen ofreceu unha disertación sobre "Los Señores de la Casa de Lemos". Despois tivo lugar a entrega de premios aos gañadores/as do concurso escolar convocado para o alumnado do CPI Virxe dos Remedios de Castro Caldelas. A exposición foi visitable no Salón Nobre do Castelo de Castro Caldelas do 5 ao 19 de novembro do 2021.
No caso da exposición "Os nosos castelos da Ribeira Sacra: Monforte de Lemos", esta foi inaugurada na Casa da Cultura de Monforte, o 26 de novembro do 2021, ás 17:00, nun acto no que, xunto á disertación do director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento sobre os Señores de Lemos, tamén foron entregados os premios aos gañadores/as do concurso escolar convocado para o alumnado monfortino. A exposición foi visitable na devandita Casa da Cultura do 26 de novembro ao 10 de decembro do 2021.
O 2 de febreiro do 2022, ás 13 horas, reinaugúranse conxuntamente ambas exposicións no Antigo Hospital de San Roque, sede do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, en Santiago de Compostela, co obxectivo de divulgar o noso patrimonio noutros lugares de Galicia. O acto contará coa presenza da Alcaldesa de Castro Caldelas e o Alcalde de Monforte de Lemos, así como do Director do IEGPS. A exposición será visitable do 2 ao 16 de febreiro do 2022.
Enderezo electrónico
Enderezo postal
Rúa San Roque, 2
15704, Santiago de Compostela (A Coruña)
Séguenos